EVIALIS Jose María 2

“En vacún de leite temos que reducir a carga gandeira por hectárea”

Entrevista a José María García, Técnico Comercial de Evialis Galicia

José María García leva vinculado a Evialis Galicia desde o ano 1989 e neste tres décadas foi testemuña privilexiada dos cambios experimentados polo sector. Próximo á súa xubilación, este profesional realiza un breve repaso de como evolucionou o ámbito da alimentación animal nos últimos 30 anos.

Tras unha traxectoria profesional de tan longo percorrido como a túa, sen dúbida acadaches un amplo e sólido coñecemento do mercado neste sector. ¿Como consideras que se transformou o sector da alimentación animal ao longo dos anos?
Creo que a transformación máis importante acometeuse na especie do vacún, sobre todo no de leite. Galicia pasou de ter explotacións moi pequenas, con pouca base territorial e centradas no pastoreo, a albergar explotacións moito máis grandes e totalmente profesionalizadas, que demandan alimentación a base de silo de millo e concentrados á carta, principalmente.

En que aspectos consideras que se mellorou?
Creo que se mellorou en moitos aspectos: xenética dos animais, optimización de instalacións, calidade das forraxes. Pero, sobre todo, en formación dos gandeiros.

Porén, aínda hai unha debilidade que é necesario mellorar: a comercialización dos produtos por parte dos gandeiros, incidindo na elaboración de derivados lácteos que acheguen máis valor á cadea.

Con todo, creo que hai un aspecto no que se empeorou en Galicia e é que cada vez hai máis cabezas de gando por hectárea.

¿Como crees que evolucionou Evialis Galicia, coas súas distintas denominacións e marcas, desde a túa incorporación á empresa?
Foi unha evolución considerable porque a empresa actual é o resultado da suma de absorcións e fusións entre empresas. Ao longo dos anos, desde os meus comezos na compañía en 1989, fóronse incorporando novas marcas, fórmulas personalizadas, laboratorio propio e, sobre todo, persoal cun alto nivel de formación. Tamén melloramos e modernizamos notablemente as nosas instalacións.

“A cunicultura é o segmento no que Evialis Galicia posúe unha maior cota de mercado”

¿En que gamas de produto e especies consideras a Evialis máis competitiva e líder de mercado?
A nosa empresa traballa unha completa gama de produtos para todo tipo de especies animais, sobre todo vacún, tanto de leite como de carne. Con todo, é a cunicultura o segmento no que Evialis Galicia posúe unha maior cota de mercado. Neste ámbito, sen dúbida, somos líderes.

¿Consideras que o sector está preparado para facer fronte aos novos retos derivados da desmedicalización?
Depende moito do tipo de especie ao que nos refiramos. En porcino, avicultura e cunicultura, os gandeiros adoitan producir dunha forma máis profesional e intensiva. Son ámbitos nos que se constata que os titulares de explotacións teñen unha maior formación e déixanse asesorar polos fabricantes de pensos, polos laboratorios e tamén por veterinarios especializados.

En canto ao ámbito vacún, hei de dicir que aínda creo que queda camiño por percorrer para afrontar os retos que expón a desmedicalización, en concreto no uso racional de antibióticos, sobre todo durante o secado.

“Aos que empezan neste sector recomendaríalles que se formen para posuír o mellor coñecemento posible dos produtos”

¿Que recomendación farías a algún compañeiro/a que comeza a súa andaina profesional no ámbito da alimentación animal?
Que se forme para posuír o mellor coñecemento posible dos produtos. Que adquira tamén coñecementos sobre formulación e coñeza ben as diferentes especies de animais para os que a súa empresa fabrica gamas alimentarias. Ademais, son un firme defensor de dous valores que considero fundamentais neste traballo: por unha banda, a seriedade e, polo outro, a responsabilidade.

Da túa traxectoria profesional, ¿cal é a especie ou canle de vendas na que te sentiches máis integrado?
Sen dúbida, no vacún de leite. Aínda que creo que un profesional no noso ámbito de actividade ten que traballar para sentirse cómodo e integrado traballando en distintos segmentos de especies e canles e, sobre todo, no ámbito da distribución, cada vez máis profesionalizado.