Agrotour-ganaderos-en-Austria-vacas-Fleckvieh-

Gandeiros galegos viaxan a Austria para coñecer a raza Fleckvieh

Un grupo de gandeiros de Lugo e A Coruña visitan na rexión montañosa de Austria varias gandarías de ecolóxico e intensivo que traballan coa raza Fleckvieh, con gran presenza no país e coñecida polo seu dobre propósito, tanto para a produción de leite como cárnica

Un grupo de gandeiros de Lugo e A Coruña visitaron varias granxas das rexións da alta montaña de Estiria e Baixa Austria para coñecer de primeira man como traballan nestas gandarías, onde predominan as vacas de raza Fleckvieh. O agrotour estivo organizado pola firma lucense Ganados Barreira, representante español da entidade Genetic Austria GmbH, encargada da exportación desde Austria de material xenético bovino e gando. No seu percorrido, os gandeiros visitaron varias gandarías leiteiras tanto de intensivo como en ecolóxico, todas elas con vacas Fleckvieh.

Máis do 80% das gandarías do país teñen vacas Fleckvieh aínda que tamén hai Holsteins ou Parda Alpina

Austria é o berce deste tipo de vacas e hoxe e o principal país exportador desta raza con dobre propósito, enfocadas tanto para a produción láctea como cárnica. De feito, máis do 80% das gandarías do país conta con vacas Fleckvieh, aínda que hai tamén presencia doutras razas como a Holstein (7,1%) e en menor medida a Parda Alpina (6,2%).

Ganaderos-gallegos-en-una-granja-lactea-de-Austria-con-raza-Fleckvieh

Os gandeiros galegos visitaron varias granxas de intensivo de leite con vacas Fleckvieh.

No transcurso do agrotour, os gandeiros visitaron granxas con distintos modelos de produción, como a gandaría Fischer, en ecolóxico e cun rabaño Fleckvieh con 27 vacas en ordeño, que leva 5 anos consecutivos conseguindo a distinción como Rabaño de elite de Estiria. Tamén coñeceron as gandarías Schweighofer e Laschober, ambas en intensivo e con destacados animais, destinados para a produción leiteira, o aproveitamento cárnico e a cría de animais xenotipados.

Certame e poxa de gando

O percorrido incluíu tamén a visita a un dos principais centros de inseminación do estado, o centro Genostar Rinderbesamung, que celebrou o seu décimo aniversario coa presentación dos animais máis destacados cos que conta. Este centro está integrado polas empresas de inseminación das rexións da Baixa Austria e de Estiria e hoxe en día é a maior empresa de inseminación do país. Cada ano xenotipan uns 800 candidatos machos da raza Fleckvieh e 90 animais da raza Parda Alpina.

Na súa estancia na rexión montañosa de Estiria, os gandeiros tamén asistiron a un certame organizado pola asociación de criadores Rinderzucht Steiermark no mercado de Traboch. Este recinto acolle eventos importantes como feiras e aproximadamente unhas 12 poxas anuais. A nivel nacional existen ao redor dunhas 18 asociacións de criadores centradas en ofrecer vías de comercialización aos seus membros, por medio de poxas, polo que periodicamente cada un dos colectivos realiza unha poxa mensual con novillas e animais para a reprodución e 2 poxas ao mes con becerros de cría e engorde.

Subasta-ganado-Fleckvieh-Austria-

Certame e poxa de gando de raza Fleckvieh celebrado no mercado de Traboch, en Austria, que reuniu a gandeiros e compradores internacionais.

É habitual que os gandeiros comercialicen o seu gando mediante estes mercados e non de maneira directa nas gandarías, polo que adoitan reunirse máis de 300 animais no mercado, principalmente de raza Fleckvieh, pero tamén de Parda Alpina ou Holstein. De feito, no certame con motivo da celebración do 10 aniversario do centro Genostar presentáronse exemplares destacados das tres razas. Ademais, tamén se realizou unha poxa con algúns dos mellores exemplares xenotipados. Algunhas destas tenreiras de entre 3 e 4 meses chegaron a superar os 10.000 euros.

Os gandeiros galegos valoraron moi positivamente tanto a visita ás granxas como ao centro de recría e ao certame que lles permitiu coñecer non só a raza Fleckvieh senón unha xestión da gandaría diferente.

Nota: En próximas reportaxes ampliaremos a información e ofreceremos máis detalles tanto da maneira de traballar destas gandarías como do funcionamento e exemplares do centro de inseminación ou do mercado de gando.