A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Caixa Rural Galega aproba en asemblea xeral unhas contas positivas

A entidade pecha o exercicio 2016 cun beneficio de 3 millóns de euros, lixeiramente por riba do acadado o pasado exercicio

Caixa Rural Galega aproba en asemblea xeral unhas contas positivas

Asemblea xeral de Caixa Rural Galega.

Caixa Rural Galega vén de celebrar unha asemblea xeral na que se aprobaron as contas do exercicio 2016, no que a entidade celebrou o quincuaxésimo aniversario da súa creación, alá polo ano 1966 na capital lucense. O presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e o director xeral, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón, presentaron unhas contas que previamente lle foron expostas e explicadas aos socios nas Xuntas Preparatorias, que este ano se celebraron en Sarria, Vilagarcía de Arousa, Chantada, Vilalba e Lugo.

A entidade pechou o exercicio cun beneficio neto superior aos tres millóns de euros, lixeiramente por riba do acadado no ano 2015. Os depósitos de clientes acadaron preto de 800 millóns de euros, cun crecemento respecto do 2015 do 10,80%, e a inversión crediticia superou nun 2% a de 2015, ata os 417 millóns de euros netos, nun entorno no que a inversión crediticia global continúa a decrecer.

O contexto de traballo é complexo, pois os tipos de xuro están historicamente baixos, incluso en valores negativos, pero a entidade foi quen de manter os resultados, tras anos de forte crise e elevadas necesidades de dotacións.

Caixa Rural Galega continúa a súa actividade sen peches de oficinas nin recortes de persoal pese ás dificultades que o sector atravesa nun entorno de tipos tan baixo. Considera que afronta o futuro cunha boa posición de saída para enfrontar os desafíos regulatorios e tecnolóxicos que se aveciñan nos próximos anos.

A entidade, nada en Lugo hai 50 anos, ten na actualidade presenza nas catro provincias galegas, nun total de 40 concellos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *