prueba

Hitraf, puntal da modernización tecnolóxica forestal

A empresa de Vila de Cruces iniciou no 2002 a venda de procesadoras Valmet, hoxe en día Komatsu Forest, unha marca sueca da que xa leva comercializados 180 equipos, entre novos e usados. Tractores forestais, autocargadores, remolques e maquinaria agrícola completan a súa oferta

O sector forestal galego e do resto de España experimentou nas últimas dúas décadas un gran salto tecnolóxico, coa chegada e popularización das procesadoras forestais, uns equipos que axilizan a corta e tronzado das árbores no monte. O proceso de innovación completouse coa expansión de modernos equipos adaptados ós traballos forestais, tanto autocargadores coma tractores, grúas, remolques ou cortadores de leña. Hitraf, unha empresa de Vila de Cruces nada no 1986, ten boa parte de responsabilidade en todo este proceso de modernización do monte galego.

A firma cruceña, na que traballan 42 persoas, comercializa desde o 2002 unha das marcas pioneiras en procesadoras forestais, a sueca Komatsu Forest, da que xa leva vendidas 180 unidades, entre novas e usadas, para Galicia e o resto de España. Hitraf presta tamén servizo posventa a nivel de todo o Estado, para o que conta coa colaboración de talleres colaboradores, equipos móbiles de mecánicos que dan asistencia no monte e servizo de recambios en menos de 24 horas.

Procesadora Komatsu

Procesadora Komatsu

As vendas de procesadoras forestais experimentaron unha tendencia de crecemento nos últimos anos, tanto no mercado de maquinaria nova como nas usadas, que veñen desde Escandinavia. “Importamos procesadoras usadas (Komatsu – Valmet) que estean en boas condicións e poñémolas a punto nas nosas instalacións, en ocasións renovando o cabezal de corta e facendo outro tipo de adaptacións” -explica Ana Sánchez, de Hitraf-. “Os equipos usados comercialízanse con indicación do tempo que teñen e das horas de traballo que acumulan”.

Dentro da gama de procesadoras, en Galicia, hai unha certa preferencia por equipos de dimensións reducidas, adaptables ás características de pistas e parcelas. A oferta de Komatsu inclúe tamén equipos de 8 rodas que se caracterizan pola súa maior estabilidade de traballo en desniveis, o que os fai de especial interese para o monte galego. É o caso da procesadora Komatsu 901 XC, galardoada no premio de innovación de Galiforest, ou da Komatsu 931 XC.

Tractores Valtra e maquinaria agrícola
A oferta da empresa cruceña, que en procesadoras e autocargadores traballa coa marca Komatsu, complétase cos tractores Valtra e con equipos complementarios, coma remolques, grúas, cabestrantes, cuchillas ou raxadores de leñas.

O principal posicionamento de Hitraf é o sector forestal, aínda que tamén comercializa tractores agrícolas Valtra, equipos de laboreo e sementeira Pottinger e colleitadoras de forraxe McHale. “Traballamos bastante reparacións agrícolas e venda de recambios agrícolas, pero a comercialización de maquinaria agrícola tamén ten o seu peso”, valoran.

Simulador forestal.

Simulador forestal.

Simuladores de formación
A puxanza que experimenta o sector forestal nos últimos anos en Galicia leva a que haxa unha demanda importante tanto de maquinaria como de profesionais capacitados no seu manexo. Para a formación do persoal, Hitraf comercializa simuladores de formación de procesadoras forestais e de autocargadores.

O primeiro simulador instalouse en Galicia hai nove anos no centro de formación profesional do Pedroso, en Santiago, e este ano estanse instalando novos simuladores en centros de Ponteareas, Mondoñedo e tamén Santiago. “Son centros nos que se forman maquinistas para o sector e nos que tamén se poden organizar cursos de formación para persoal de empresas”, sinalan en Hitraf.

Unha das cuestións nas que se está a notar a maior mecanización dos traballos forestais é no acceso das mulleres ás empresas do sector. “Hai anos era un traballo moi masculino, pero hoxe en día hai tamén moitas mulleres maquinistas no sector”, contan.

Demostraciones de Hitraf en Galiforest: Komatsu 901 XC