A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Evialis Galicia prevé triplicar a comercialización de pensos no sector avícola

Evialis Galicia prevé triplicar a comercialización de pensos no sector avícola

Xornada Técnica de Avicultura de Carne organizada por Evialis Galicia

Evialis Galicia, empresa especializada en alimentación animal, celebrou este xoves nas súas instalacións de Sada o I Xornada Técnica de Avicultura de Carne, unha cita que congregou a máis dunha trintena de persoas e a destacados expertos que abordaron os retos e desafíos aos que debe facer fronte o sector.

Tal e como salientou ao comezo do foro Francisco Nomdedéu, Director Xeral da empresa, “a xornada enmárcase nunha serie de accións divulgativas para diferentes especies que consideramos estratéxicas dentro do noso modelo de negocio”. “E unha delas -proseguiu- é o ámbito avícola, no que queremos situarnos con firmeza ata conseguir triplicar, en menos de tres anos, o número de toneladas de pensos que producimos e comercializamos anualmente”.

Precisamente, para fortalecer o posicionamento da empresa neste campo, acábase de incorporar ao equipo de Evialis Galicia Pepe Losada, en calidade de Responsable Técnico de Avicultura. Losada foi o encargado de presentar aos relatores que participaron na xornada técnica e aos que definiu como “especialistas contrastados” e 2xente de moito peso en avicultura”.

Avicultura 4.0

O primeiro deles, Martín Segovia, Director de Integración de Avigal, abordou na súa conferencia o proceso de transformación dixital que, ao seu xuízo, van sufrir moitas explotacións avícolas nos próximos anos. Nestas “explotacións 4.0”, segundo precisou o relator, a aplicación de solucións TIC permitirá a obtención de valiosos datos que van permitir optimizar a crianza e o transporte de aves.

Na súa intervención, Segovia presentou algúns exemplos concretos rexistrados en explotacións que deron este paso e sinalou, por exemplo, que a avicultura 4.0 permitirá monitorar en tempo real camións que transporten polos, utilizar robots para desinfección de naves e silos ou favorecer a detección de comisos, entre outros asuntos.

Redución de antibióticos

Pola súa banda, Santiago Bellés, Director de Avicultura de Qualivet, enumerou no seu relatorio “Novos camiños da avicultura” algúns dos retos aos que se enfronta o sector. O principal -segundo sinalou- ten que ver coa redución de pensos medicamentosos e antibióticos (sobre todo, de carácter preventivo) porque, pola contra, “as superbacterias que se orixinarán en humanos serán máis letais que o cancro no ano 2050”.

Xunto a isto, defendeu que o sector avícola debe apostar pola súa diferenciación, potenciando o produto con denominación de orixe e certificación de calidade ou as razas autóctonas. Así mesmo, é importante conseguir diferenciarse no punto de venda e articular campañas informativas que poñan en valor o ámbito avícola e o consumo.

A produción ecolóxica é outro dos grandes desafíos que aborda un sector, cuxas granxas deben apostar por dotarse de “un maior control, unha maior eficiencia e unha maior dimensión”.

Tendencias e retos na alimentación do broiler

Finalmente, Santiago Dolz, Director Técnico de Grupo PH Albio, destacou que “a escasa variabilidade xenética nas especies de avicultura e a estandarización do sistema de produción, provocou que a alimentación de aves estandarizouse a nivel global, simplificando moito a nutrición”.

Porén, engadiu, “a investigación dos últimos 10-15 anos xa non traballa soamente na alimentación do polo, senón que redireccionou para tratar de aplacar as preocupacións e medos que poden ter en certos momentos, en relación ao consumo, as poboacións occidentais”.

Dolz defendeu tamén a nutrición de precisión na avicultura de carne, que ao seu xuízo pasa por coñecer os requirimentos nutricionais do pito, coñecer a composición nutritiva dos ingredientes en tempo real, minimizar o impacto ambiental ou ser capaces de adaptar a alimentación ás necesidades dos consumidores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *