A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Beneficios do encalado, cuestións a ter en conta na campaña de outono

Repasamos da man de Calfensa aspectos a considerar sobre a aplicación de calizas agrícolas

Beneficios do encalado, cuestións a ter en conta na campaña de outono

Cando o solo ten un pH ácido, como o habitual en Galicia, os cultivos teñen maior dificultade para aproveitar os nutrientes, o que supón un handicap para o seu desenvolvemento. “Con frecuencia, atopámonos con análises de solos que teñen unha presenza alta de nutrienes, ata o punto de estar sobreabonados, pero esos nutrientes están pouco dispoñibles para os cultivos por ter o solo un pH ácido” -explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola de Calfensa.- “Para lograr un abonado eficaz, é preciso coidar a corrección do pH do solo”, subliña.

Para a aplicación das calizas agrícolas, a recomendación habitual é aportalas con antelación suficiente ó abonado, a fin de evitar reaccións indesexables. O ideal sería deixar pasar un mínimo de 3 semanas, se ben tamén haberá que ter en conta os condicionantes meteorolóxicos e de tempo dispoñible.

Dado que a acción dos produtos encalantes é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas.

Tamén poderemos aplicar sobre cuberta, en cultivos pratenses, despois de ter realizado unha sega.

Efectos dos solos ácidos
As condicións xeolóxicas e climáticas habituais en Galicia deparan solos ácidos nos que as plantas adoitan ter a disposición grandes concentracións de aluminio e manganeso, que en porcentaxes altos repercuten nun pobre desenvolvemento das plantas. O aluminio ten un impacto directo sobre as raíces, que aparecerán curtas e fráxiles, en tanto o manganeso causa un menor crecemento do talo.

A acidez do solo ten o seguinte efecto sobre os nutrientes principais:

– Nitróxeno (N). A mineralización do N orgánico prodúcese dentro dun amplo rango de pH, pero decrece por baixo do pH 6,0. A nitrificación, proceso que transforma o amonio a formas asimilables polas plantas, tamén se reduce moito con pH inferiores a 4,5, igual que a acción dos microorganismos que actúan no ciclo do nitróxeno, que se fai máis lenta con pH por baixo de 5.

– Fósforo. Forma complexos orgánicos co ferro e o aluminio, quedando inaccesible para as plantas. O fósforo estará presente no solo, pero non aproveitable.

– Potasio. Se aumentamos o pH, activamos o complexo de intercambio da materia orgánica, o que podería supor un incremento na concentración de K cambiable.

Beneficios do encalado
• Bloquea e insolubiliza parte dos ións Al, Fe e Mn, que poden estar en concentracións moi tóxicas para algúns cultivos.
• Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos.

• No caso de que estea presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental.

• Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio, de grande carácter floculante sobre os coloides.

• Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica.

• No caso das leguminosas en praderías polifitas, o encalado pode aumentar a cantidade de proteína da forraxe ao incentivar o crecemento das leguminosas.

• Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas, sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Gama de produtos encalantes

Caliza agrícola
O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción no chan.

Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para corrixir a acidez do chan, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea.

Á hora de consultar o valor neutralizante dun produto, hai que ter tamén en conta que en Portugal contan cun sistema de medición diferente, polo que produtos portugueses cun valor neutralizante de 85 son equivalentes aos que en Galicia teñen 40.

Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)
Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Así corríxense as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico.

Óxido de calcio e óxido de magnesio
Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, aínda que o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto comercializado por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparexido polo propio gandeiro por medio de abonadoras.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información