A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“En Evialis temos un obxectivo claro: favorecer a desmedicalización dos pensos”

“En Evialis temos un obxectivo claro: favorecer a desmedicalización dos pensos”

Antonio Pereiras é director técnico de Evialis Galicia

Antonio Pereiras é director técnico de Evialis Galicia, un dos grandes fabricantes de alimentos compostos do noroeste da Península. Como veterinario de formación, mostra tamén unha especial sensibilidade co uso racional dos antibióticos en sanidade animal a través dos pensos. Precisamente, neste mes de novembro celebrouse a Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso de Antibióticos, un reto no que Evialis manifestou o seu claro compromiso para desmedicalizar os pensos.

Estudos e informacións recentes revelaron que España non logrou reducir o consumo de antibióticos, senón que o incrementou.  A que cre que obedece este fenómeno?
Efectivamente, España atópase nos postos de cabeza dentro da Unión Europea en canto a consumo de antibióticos de uso veterinario. No noso país, as producións animais que máis antibióticos consomen son as de carácter intensivo e veñen facéndoo desde hai máis de 40 anos. Foi na década dos 70 cando de introduciron os antibióticos na alimentación animal co obxectivo de conseguir aumentar as producións para satisfacer un mercado cada vez máis crecente.

Co transcurso do tempo, a poboación patóxena animal foi creando resistencias e o que o sector fixo para responder foi aumentar as doses e as combinacións de antibióticos. Isto é o que nos levou á situación actual.

Como se adaptou Evialis ao Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos?
En Evialis temos un obxectivo claro: favorecer a desmedicalización dos produtos de alimentación animal que desenvolvemos, unha máxima que tamén tentamos inculcar aos nosos provedores. Para logralo, temos o apoio do centro de experimentación do Grupo Neovia, en Francia, no que traballan numerosos investigadores nesta liña. Xunto a isto, en Galicia dispomos dun laboratorio propio que non só se ocupa do control analítico dos pensos, senón tamén de promover labores de estudo e investigación para o desenvolvemento de novos compostos e novas formulacións de pensos pensados para reducir o uso de antibióticos.

Xunto a isto, o noso equipo tamén implícase en asesorar directamente aos nosos clientes gandeiros, mediante un trato moi personalizado, no fomento de boas prácticas de manexo e de mellora de instalacións que favorezan o benestar animal e contribúan, por tanto, a diminuír a proliferación de doenzas e enfermidades no gando.

É suficiente a normativa actual ou debería ser máis estrita? Funcionaron medidas similares noutros países da nosa contorna?
A normativa actual é sólida e suficiente, aínda que é necesario adaptala en tempo e forma aos plans específicos propostos para avanzar en materia de desmedicalización. Cando realizo traballo de campo ouzo con frecuencia dicir aos gandeiros que van seguir utilizando pensos medicamentosos mentres se permita o seu uso, posto que non queren comprometer as súas producións. Na miña opinión, a normativa debería marcar unha redución paulatina de dose (e fixar uns tempos para iso) en función de diferentes variables tales como, por exemplo, a fase de produción.

“Na miña opinión, a normativa debería marcar unha redución paulatina de dose de pensos medicamentosos”

Que medidas están a implementar desde Evialis para fomentar a desmedicalización dos pensos?
Somos moi sensibles a esta cuestión, como dicía anteriormente. Posuímos un equipo técnico moi formado, tanto en Francia como en España, que investiga para fomentar a desmedicalización dos nosos produtos e favorece o desenvolvemento de formulacións alternativas.

Xunto a isto, buscamos a colaboración dos nosos provedores nesta liña de traballo e tamén fomentamos o desenvolvemento de novas pautas de manexo entre os nosos clientes para conseguir que os seus animais sexan máis resistentes aos patóxenos.

Neste sentido, aconsellámoslles acerca de sistemas de ventilación óptima nas súas instalacións, fomentamos a subministración de antibióticos en auga soamente naqueles casos clínicos que teñan un diagnóstico certeiro e apostamos pola prescrición de vacinas preventivas, entre outras medidas.

Tamén asesoramos aos gandeiros sobre o uso de determinados aditivos (ácidos orgánicos, aceites esenciais, antioxidantes, etc.) que lles permitan rebaixar a cantidade de antibióticos que dispensan. Aínda que, en última instancia, son os gandeiros os que deben sopesar a redución de antibióticos, en relación ás cifras de morbilidade e mortalidade rexistradas co uso de aditivos, sobre todo nas primeiras etapas.

Están a traballar en novos produtos nesta liña?
Si. Recentemente mantivemos unha reunión de traballo para avanzar no deseño de dous novos pensos cunícolas, un de cebo e outro de retirada, pensados para reducir o uso de antibióticos e acompañalos de plans de medicación específicos en auga e no uso de aditivos. Algúns destes plans son exclusivos de Evialis e outros implementarémolos en colaboración cun importante laboratorio español.

As probas están a realizarse directamente nas granxas dos nosos clientes e obtivemos uns primeiros resultados moi positivos en canto a redución de patoloxías, o que pode axudarnos a diminuír a antibioterapia.

Custa facer entender entres os seus clientes que hai que deixar de utilizar antibióticos de modo preventivo?
Si que custa. Moitos gandeiros teñen marxes de beneficio moi reducidos debido a diversos factores (como o prezo do quilo de determinadas carnes como a de porco ou a de coello). Por ese motivo, tentan principalmente reducir as perdas por morbilidadE e mortalidade e son remisos a diminuír, entre os seus animais, a inxesta de pensos medicamentosos.

Supón, para moitos deles, saltar ao baleiro sen rede e exporse a perder rendibilidade nas súas explotacións. Por iso, é necesario realizar un labor de concienciación entre todos os axentes implicados: administracións, empresas, universidades, etc. Unha labor que axude a xerar confianza entre os gandeiros para que diminúan o uso xeneralizado e indiscriminado, que moitas veces realizan, de antibióticos en alimentación animal.

De seguir a actual tendencia en España, aumentarán as resistencias antimicrobianas entre a poboación e iso pode supor un problema de saúde pública de primeiro nivel.

Por outra banda, en que gamas de produto está a traballar a Dirección Técnica de Evialis Galicia? Lanzarán novidades ao mercado?
Estamos constantemente innovando. Este ano lanzamos varios produtos. En vacún de leite, desenvolvemos un programa de nutrición superior para o período de transición, que abrangue o período de secado, o preparto, o parto e o postparto. Tamén desenvolvemos novos programas de alimentación para vacún de carne e creamos pensos específicos para o cebo de becerros pintos e de vacún maior. Ambas as formulacións, as orientadas a vacún de leite e as orientadas a vacún de carne, están a darnos moitas satisfaccións a nivel comercial.

Ademais, en cunicultura lanzamos un penso para a recría das coellas e outro de transición no destete para cazapos. Incorporamos e modificamos fórmulas para a alimentación dos coellos, a nivel de ingredientes e nutrientes, encamiñadas a reducir o uso de antibióticos, empregando aditivos que seleccionan a microflora gastrointestinal.

“Na nosa empresa estamos constantemente innovando”

En setembro lanzamos, tamén, unha gama de alimentación para cabalos, con cinco liñas de produto que se singularizan por adaptarse ás necesidades de alimentación dos diversos tipos de equinos.

En breve, ademais, imos sacar ao mercado unha gama de pensos para mascotas. Xunto a isto, estamos a traballar nun novo programa de alimentación para avicultura industrial que sacaremos a finais deste ano ou a principios do próximo. E, tamén en 2018, esperamos lanzar novas referencias nutricionais para cunicultura, campo no que somos unha referencia.

Unha das nosas principais singularidades neste ámbito é que tentamos sempre cubrir as necesidades dos nosos clientes apostando por desenvolver os produtos que estes nos demandan, para axudarlos a maximizar as súas producións e a obter maiores marxes de beneficio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *