A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Criterios de selección de híbridos de millo para silo

Pioneer recomenda, entre outras cuestións, a elección de variedades con alto potencial produtivo para gran, pois a mazorca achegará un 70% da enerxía do silo

Criterios de selección de híbridos de millo para silo

A altura da planta e, en especial, a produción de gran determinarán os Kg. de materia seca por hectárea.

A selección do híbrido ou híbridos de millo a sementar na explotación pode determinar o éxito da campaña ou, polo menos, o seu nivel de rendibilidade. Ante a disxuntiva que enfronta o gandeiro cada ano por estas datas, e ante as múltiples ofertas en forma de catálogos, folletos e circulares informativas, desde Pioneer queremos ofrecerlle unha serie de pautas que lle axudarán á hora de tomar a súa decisión.

En primeiro lugar, é obvio que un tende a pensar na produción como o parámetro esencial, pero do mesmo xeito que ninguén compararía híbridos para gran en quilos por hectárea sen considerar a humidade a colleita, é imprescindible que todas as comparacións entre os híbridos que esteamos a considerar sementar para silo se expresen en quilos de materia seca por hectárea.

A dixestibilidade da fibra nunca debe tomarse como principal criterio de decisión, pois está máis condicionada por factores ambientais que por diferenzas xenéticas entre híbridos

Dita produción virá determinada en parte por aspectos de manexo, como a densidade ou a data de sementeira, pero en gran medida a produción de materia seca por hectárea está determinada pola altura da planta e, en especial, pola produción de gran. A pesar de que tanto a parte verde da planta como o gran contribúen máis ou menos ao 50% no total da materia seca no momento óptimo do picado, o gran achéganos case o 70% da enerxía do silo, co cal sempre deberiamos priorizar as variedades de alto potencial produtivo para gran fronte ás que unicamente nos aseguran un alto volume de forraxe.

En Pioneer, o principal criterio utilizado para avanzar nunha nova variedade e lanzala comercialmente, sempre foi, é e seguirá sendo a produción de gran. Aínda que isto non nos exime de clasificar as variedades como para gran, dobre aptitude ou silo nos catálogos comerciais, en función da súa capacidade produtiva en materia seca, que é algo a ter en conta dependendo da superficie da que cada explotación dispoña, ou vaia a destinar ao cultivo de millo.

Pioneer estandar

Dixestibilidade da fibra
Aínda que a dixestibilidade da fibra, medida como dixestibilidade da fibra neutro deterxente (dFND) é un parámetro importante, nunca debería tomarse como o principal criterio de decisión, dado que está moito máis determinado polas condicións ambientais do lugar onde medre o cultivo que por diferenzas xenéticas entre híbridos distintos. Actualmente, só hai un tipo de variedades, chamadas BMR (acrónimo de ‘Brown midrib’ pola súa tonalidade marrón no nervio central da folla) que nos aseguran unha maior dixestibilidade da fibra, debido a un menor contido en lignina, que é a parte non dixestible da forraxe.

Desde Pioneer está a traballarse desde hai anos na mellora de variedades BMR, tendo xa un mercado consolidado en Estados Unidos, onde o ensilado destes híbridos permite facer racións cun alto contido enerxético. En Europa, imos iniciar a comercialización con algún híbrido BMR de ciclo FAO 700.

Por último, non esqueza que o comportamento dun híbrido pode cambiar moito ao sometelo a distintos condicionantes ambientais, tales como a presión de pragas e/ou enfermidades ou, como sucede moi a miúdo, ao variar a data de sementeira.

Sen dúbida, para esta e outras decisións, sempre pode contar coa experiencia e os coñecementos dos profesionais do Servizo Agronómico Pioneer, quen poden recomendarlle a mellor opción en función das súas necesidades e condicionantes particulares. Aprovéiteo!

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información