A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“A Granxa Experimental do Campus Terra destaca por contar coas mellores condicións de benestar animal”

Entrevista a Francisco Fernández Valiña, arquitecto técnico de COPCISA e xefe de obra da Granxa Experimental do Campus Terra, que promove e financia a Deputación de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela

“A Granxa Experimental do Campus Terra destaca por contar coas mellores condicións de benestar animal”

Francisco Fernández Valiña, arquitecto técnico de COPCISA e xefe de obra da Granxa Experimental do Campus Terra

Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra que promove e financia a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, incorporará as últimas innovacións en benestar animal.

A instalación, situada en Castro Ribeiras de Lea e que está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial, ten previsto estar operativa este outono para os estudantes do Campus Terra.

Falamos con Francisco Fernández Valiña, arquitecto técnico de COPCISA e xefe de obra para que nos explique os aspectos máis destacados desta instalación.

Es o responsable de obra da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra. Que experiencia tiñades en COPCISA con estas instalacións gandeiras?
Copcisa realizou obras agropecuarias anteriormente, mesmo para a propia granxa Gayoso, aquí en Castro Ribeiras de Lea. A constante evolución neste sector tamén nos obrigou a estudar as novas tecnoloxías e a adaptación das mesmas a esta obra.

Cales foron os principais retos construtivos aos que vos enfrontades na construción destas instalacións?
Destacaría a complexidade da zona de gando dentro da nave principal, pois nela hai instalacións de manexo e muxido moi especificas do sector que deben quedar perfectamente adaptadas e funcionais na distribución interior, para conseguir unha boa produción e as mellores condicións de benestar animal, que é o máis importante nunha granxa deste tipo.

Cantos traballadores participaron na construción desta obra?
Unha vez terminada a obra, contabilizaranse máis de 150 traballadores. En canto ás toneladas de material empregado, por exemplo, para os recheos de toda a parcela achegaranse máis de 12.000 toneladas de material.

Trátase dunha das poucas Granxas Experimentais que existen en España, ¿Visitastes algunhas das existentes?
Realizamos varias visitas organizadas a distintas granxas con instalacións de última xeración similares ás que se colocarán aquí.

A construción da fosa de xurro deparou algunha sorpresa. Que cambios tivestes que realizar?
Si, o terreo nesta zona ten un nivel freático moi alto e as condicións climatolóxicas complicaron en gran medida a execución da fosa, xa que chegamos a ter máis de 2 metros de auga acumulada nela, á que temos que dar saída de maneira constante mediante unha rede de drenaxe subterránea e un sistema de bombeo.

“É moi interesante o sistema de recollida do xurro”

A calidade dos materiais neste tipo de instalacións é clave para resistir o paso dos anos, o peso da maquinaria ou a corrosión. Que destacarías do material empregado?
Os materiais utilizados están pensados para este tipo de explotación. Por exemplo, os formigóns con alta resistencia aditivados contra axentes químicos, a cuberta con panel tipo Agro con lámina inferior de poliéster reforzado para garantir a resistencia ante os gases xerados etc…

O raiado do piso é moi importante para garantir o benestar animal. Que características vai ter?
Será un raiado superficial e pouco agresivo para o animal, así non sufrirán cortes nin terán un gran desgaste.

En canto a coñecemento sobre construción deste tipo de instalacións, ¿que vos está achegando esta obra a COPCISA?
Destaco a gran sensibilidade que hai para conseguir as mellores condicións de benestar animal. Iso deriva nunha gran cantidade de estudo de detalle para calquera avance na execución da obra, que sempre se pode ver aplicado dunha maneira ou outra en obras con características totalmente distintas.

Algo máis que queiras destacar desta obra?
Entre outras, paréceme moi interesante o sistema de recollida de xurro e o traslado mecánico do mesmo de maneira automatizada á fosa. Tamén se conta cun sistema de recollida de pluviais e de auga filtrada polo terreo para o seu almacenamento e posterior aproveitamento na granxa.

logo copcisa amplo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *