A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Evialis Galicia vai abrir unha tenda en liña, o que nos permitirá manter o negocio aberto as 24 horas e sen límites xeográficos”

Entrevista a Antonio Hermida, director Comercial de Evialis Galicia

“Evialis Galicia vai abrir unha tenda en liña, o que nos permitirá manter o negocio aberto as 24 horas e sen límites xeográficos”

Antonio Hermida, director Comercial de Evialis Galicia

Máis de tres décadas de experiencia no sector da alimentación animal avalan a traxectoria profesional de Antonio Hermida, director comercial de Evialis Galicia. Nesta entrevista explícanos cales son os segmentos de mercado nos que a empresa, con sede en Sada, conta con maior penetración e ofrécenos algunhas pinceladas sobre as perspectivas de desenvolvemento comercial que Evialis ten a medio prazo.

Cales foron as cifras de produción de Evialis Galicia en 2017? E que previsión teñen para 2018?
No peche do exercicio pasado alcanzamos unha cifra de produción global de 53.000 Tm. Esperamos pechar este ano cunhas 55.000 Tm elaboradas, o que representaría un crecemento do 3,8% nun mercado, o galego, no que existe un exceso de capacidade de produción e onde a competencia é máxima.

A nosa previsión de crecemento é, de todos os xeitos, superior á que se estima para o conxunto da UE. Neste sentido, a Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Fefac) realizou unha previsión de produción de pensos compostos para este ano na UE e estimou que será lixeiramente superior á de 2017, cun incremento previsto do 0,5%.

Do seu portfolio de produtos, cales son os que máis éxito teñen no mercado?
Destacaría, ante todo, os relativos a cunicultura, cunha cota de produción no mercado galego do 20%. As vendas aválanos como os nosos produtos estrela. Non obstante, outros produtos destinados a outros segmentos tamén son estratéxicos para nós. Por exemplo, os de vacún de carne, tanto de cebo de tenreiros industriais como de vacún maior. En vacún de leite, en cambio, atopámonos cun mercado moito máis atomizado e competitivo, con marxes mínimas e gran afluencia de fabricantes.

Doutra banda, a canle de distribución, que representa aproximadamente o 50% do noso mix das nosas vendas, é tamén unha clara aposta de futuro para nós.

Que perspectivas de desenvolvemento comercial teñen a medio prazo?
Manter e consolidar as nosas vendas na área de cunicultura é un dos nosos obxectivos principais. Xunto a isto, apostamos por unha maior penetración e un posicionamento por calidade no ámbito do vacún de carne. Outro dos nosos obxectivos ten que ver con fomentar a captación no punto de venda e aumentar a distribución.

“Temos en mente lanzar produtos específicos para gandeiros que busquen diferenciación no mercado”

Paralelamente, prevemos experimentar un gran crecemento na área de pet food, coas marcas Nutrio (alimento premium) e Wolpy (gama media). Tamén depositamos grandes expectativas noutros nichos de mercado como o de pensos para cabalos, a través das marcas Royal Horse (premium) e Equifood ,adaptada ao mercado de volume.

Previron lanzar novos produtos ao mercado nos próximos meses? Cales?
Si. Previmos complementar as nosas gamas actuais de vacún de carne e temos en mente lanzar produtos específicos para gandeiros que busquen diferenciación no mercado. Xunto á gama Nutrio, que mencionei na resposta anterior e pola que imos apostar decididamente, lanzaremos Starmilk, gama de produtos destinada a lacto-reemplazantes, e Nutrilac, unha ampla gama de minerais e complementos nutricionais en libre servizo.

Como compatibilizan as premisas de innovación e rendibilidade en Evialis Galicia?
Dicía Steve Jobs que “a innovación é o que distingue ao líder dos seguidores”. Unha compañía comprometida coa innovación dos seus produtos pode aumentar de forma significativa as súas vendas e xerar importantes vantaxes competitivas. A innovación constitúe un aspecto máis dos moitos esforzos que as empresas do noso sector teñen que realizar para sobrevivir nos mercados nos tempos actuais. Deben, tamén, ser excelentes en áreas fóra do I+D tales como fabricación, loxística, vendas, mercadotecnia ou recursos humanos. E os seus esforzos de innovación deben estar sincronizados coa súa estratexia corporativa xeral.

A nosa empresa pertence a Grupo Neovia, un complexo empresarial francés que se caracteriza polos seus altos estándares técnicos nun campo moi esixente e cambiante. Encarna un enfoque global innovador e diferenciado e dedícase a propor solucións e servizos con forte valor engadido aos grandes actores da nutrición e da saúde animal. E nós, desde Evialis Galicia, como parte que somos de Grupo Neovia, empapámonos desa cultura.

En Evialis van implementar proximamente novas canles de venda no ámbito en liña. Que obxectivos teñen para estas canles?
Os produtos que estarán na nosa futura tenda en liña son os que o pequeno consumidor demanda máis asiduamente de acordo ás variables de presenza, calidade, embalaxe e comodidade. Serán principalmente produtos indicados para o consumo en curral, para animais de compañía e tamén específicos para a mellora da produción.

A nosa aposta pola venda en liña persegue os obxectivos de crear marca, manter o negocio aberto as 24 horas e sen limitacións xeográficas e favorecer a redución de gastos comerciais.

Como ve o futuro do sector da alimentación animal?
Que o sector produza máis e a un custo xusto para o consumidor é un dos nosos grandes retos de futuro. Debemos, ademais, apostar por comunicarnos de forma activa con estes consumidores e non podemos perder de vista o coidado de aspectos primordiais que marcan xa o presente do noso sector como son a seguridade alimentaria, o benestar animal e a protección ambiental.

“Que o sector produza máis e a un custo xusto para o consumidor é un dos nosos grandes retos de futuro”

Hai certos aspectos que poden desfavorecer a viabilidade do noso ámbito de actividade tales como a dependencia do exterior no apartado dos cereais ou os teitos de consumo. Na miña modesta opinión, e partindo de que o volume seguirá estando nos produtos lácteos, nas carnes de porcino e na avicultura, considero que os subsectores do mercado galego que van prosperar máis son aqueles que fomenten a diferenciación e o valor engadido en relación a este tres segmentos que acabo de mencionar.

Cada vez terán máis éxito os produtos destinados a outros nichos emerxentes: o ámbito ecolóxico, por exemplo, o de carnes con rastrexabilidade que ofrezan información totalmente transparente ao consumidor final. Un gran exemplo disto témolo en Ternera Gallega. Non debemos esquecernos do gran crecemento e consolidación do mundo da mascota e, neste sentido, creo que o mercado de alimentos para animais domésticos tamén vai experimentar un gran crecemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *