A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Como facer para reducir a factura da luz nas granxas

Apostar por enerxías renovables non só produce beneficios medioambientais, senón que tamén baixa de xeito considerable o gasto eléctrico das explotacións favorecendo a súa competitividade e reducindo a súa dependencia de factores externos

placas solaresPara mellorar a rendibilidade das explotacións, ademais de tentar incrementar e maximizar os ingresos, tamén se pode incidir nos beneficios diminuindo os custos, e un dos máis importantes nas granxas son os enerxéticos. Como empregar as tecnoloxías dispoñibles para reducir o gasto na factura eléctrica foi o obxectivo dunha xornada técnica celebrada a semana pasada en Lugo na que participou a empresa Tecgal.

“Hai distintas posibilidades en materia de mellora da eficiencia enerxética das explotacións e xeración de enerxías renovables que poden aplicarse ao sector gandeiro para reducir os custos enerxéticos das granxas, contribúindo deste xeito á mellora da súa competitividade e viabilidade”, asegura Laura Aldariz, de Tecgal, unha firma lucense que leva 13 anos especializada en enerxías renovables.

O incremento da mecanización e automatización das granxas leva aparellado un incremento no consumo eléctrico. Por exemplo, un robot de muxido consome o triplo que unha sala, aínda que dentro destas tamén hai importantes diferenzas, xa que unha sala rotativa consome cinco veces o que consome unha sala en forma de espiña, por exemplo. Sen embargo, o robot, pola contra, non precisa dun termo de potencia tan elevado como o que precisa a sala.

A demanda enerxética nunha explotación gandeira

Distribución do consumo eléctrico medio anual de cada aparello

Distribución do consumo eléctrico medio anual de cada aparello

O consumo eléctrico medio dunha explotación leiteira sitúase arredor dos 35.000 kwh ao ano. Un terzo dese consumo estaría motivado polo sistema de muxido, xa que só o funcionamento das bombas de baleiro equivale ao 33% da factura eléctrica. O tanque de frío supón outro 22% e o seu pico de consumo prodúcese xusto no momento do muxido e nas dúas horas posteriores, que é cando ten lugar o enfriamento do leite, polo que o maior consumo eléctrico nunha granxa de leite prodúcese durante o momento do muxido.

O momento de máximo consumo eléctrico prodúcese durante o muxido

Outros gastos salientables son os que produce o sistema de limpeza mediante o paso das arrobadeiras, que supoñen un 19% do consumo eléctrico total da explotación. A iluminación representa o 4% do gasto total, a mesma porcentaxe que o termo eléctrico para quentar a auga para o lavado. O funcionamento dos sistemas de ventilación equivalen, pola súa banda, a un 5% do consumo total.

Esta distribución enerxética non ten en conta o consumo de gasóleo necesario para os traballos agrícolas e o ensilado e para a alimentación diaria do gando a través do carro mesturador. O gasto en gasoleo dunha explotación pode chegar a representar a metade do gasto enerxético total dunha granxa leiteira, pero varía en función da distancia das fincas e do laboreo que se faga nelas.

O uso de enerxías renovables permite reducir a pegada de carbono da explotación

Sexa como for, a realidade é que a demanda de enerxía das explotacións está a aumentar. “O sector agrícola e gandeiro está incrementando os consumos enerxéticos e con eles os efectos negativos sobre a competitividade, vía incremento de custos, e sobre o medio ambiente, vía emisións”, indicou Laura.

Os beneficios medioambientais que aporta o uso de enerxías renovables nas granxas non son un tema menor. Cada vez son maiores os condicionantes neste eido e nun futuro nada lonxano os parámetros medioambientais van ser tidos en conta á hora establecer, por exemplo, o reparto de axudas, como sucederá xa na vindeira PAC.

Variadores de frecuencia

Esquema resumo de todas as posibles medidas de aforro eléctrico nunha explotación leiteira

Esquema resumo de todas as posibles medidas de aforro eléctrico nunha explotación leiteira

O sistema de muxido é un dos grandes consumidores de electricidade nunha explotación, ao funcionar durante varias horas todos os días dúas ou tres veces ao día. Para reducir o gasto no funcionamento das bombas de baleiro necesarias para que funcionen as pezoneiras poden colocarse variadores de frecuencia, que o que fan é controlar a velocidade de xiro dos motores de corriente alterna mediante o control da frecuencia de alimentación subministrada ao motor.

Os variadores de frecuencia reducen o consumo eléctrico dos motores e alongan a súa vida útil. Ademais, melloran a saúde do ubre das vacas e reducen o estrés dos animais

É un mecanismo de instalación doada e que non precisa mantemento, evitando que a bomba de baleiro funcione por enriba das necesidades de muxido. Así impídese a súa sobrecarga e polo tanto mellora tamén a súa vida útil. Pero o uso de variadores de frecuencia ten outras vantaxes, xa que ao efectuar un control preciso do baleiro evita as fluctuacións de presión nas pezoneiras, o que mellora a saúde do ubre dos animais, reducindo as mamites e mellorando polo tanto a calidade do leite. Ademais, reduce o nivel de ruído do muxido, polo que as vacas están máis tranquilas e menos estresadas á hora de dar o leite.

Preenfriamento do leite

Despois do muxido o leite está a 35ºC e debe ser arrefriado rapidamente para garantir as súas propiedades organolépticas, de calidade e seguridade. Pero o gasto do tanque de frío é outro dos consumos eléctricos máis salientables nunha explotación de leite.

E enviar o leite do muxido directamente ao tanque é contraproducente, dunha banda porque para baixar o leite deses 35ºC cos que sale do muxido aos 6ºC do tanque consómese moita enerxía, e doutra porque se provoca un incremento importante da temperatura do leite que xa está no tanque, o que favorece o desenvolvemento de bacterias e microorganismos.

Os intercambiadores logran aforros do 25% no consumo do tanque de frío e melloran a calidade bactereolóxica do leite

Por iso, unha das estratexias que se poden implementar nunha explotación para baixar o gasto eléctrico é incorporar un sistema de preenfriamento do leite que, situado á entrada do tanque, baixa a temperatura do leite de 35 a 15ºC, ao tempo que obtemos auga quente que pode ser usada posteriormente no lavado. O sistema funciona mediante un intercambiador de calor con placas de choque térmico no que o líquido máis quente (leite) cede parte da súa temperatura ao líquido máis frío (auga), lográndose aforros de arredor do 25% no consumo do tanque de frío e mellorando ao mesmo tempo a calidade bactereolóxica do leite.

Recuperador de calor

Outro método para recuperar o calor extraído do leite durante o proceso de enfriamento para prequentar a auga para a limpeza son os recuperadores de calor, que aproveitan o calor do tanque. É un sistema distinto ao do preenfriamento do leite mediante intercambiadores de calor, aínda que o obxectivo é o mesmo. Sen embargo hai sistemas de aforro que son incompatibles con outros, como é o caso do intercambiador de placas, que é incompatible co recuperador de calor, polo que hai que optar por un método ou polo outro.

Quentar un metro cúbico de auga para o lavado custa entre 4 e 10 euros, dependendo do combustible empregado e o recuperador permite baixar ese gasto un 70%

Mediante o recuperador de calor pódese reducir o gasto enerxético para a produción de auga quente até nun 70%, xa que por cada litro de leite arrefriado pódese conseguir 0,7 litros de auga a 50ºC. Permite un aforro moi importante se temos en conta que quentar un metro cúbico de auga a temperatura de lavado ten un custo de entre 4 e 10 euros, dependendo do combustible empregado.

Placas solares térmicas

placas solares3“Quentar auga para lavar cun termo eléctrico é moi caro”, asegura Laura. “A limpeza dos sistemas de muxido e do tanque de frío debe facerse con auga a unha temperatura entre 60 e 70ºC e isto supón un gran consumo de enerxía”, engade.

Para reducir este gasto, ademais dos sistemas de prequecemento da auga co calor xerado no proceso de enfriamento do leite (intercambiadores e recuperadores de calor), a instalación de captadores solares térmicos permite baixar este consumo eléctrico un 20%.

Nas explotacións que precisan climatización, como é o caso das granxas de polos, pavos e porcos, as placas solares térmicas servirían tamén para climatización, pero cun sistema de apoio a maiores, porque normalmente os captadores solares non dan para cubrir o 100% do consumo.

Placas solares fotovoltaicas

eolica mais solarPero máis que enerxía térmica, unha explotación de vacún de leite o que máis demanda é enerxía eléctrica. O aproveitamento eléctrico da radiación solar por medio do efecto fotovoltaico de paneis ou módulos feitos con silicio é cada vez máis unha realidade nas explotacións galegas.

“Con robots é moi interesante contar con placas solares fotovoltaicas porque con pouco campo fotovoltaico e pouca potencia instalada lógranse producións moi interesantes e aforros importantes”, asegura Laura. Puxo o exemplo de dúas explotacións, Gandería Casanova de Baleira e Gandería Varela de Castro de Rei.

“É recomendable facer unha instalación mixta de enerxía solar, mediante placas fotovoltaicas, e eólica, por medio dun mini-aeroxerador, porque son sistemas que se complementan moi ben”

Malia que as placas solares logran compensar o incremento de consumo eléctrico que provocan os robots, o seu funcionamento é 24 horas mentres que os paneis fotovoltaicos non producen cando non hai sol, por exemplo de noite, aínda que hai a posibilidade de baterias ou de vender a enerxía excedentaria á rede, tralo decreto de autoconsumo aprobado este ano, o que compensaría a factura da luz.

“O ideal sería facer unha instalación mixta de enerxía solar e eólica, porque se complementan moi ben e cando temos pouco sol é frecuente que, pola contra, o que teñamos sexa vento. O vento contén un enorme potencial enerxético que se pode aproveitar mediante a instalación de mini-aeroxeradores”, indicou Laura.

Importancia do illamento e de contar con sistemas de iluminación eficientes

Os illamentos e a ventilación son importantes para mellorar a eficiencia enerxética das explotacións. Tamén a orientación das naves, o seu deseño e a ubicación dos distintos elementos, algo que moitas veces non se ten en conta á hora de construír un establo.

O local da leitería debe estar ben illado, orientado ao norte e ventilado e o tanque de frío debe estar ben dimensionado e cos condensadores colocados no exterior

Por exemplo, a ubicación da leitería e a colocación do condensador, un elemento fundamental para o correcto funcionamento do tanque de frío, son aspectos clave a ter en conta para baixar a factura eléctrica. Habitualmente o condensador está refrixerado polo aire do ambiente, así que a menor temperatura exterior, menor consumo eléctrico. Por iso a ubicación idónea para o condensador será no exterior da leitería, nun lugar sombreado, con orientación norte e con bo fluxo de aire. Tamén é importante que estea limpo, sen polvo, follas ou outro tipo de suciedade para facilitar o intercambio térmico.

A instalación de leds permite un aforro do 50% en iluminación. A cor e as horas de luz inflúen na produción

Xunto á ventilación, a iluminación dos establos é un factor que incide na produción de leite. As vacas precisan 16 horas diarias de luz e 8 de penumbra, polo que o aproveitamento da luz natural é un método de aforro importante. Os teitos traslúcidos con materiais que deixan pasar a claridade pero non os raios ultravioletas do sol son unha boa solución. Tamén a substitución dos habituais tubos fluorescentes por luces led, o que supón un aforro en iluminación superior ao 50%, segundo explicou a responsable de Tecgal, que indicou ademais que “a cor da luz inflúe tamén na produción e no benestar dos animais”. O óptimo para a produción de leite e o confort das vacas sería unha temperatura de cor de 6.050k.

Para evitar a penalización na factura por enerxía reactiva poden instalarse baterías de condensadores que a anulan

O uso de luces led, de menor consumo, permite tamén rebaixar a potencia contratada necesaria na explotación, un concepto con repercusión directa sobre a factura. É importante revisar a tarifa contratada para que se axuste ás necesidades reais da granxa, xa que ter más potencia da precisa só serve para pagar máis no recibo. Nos recibos da luz das explotacións aparece tamén frecuentemente outro concepto, o de “penalización por enerxía reactiva”. Trátase da enerxía que se xera e que viaxa pola rede xunto á enerxía activa (kw), que é a consumida polos aparellos eléctricos, é dicir, a realmente útil. Para evitar a penalización por enerxía reactiva (kVAR) poden implementarse sistemas de baterías de condensadores, que o que fan é redistribuila para a súa compensación. “É como se a anulasen”, explicou Laura.

Climatización mediante biomasa ou xeotermia

As principais perdas de enerxia producense pola cuberta

As principais perdas de enerxía prodúcense pola cuberta

Os sistemas de calefacción e refrixeración úsanse en maior medida en sectores como o avícola ou o porcino pero o cambio climático tamén está a facer que o vacún de leite note os efectos do estrés por calor nas vacas e cada vez sexan máis habituais nas explotacións sistemas que permiten obter temperaturas óptimas de produción, por exemplo, durante verán. A ventilación das naves e contar con cumios que permitan saír o exceso de calor son factores que inciden nunha maior produción e nunha redución do gasto enerxético dos ventiladores, por exemplo.

Se a enerxía solar térmica e a solar fotovoltaica son as enerxías máis habituais nas explotacións de leite, os sectores avícola e porcino son grandes consumidores de enerxía para climatización e moitas das granxas apostaron nos últimos anos pola instalación de caldeiras de biomasa, que supoñen aforros considerables.

Os sectores avícola e porcino son grandes consumidores de enerxía para climatización. Os pélets supoñen un aforro do 50% con respecto ao gasóleo e do 60% en relación ao gas propano

O gas propano era o sistema máis empregado até agora nas granxas de porcino e neste caso os pélets conseguen reducir a factura en máis dun 60%. “Precísanse dous quilos e medio de pélets para xerar a mesma enerxía que un quilo de propano, pero o custo dun quilo de propano é de 1,5 euros e o do quilo de pélets é duns 23 céntimos”, explicou Laura. No caso do gasóleo, dous quilos de pélets equivalen a un litro de gasóleo e o aforro sería do 50%.

A biomasa é frecuente tamén xa nas granxas de aves, onde son frecuentes as caldeiras de estelas de madeira. O aforro neste caso é mesmo superior ao logrado cos pélets, dun 70% neste caso. O problema é que a estela de madeira non está moi industrializada e o seu poder calorífico é máis variable.

Outro sistema que é interesante para explotacións con necesidades de climatización importantes é a xeotermia, que aproveita o calor do subsolo. En Galicia non hai xeotermia de alta temperatura pero a de baixa entalpía haina dispoñible en toda a comunidade mediante bomba de calor. “É un sistema moi eficiente, que cun kw de electricidade xera 4 kw térmicos, e que é últil polo tanto para explotacións cunha grande demanda de calor, como granxas de porcos ou de polos, aínda que non é rendible para explotacións leiteiras, que só precisan de auga quente para limpar”, indica. A xeotermia ten un mantemento moi reducido, non precisa de depósitos de combustible nin xera emisións de CO2.

O biogás, a enerxía do futuro nas ganderías

Outra enerxía que está de camiño é o biogás, como xeito de aproveitar as emisións de metano que producen as explotacións gandeiras. “O biogás está a caer, aínda que hoxe nos pareza unha enerxía moi lonxana aquí en Galicia, en cuestión de poucos anos teremos o biogás implantado nas nosas explotacións”, asegurou Laura.

Segundo datos do Proxecto EUREL, o 47% da pegada de carbono das explotacións leiteiras galegas está producida pola fermentación entérica dos animais. Un xeito de aproveitar o metano que producen as vacas e que expulsan en boa medida a través dos excrementos, sería recoller o biogás producido nos pozos de purín.

Un metro cúbico de purín pode chegar a producir 50 kWh de electricidade

Un metro cúbico de biogás equivale a 0,65 metros cúbicos de gas natural e pode chegar a producir 2,1 kWh de electricidade, polo que un metro cúbico de purín pode dar 50kWh de electricidade. É dicir, o biogás, ben tratado, é unha fonte de enerxía aproveitable nas explotacións gandeiras.

Unha vaca adulta produce entre 250 e 300 litros de CH4 por día, polo que nunha explotación con 200 animais a produción diaria pode chegar a 50Nm3, co que se podería alcanzar un potencial enerxético próximo aos 500kWh.

Axudas que cobren o 55% do custo da instalación

placas solares2A instalación de enerxías renovables conta con importantes axudas públicas. No caso de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) subvenciona proxectos de enerxías renovables e aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria. Estas axudas son do 35%, cun 20% a maiores para explotacións pequenas, polo que o importe da subvención pode cubrir máis da metade do custo da instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto.

Agárdase que as condicións para a convocatoria de 2020 manteñan os mesmos criterios que a deste ano, malia que a aprobación do Real Decreto 244/2019, que regula o autoconsumo de enerxías renovables, modificou diversos aspectos da normativa existente até o de agora.

Un dos máis salientables é que agora pode venderse o excedente de produción de enerxía mediante a inxección á rede de transporte e distribución, aínda que o INEGA non tivo aínda en conta este cambio e obriga a que as granxas que foron beneficiarias de axudas ata o de agora instalen un sistema antiverquido ou de inxección cero, que impide ás explotacións verter os seus exedentes á rede.

Simplificación dos trámites

Outra das modificacións importantes tralo RD 244/2019 é a simplificación na tramitación para poder instalar paneis solares fotovoltaicos. As instalacións sen excedentes ou con excedentes de até 15 Kw non precisan permiso de acceso e conexión.

Ademais, elimina o límite fixado até agora que impedía montar máis potencia da contratada, ao tempo que a potencia instalada será a potencia máxima do inversor empregado para converter a enerxía continua dos paneis en corriente alterna, e non a das placas, como acontecía até o de agora.

A burocracia disuadía até agora a un terzo das explotacións de instalar enerxías renovables, segundo unha enquisa realizada a 5.000 gandeiros

Segundo os datos aportados por AGACA, que leva 15 anos traballando no ámbito das enerxías renovables, a través de auditorías enerxéticas en explotacións de leite, e sobre sostibilidade, analizando a pegada de carbono das explotacións leiteiras, o papeleo e a burocracia eran un dos principais principais obstáculos que disuadía a moitos gandeiros á hora de instalar algún sistema de enerxía renovable nas súas explotacións.

Público asistente ás xornadas

Público asistente ás xornadas

É unha das conclusións do estudo ResFarm, no que se fixeron enquisas a case 5.000 gandeiros de toda España. Un terzo dos enquisados aseguraron que ese era o motivo polo que non incorporaban enerxías renovables. “As trabas legais, por exemplo as licenzas dos Concellos, supón un dos aspectos que bota para atrás ás explotacións á hora de poñer enerxías renovables”, segundo indicou tamén nas xornadas sobre enerxías renovables celebradas en Lugo Mario Fernández, técnico de Agaca.

A maioría dos gandeiros que instalaron enerxías renovables aseguran que o fixeron para reducir a súa factura eléctrica (93%), mentres que só o 16% di telo feito por sostibilidade ambiental. A posibilidade de obter subvencións fixo decidirse tan só ao 17% e máis da metade deu o paso logo de verllo instalado a outro gandeiro.

Gañar autonomía e protexerse ante as subas do mercado

Unha das grandes vantaxes de instalar sistemas de xeración de enerxía nas granxas é que se logra diminuir a súa dependencia enerxética do exterior protexéndose deste xeito das fluctuacións do mercado e de hipotéticas subas futuras, gañando en autonomía.

“O sistema enerxético español é dependente en case un 80% de factores externos que non podemos controlar”, explica Laura. O mix de xeración de enerxía segue estando baseado en boa medida neste momento en España no consumo de combustibles fósiles derivados do petróleo, isto fai que as explotacións estean sometidas aos vaivéns do mercado eléctrico e tamén do mercado internacional de crudo.

“O obxectivo é tratar de ser máis autónomos e independentes do exterior para non estar sometidos ás fluctuacións do prezo do petróleo e ao mesmo tempo, reducir a pegada de carbono e a emisión de gases de efecto infernadoiro da nosa explotación”, indica.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información