hipra estandar asesoramento

Hipra, unha saúde animal con menos medicamentos e máis vacinas

Hai unha década, Laboratorios Hipra, unha compañía farmacéutica veterinaria de Girona, decidiu que a súa estratexia de negocio pasaba por convertirse nun referente mundial da prevención en sanidade animal. “Naquel momento decidimos non investir en antibióticos. Hoxe pode pensarse que foi unha decisión acertada, pero daquela semellaba cando menos aventurada”, lembra o director xeral de Hipra, Carlos Montañés.

O laboratorio organizou estes días un acto para anunciar a súa aposta por afondar na estratexia de prevención ata o ano 2025. Desde o 2008, Hipra lanzou 17 vacinas (7 en rumiantes, 7 en porcino, 2 en avicultura e 1 en coellos), que cubren enfermidades como a mamite en vacún ou o mal de aujezski en porcino.

Javier Sanz, Carlos Montañés e Joan Tarradas, en rolda de prensa.

Javier Sanz, Carlos Montañés e Joan Tarradas, en rolda de prensa.

A súa intención é continuar ata o 2025 na mesma liña de rexistrar 1-2 vacinas ó ano. “Queremos posicionarnos como líderes mundiais en produtos biolóxicos (vacinas)”, sinala o director xeral de Hipra España, Joan Tarradas.

O progresivo aumento do volume de negocio da compañía confirma esa estratexia como acertada. Hai unha década, cando Hipra decidiu cambiar de rumbo, facturaba 70 millóns de euros ó ano. No 2016 ingresou 225 e para este ano prevé facturar 250.

Desa cantidade, un 10% reinvístese en Investigación + Desenvolvemento (I+D). A compañía considera prioritaria a investigación, polo que conta cun equipo de I+D que aglutina a máis de 240 persoas, un 16% da súa plantilla total.

Liña farmacolóxica
A aposta de Hipra na prevención implica un menor esforzo na súa liña farmacolóxica. “Hipra non vai lanzar novos produtos farmacolóxicos” -confirma o director de marketing da compañía, Javier Sanz.-. “Pero seremos a compañía que vai lanzar máis vacinas ata o 2025”, pronostica.

A firma ten previsto manter o seu actual catálogo farmacolóxico, que xa só representa un 20% das vendas, fronte ó 60% que copaba hai unha década, pero tampouco descarta eliminar produtos que sexan incoherentes coa súa liña de prevención. De feito, nos últimos meses retirou de xeito voluntario dous medicamentos do mercado.

Servizo de asesoramento de Hipra a unha explotación avícola.

Servizo de asesoramento de Hipra a unha explotación avícola.

Programa para reducir o uso de antibióticos

O foco de Hipra na prevención ten o seu punto forte no desenvolvemento de vacinas, aínda que inclúe outra serie de cuestións. “Sempre falamos de que somos unha compañía referente en prevención, non en vacinas, porque prevención tamén son os servizos de diagnóstico que lles prestamos ós veterinarios ou os servizos para axudar a que as explotacións reduzan o consumo de antibióticos”, sinala Joan Tarradas.

A redución do consumo de antibióticos en saúde animal enfocábase ata hai uns anos na importancia de evitar residuos na carne comercializada. Hoxe en día, o aumento de bacterías resistentes ós antimicrobianos puxo na diana o uso de antibióticos na gandería.

“Hai que empregar tan poucos antibióticos como sexa posible, eliminándoos da prevención, e tantos como sexa necesario, con fins curativos”

Ante o novo escenario, en Hipra crearon un programa, Origins, dirixido a elaborar plans de cría de animais de abasto sen uso preventivo de antibióticos. “Con Origins, dáse resposta ás demandas do consumidor e tamén se buscan melloras na produción”, destaca a compañía.

A idea de Origins consiste en reducir o uso dos antibióticos como elemento de prevención. “Cando hai unha enfermidade, está claro que pode ser preciso empregar antibióticos. Tampouco dicimos non os antibióticos. O que dicimos é que hai que empregar tan poucos como sexa posible e tantos como sexa necesario”, precisa o director xeral de Hipra España, Joan Tarradas.

O programa Origins púxose en marcha na avicultura e extenderase de xeito progresivo a outras especies. As explotacións que participan no programa reciben unha certificación que garante que están participando nun plan para reducir o uso de antibióticos. Ese certificado, nalgúns casos, xa é visible para o consumidor no etiquetado final do produto.

Planta de produción de vacinas de Hipra.

Planta de produción de vacinas de Hipra.

O concepto da ‘vacinación intelixente’

Hipra está a incorporar un chip os seus frascos de vacinas co obxectivo de lograr a trazabilidade de todo o proceso de vacinación. O chip pode ser lido polo dispositivo de vacinación, que a súa vez está conectado cun software (HipraLink) que permite o volcado dos datos de traballo no ordenador, de xeito que o profesional pode automatizar tarefas de seguemento e planificación.

O proceso de dixitalización das vacinas, que xa está en marcha na avicultura, extenderase progresivamente a outras especies. É o que Hipra bautizou como ‘Smart Vaccination’ (Vacinación intelixente).

Formación continua
Co obxectivo de manter ó colectivo veterinario formado nas últimas novidades en materia de prevención, Laboratorios Hipra iniciou no 2012 un programa de formación continua denominado ‘Hipra university’, polo que xa pasaron máis de 2.000 profesionais para participar en cursos específicos sobre cuestións como a mastite bovina, a coccidiosis, a pneumonía aviar ou a rinite atrófica en porcino.

Sede central de Hipra.

Sede central de Hipra.

Construción dunha planta de fabricación en Estados Unidos

A compañía, nada en Madrid nos anos 50 e asentada en Amer (Girona) desde o 1971, extendeu nas últimas décadas a súa presenza internacional, ata chegar a 34 países nos que ten filiais, en tanto os seus produtos comercialízanse xa en máis de 100 países. O próximo paso da súa expansión vai ser a construción dunha planta de produción de vacinas en Estados Unidos, en concreto no Estado de Nova Jersey, onde xa adquiriu terreos.

Hipra espera que a planta estea operativa no 2020. Coa nova planta, Hipra quere consolidar a súa filosofía loxística de darlle servizo áxil a todos os mercados nos que está presente. O laboratorio presume de ter uns inventarios altos e uns prazos de entrega inferiores ás 48 horas sen roturas da cadea de frío.

Nos próximos anos, a compañía ten previsto tamén ampliar os edificios con que conta no entorno da súa sede central, en Amer (Girona), para o que xa adquiriu máis de 11 hectáreas de terreos.