A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Como funciona o arrendamento de terras de Navigator para plantacións forestais?

A compañía portuguesa está a impulsar o aluguer de superficie en Galicia, unha iniciativa coa que complementa as súas compras de madeira no mercado galego

Como funciona o arrendamento de terras de Navigator para plantacións forestais?

Plantación de Navigator no norte de Portugal, nas cercanías de Porto.

Navigator, unha compañía papeleira con catro factorías en Portugal, é desde hai anos un comprador de referencia no mercado galego de madeira de eucalipto. Desde o 2019, a industria está a complementar as súas compras de madeira na comunidade cunha presenza propia no monte galego, onde está arrendando terras para executar ou xestionar plantacións de eucalipto. Explicámosvos como está traballando a empresa, que en Portugal xestiona 110.000 hectáreas de plantacións, 25.000 delas na área norte do país.

Que tipo de fincas busca Navigator?

A empresa está a centrar o seu traballo forestal en parcelas dun mínimo de 3 hectáreas de superficie hábil, se ben, en determinados casos, tamén pode arrendar unha superficie mínima de 3 hectáreas en dúas fincas que estean próximas.

Dado que as fincas se adicarán ó cultivo de eucalipto, a compañía esixe que as parcelas a arrendar sexan aptas para o eucalipto, de acordo coa lexislación vixente en Galicia, que por exemplo impide sustituír bosques de frondosas caducifolias por plantacións de eucalipto. Tampouco é posible a plantación de eucalipto en terras clasificadas como agrarias ou de Rede Natura.

Onde se están facendo os arrendamentos?

Navigator está a priorizar os arrendamentos en máis de 80 concellos do norte das provincias de Coruña e de Lugo, que ten identificados como os máis produtivos e rendibles para a plantación de eucaliptos, sendo tamén aqueles nos que a empresa ten mellores condicións loxísticas para o transporte de madeira.

A compañía descarta arrendamentos en municipios pouco aptos para a plantación de eucalipto, xa que márcase o obxectivo de lograr producións superiores ós 15 metros cúbicos de eucalipto globulus por hectárea e ano nas súas plantacións propias.

Zona norte de Galicia na que actúa Navigator.

Zona norte de Galicia na que actúa Navigator.

Que opcións de contrato lle propón Navigator ós propietarios forestais?

Navigator ofrécelle ós propietarios forestais diversas fórmulas de arrendamento polas súas fincas forestais. O propietario pode optar por un pago fixo anual, que percibe durante todo o periodo de duración do contrato; ou pode optar por recibir unha porcentaxe do valor da madeira no momento da corta. Tamén é posible unha fórmula mixta, na que os propietarios reciben un pago anual e tamén unha parte do valor da madeira cortada.

Francisco Vaz, coordinador das plantacións en Galicia.

Francisco Vaz, coordinador das plantacións en Galicia.

“Se se opta por recibir un pago anual, a Navigator é a que asume en exclusiva os riscos da plantación, sen riscos para o propietario. Coa fórmula dun pago en base ó valor da madeira cortada, propietario e empresa comparten os riscos e os benefícios da plantaçión”, explica o coordinador dos arrendamentos de Navigator en Galicia, Francisco Vaz.

“O noso sistema de arrendamentos é vantaxoso para propietarios que carecen da capacidade de xestionar a súa plantación, pois Navigator ocúpase de tódolos traballos e coidados (abonados, rozas, control de pragas), garantindo unha axeitada produtividade do cultivo e un maior rendemento para o propietario, sempre por medio dunha xestión sustentable con certificación forestal”, subliña Francisco Vaz.

Que pagos lle oferta Navigator ós propietarios?

Antes de realizar unha oferta de arrendamento por unha parcela, Navigator fai un estudo sobre a finca co apoio do grupo de consultoría do Instituto Raiz.

Os técnicos encárganse de facer un estudo da aptitude forestal da finca, tanto por medio de análises de solo como pola evaluación do seu clima, en base á ubicación e altitude da parcela. Como conclusión, o estudo, no que se valoran tamén riscos como as pragas, determina unha recomendación de planta e de manexo forestal do cultivo, calculando as produtividades esperadas a fin de turno (12 anos).

Sobre esa base, Navigator determina a oferta económica que lle traslada ó propietario.

Que especies de eucalipto está a plantar Navigator en Galicia?

O obxectivo de Navigator é efectuar en Galicia plantacións de eucalipto globulus, que é a especie que lle aporta maior calidade para a produción de papel. En zonas non aptas para globulus, ben polo seu clima, ben polas características do seu solo, Navigator tamén está acometendo plantacións de eucalipto nitens.

Clons de Navigator nunha plantación en Portugal.

Clons de Navigator nunha plantación en Portugal.

O eucalipto globulus que utiliza Navigator é procedente do seu programa de mellora xenética. Son clons que a compañía calcula que ofrecen aumentos de produtividade por riba dun 25%, en comparación coa planta de semente. Para Galicia, a compañía elixiu en principio o uso dos clons G74, G1204 e o G1202. Este último muda a folla adulta máis cedo, o que o fai máis axeitado en caso de risco de ‘Mycosphaerella’.

De cara ó futuro, prevese unha evolución dos clons utilizados, pois Navigator logra clons novos cada ano e é previsible que nuns anos substitúa ós actuais.

O Instituto Raiz, que asesora a Navigator, tamén está a valorar o uso en Galicia do híbrido H1205, un clon no que se cruzan as especies ‘Eucaliptus rudis’ e ‘Eucaliptus saligna’. Esta planta ten a particularidade de que é resistente á praga do gorgullo e logra excelentes crecementos. Ofrece peores rendementos para pasta de papel que o eucalipto globulus, pero mellores que o eucalipto nitens.

Que tipo de cláusulas poden establecer os propietarios nos contratos con Navigator?

Á hora de negociar contratos de arrendamento con Navigator, os propietarios adoitan trasladarlle á empresa inquedanzas e intereses diversos. A compañía está aberta a negociar as distintas cuestións que se lle plantean, debendo estipularse os acordos no contrato de arrendamento.

“Unha cuestión que se nos pregunta en ocasións é se é posible o uso de gando nas zonas que plantamos. Non é posible nos dous ou tres primeiros anos, ata que as árbores logran altura e robustez, pero si despois, baixo control, salvo no caso de cabras, que teñen o acceso vetado”, explica Francisco Vaz.

O estado de devolución do monte ós propietarios tras o remate do contrato, ben con destoconado ou sen el, é outra das cuestións que se adoitan abordar; así coma a distancia das plantacións ós nacentes de augas. “Sempre se respeta a distancia legal ós nacentes de augas -que é de 50 metros-, ou calquera obriga legal, pero pódense acordar compromisos adicionais se así o pactamos”, sinala o coordinador dos arrendamentos de Navigator en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información