A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gadis eleva a 368 millóns de euros as compras a provedores locais

Gadis eleva a 368 millóns de euros as compras a provedores locais

Sede central de GADISA en Betanzos

Supermercados Gadis, cadea co 100% de capital galego, mantén unha alianza estable con máis de 860 provedores de km 0 de Galicia e Castela e León, na súa maioría cooperativas, pequenas e medianas empresas que fornecen á cadea de produtos de proximidade. As compras a estes produtores ascenderon a 368 millóns de euros, tal e como reflicte a memoria correspondente ao exercicio 2018 publicada pola compañía recentemente.

“Esta estratexia abórdase desde unha perspectiva integral: impulsar aos produtores locais de Galicia, de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico da nosa Comunidade Autónoma; o medioambiente, xa que se reducen as rutas de transporte e, por tanto, as emisións de CO2; e o fomento de hábitos de vida saudables, pondo a disposición dos clientes nos 222 puntos de venda da cadea unha ampla selección de produtos frescos e de tempada, claves no seguimento dunha dieta equilibrada e sustentable”, destacan desde Gadis.

Así, a cadea de supermercdos con sede en Betanzos mantén relación comercial con 295 provedores de alimentación envasada, 177 de panadaría, 138 do sector pesqueiro, 104 de charcutería, 56 de carnicería, 51 de froitas e verduras, 25 de conxelados e 20 de queixos e lácteos.

Campaña “Disfruta Galicia, disfruta Gadis”

Esta aposta de Supermercados Gadis redobrouse na campaña deste verán para potenciar o coñecemento da calidade e riqueza da gastronomía galega entre centos de miles de turistas nacionais e internacionais que visitan a comunidade.

Deste xeito, até o 10 de agosto, os puntos de venda Gadis de Galicia desenvolven unha campaña baixo a lema “Disfruta Galicia, disfruta Gadis”, cunha destacada selección de produtos autóctonos en promoción, como os pementos de Padrón, paleta de porco alimentado con castañas, conservas, queixos de tetilla, ameixa das Rías Baixas e viños das diferentes denominacións de orixe, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *