caixa rural iberaval

Caixa Rural Galega abre o acceso a créditos respaldados por Iberaval

A entidade galega chega a un acordo cunha sociedade de garantía recíproca, o que mellora as oportunidades de financiación

Caixa Rural Galega pechou recentemente un acordo coa sociedade de garantía recíproca Iberaval para mellorar a financiación das pequenas e medianas empresas de Galicia, tanto as do sector agrario e agroalimentario como as doutros sectores. O obxectivo do acordo é ofrecer máis financiación e en mellores condicións para os clientes de Caixa Rural Galega, buscando principalmente respaldar proxectos empresariais de crecemento, se ben tamén se ofrece acceso a financiación de circulante.

O acceso a créditos por medio dunha sociedade de garantía recíproca como Iberaval -líder no sector en España-, representa para a operación crediticia o respaldo dun terceiro, de xeito que aumentan as garantías para o sector financieiro. Esa circunstancia permite que o nivel de endebedamento do cliente se considere menor, o que lle permite seguir mantendo acceso a nova financiación, en caso de que fose necesario.

Utilidade
O director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez, sinalou sobre este acordo que “supón unha nova alternativa para as pemes galegas para acceder a financiación en condicións preferentes en tipos de interese e prazos de amortización”, que poden ir dos 3 ós 15 anos. “O acordo con Iberaval reafirma ademais o compromiso da nosa entidade co tecido produtivo galego”, subliñou.

O acordo de Caixa Rural Galega con Iberaval permite acceso a liñas clásicas de financiación de investimento e circulante, así como a outros dous bloques de produtos: factoring con recurso, confirming e desconto comercial, así coma renting.