A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Galega 100%: O selo de garantía do leite de Galicia

Unhas 5.000 ganderías galegas están certificadas por Galega 100%, unha marca que non só garante a orixe galega do leite e dos produtos lácteos, senón que esixe uns requisitos de sanidade superiores ao que establece a normativa europea. Explicamos en que consisten estas garantías para os consumidores

Galega 100%: O selo de garantía do leite de Galicia

Que é “Galega 100%”?

Galega 100% é o único selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior; un selo que garante a trazabilidade do leite dende a gandería ata a casa.

Este distintivo de calidade e de orixe, impulsado pola Xunta de Galicia no ano 2011, garante que o leite procede unicamente de granxas galegas incluídas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. A día de hoxe son máis de 4.500 as ganderías galegas que cumpren estes requisitos de calidade excepcionais e superiores ao que esixe a normativa europea, xa de por si a lexislación máis esixente a nivel internacional.

A posta en marcha desta marca respondeu á aposta da Xunta pola valorización do leite galego, unha vella demanda do sector.

En menos dun ano, Galega 100% consolidouse como a referencia indiscutible do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Arrancou con catro marcas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite) ao que se foron sumando moitas outras, que se poden consultar no seguinte enlace.

Así, ademais da calidade hixiénico-sanitaria, outras esixencias para que o leite dunha gandería poda formar parte do selo “Galega 100%” son:

-Estar en posesión da carta verde e, polo tanto, non poderá ser obxecto de retirada de cualificación por tuberculose (TR) ou brucelose (BR).

-Dispor dun historial de cumprimento acreditado dos parámetros de calidade no leite.

-Non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza.

Só poderán usar “Galega 100%” os operadores ou industrias lácteas autorizados polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) , única entidade certificadora da marca.

A produción de leite, un sector clave para a economía do rural galego

O lácteo ten a condición de sector estratéxico para Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese case o 40% do leite de España e localízase máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. Así, Galicia é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite, ocupando actualmente o oitavo posto dentro da UE. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder indiscutible no ámbito nacional.

Deste xeito, o selo Galega 100% ofrece hoxe un produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados. O consumidor que escolla un produto no que aparece este distintivo, ten a seguridade de estar consumindo un produto de Galicia e dunha calidade excepcional.

Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, Medio Rural vén desenvolvendo unha intensa actividade de promoción. Só no que vai de ano, Galega 100% estivo presente en sete eventos diferentes relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do Fórum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes 2019. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo na carreira pedestre de Frades ou en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas.

Como parte desta actividade, dende o mes de xaneiro pasado repartíronse unhas 30.000 unidades de briks de leite amparado coa marca de calidade Galega 100%, xunto con folletos nos que se facilita ao consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venta e coñecer as garantías e o significado da marca.

Día Mundial do Leite

O pasado sábado 1 de xuño Galicia sumábase á celebración do Día Mundial do Leite, instituído pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que se conmemorou por primeira vez no ano 2001. O obxectivo desta iniciativa é incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde.

Ademais, existe unha web (http://www.galega100x100.gal/) na que se pode consultar todo o relacionado con este selo como os requisitos para ser Galega 100% ou os produtos certificados como tal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *