A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Delagro recibe a 50 socios das maiores cooperativas do norte de Portugal

Membros das cooperativas Santo Tirso e Trofa, Matosinhos integradas no Grupo UCANORTE XXI, visitaron o Complexo Multidisciplinar especializado en fertilizantes de Delagro S. Coop., situado en As Pontes, así como as instalacións da cooperativa ICOS en Chantada.

Delagro recibe a 50 socios das maiores cooperativas do norte de Portugal

Cooperativistas portugueses visitan a planta de fertilizantes de Delago en As Pontes

O pasado xoves, un grupo de cooperativistas das entidades portuguesas Cooperativa Santo Tirso e Trofa, Matosinhos e Ucanorte XXI U.C.R.L. —con quen Delagro asinou un acordo de colaboración— percorreu as instalacións do Complexo Multidisciplinar loxístico e de fabricación de fertilizantes inaugurado esta primavera en As Pontes, un dos maiores do noroeste peninsular.

O grupo, formado por máis de 50 socios das entidades portuguesas e por persoal de Delagro, incluía ao presidente de Ucanorte XXI e da Cooperativa Santo Tirso e Trofa, Vítor Maia; ao responsable de compras de Ucanorte XXI, Carlos Osorio; ao presidente da cooperativa de Matosinhos, Fernando Hora; e ao director e ao presidente de Delagro, respectivamente Carlos Castro e Javier Taboada, quen salientou a “necesidade de fortalecer o sistema cooperativo, tan importante social e economicamente, con proxectos de grande envergadura”.

Un dos aspectos que se valorou máis positivamente foi o programa de adobado a medida Profer, no que Delagro participa dende 2010 en colaboración con institucións de investigación e desenvolvemento. Trátase dun proxecto que permite a fabricación de adobos específicos para cada tipo de terreo e cultivo e o tipo de uso que se vaia dar á terra, conseguindo a maior rendibilidade co menor impacto medioambiental.

Os visitantes desprazáronse tamén a Chantada para coñecer o servizo de maquinaria da cooperativa Icos, socia de Delagro, que conta con máis de 800 socios e sedes en Chantada, Taboada, Carballedo e Silleda). Este servizo conta con todo equipamento e persoal necesarios para realizar as tarefas agrícolas dos asociados, seguindo un modelo organizativo que, explicou un dos responsables, Manuel Moreiras, “leva medrando dende a súa implantación en 2002 e mellora resultados a pesar da crise”.

Cooperativa Santo Tirso e Trofa e UCANORTE XXI U.C.R.L.

Fundada en 1975, Santo Tirso e Trofa conta con máis de 950 asociados e é unha das principais cooperativas de compra-venda de leite e de sanidade animal da súa rexión, cun volume de negocio de 19 millóns de euros en 2014.

Ucanorte XXI U.C.R.L. é unha das maiores cooperativas agroalimentarias de segundo grao do norte de Portugal, sumando 50 cooperativas asociadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *