A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Calfensa lanza unha caliza magnesiana granulada para completar a súa oferta

A caliza agrícola tradicional continúa a ser o produto con maior demanda, se ben nos últimos anos estase a experimentar un aumento da demanda da caliza magnesiana, ao facerse máis análises de solo, que revelan carencias de magnesio

Calfensa lanza unha caliza magnesiana granulada para completar a súa oferta

Caliza granulada magnesiana de Calfensa.

Esta campaña de millo chega cunha novidade para o encalado das terras, pois a empresa galega Calfensa vén de lanzar unha caliza magnesiana granulada que permite maior comodidade para as explotacións. O novo produto, que mantén as características da caliza magnesiana en po de Calfensa, pode ser distribuida pola propia explotación cunha abonadora no momento máis axeitado.

O lanzamento da caliza magnesiana granulada por parte de Calfensa responde a un aumento da demanda desta gama de produto. A maioría das explotacións continúan aplicando a caliza agrícola tradicional, conformada por carbonato cálcico (calcita), pero nos últimos anos está medrando o consumo da caliza magnesiana.

“As analíticas de solo nas explotacións son cada vez máis habituais e con frecuencia adoitan revelar carencias de magnesio, que é un elemento importante para mellorar a nutrición dos cultivos”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Coa creación dun granulado de caliza magnesiana buscamos un produto de boa calidade que cubra as necesidades no campo. No mercado xa hai moitos produtos granulados, pero sen magnesio”, sinala.

A caliza magnesiana granulada de Calfensa está composta nun 30% por óxido de calcio en forma de carbonato e nun 20% por óxido de magnesio. O seu valor neutralizante é de 58 e presenta unha granulometría de 2 a 5 milímetros. “É a nosa caliza magnesiana en po granulada. É un produto que destaca pola súa solubilidade e caracterízase por ser altamente reactivo, é dicir, por correxir o pH cando o cultivo o precisa. No mercado temos outros produtos a base de dolomitas que reaccionan máis lentamente e que precisan unha aplicación con máis anticipación”, precisa Alberte Momán.

Gama de produto

O novo produto lanzado por Calfensa completa a súa oferta tradicional, que se centra na aplicación de calizas en po, realizada pola propia empresa por medio de equipos con brazos dosificadores ou cun aplicador con aire a presión, se o tamaño da parcela esixe un equipo máis versátil.

As posibilidades son as seguintes:

Carbonato cálcico (calcita): É a caliza agrícola tradicional, un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

“Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico.

Dose
Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. O carbonato cálcico de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa.

Aplicación de caliza co equipo de brazos dosificadores.

Aplicación de caliza co equipo de brazos dosificadores.

No mercado das calizas, hai mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda.

Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40.

Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa.

Caliza magnesiana en po. Ten a mesma composición do produto en grao, cun valor neutralizante lixeiramente maior, de 60 fronte a 58 o produto granulado, unha leve diferenza debida ó aglomerante utilizado no granulado.

Óxido de calcio e óxido de magnesio. Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto comercializado por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido por Calfensa ou polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade no reparto. Podemos facer nós a aplicación ou servir o produto en diversos formatos (sacos, big-bags, etc.)”, sinalan na empresa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *