A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A correduría galega Ucoga ampliará a súa oferta de seguro agrario a toda España

A correduría galega Ucoga ampliará a súa oferta de seguro agrario a toda España

Iván Novo, director xeral de Ucoga

A correduría galega Ucoga ampliará a súa rede de oficinas no segundo semestre deste ano a todo o territorio español para cubrir as necesidades de seguro agrícola e gandeiro.

Así o anunciou o seu director xeral, Iván Novo, durante a convención celebrada este xoves en Santiago de Compostela, na que presentou os resultados da compañía correspondentes ao exercicio 2016 e avanzou os do primeiro semestre de 2017.

Ucoga, creada no ano 2013 polas cooperativas galegas Agris, Feiraco, Icos, Melisanto, Os Irmandiños, así como por Agaca e Delagro, arroxa un crecemento espectacular neste período, situándose a día de hoxe como a primeira correduría en seguro agrario de Galicia, cunha cota de mercado que rolda o 30%.

Así, a compañía pechou o exercicio 2016 con 15.837 pólizas subscritas, 6.914 clientes e 81.429 cabezas de gando de vacún aseguradas dentro da liña 401. E no primeiro semestre deste ano o crecemento de Ucoga continúa nunha media do 19%, alcanzando máis de 20.000 pólizas. 8.189 clientes ou 91.442 vacas aseguradas.

Ampliación da súa rede de oficinas en Galicia e salto ao mercado español

“Estamos a superar os obxectivos marcados e continuaremos na nosa especialización de seguro agrario, seguro de transportes e do sector agroalimentario. E con esta especialización imos saír ao mercado nacional”, asegurou Iván Novo, quen tamén agradeceu o compromiso e implicación da cooperativas, axentes colaboradores e compañías de seguros para alcanzar estes resultados.

“A apertura será despois deste verán con oficinas propias en Galicia e co sistema de franquía para o resto de España. Á volta do verán imos abrir oficinas propias en puntos concretos de Galicia e en formato franquía no resto de España, centrándonos nas zonas de importante actividade hortícola e gandeira”, explicou o director xeral de Ucoga.

Por último, Iván Novo destacou que nun recente estudo sobre a produtividade e rendibilidade de 604 corredurías de seguros de toda España, “Ucoga é unha das 20 que cumpre os catro parámetros de calidade”, como son un beneficio superior ao 10% do total facturado en comisións ou que o volume de negocio creza anualmente entre un 5% e un 10%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *