A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Así será o rabaño de vacas da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Así será o rabaño de vacas da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Vacas da Granxa Gayoso que este verán pasarán ás instalacións da nova Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra, que financia a Deputación de Lugo

A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra, que promove e financia a Deputación de Lugo coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, acollerá nos próximos meses un rabaño duns 90 animais Hostein procedentes da Granxa Gayoso Castro.

A instalación, situada en Castro Ribeiras de Lea e que está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial, ten previsto estar operativa este outono para os estudantes do Campus Terra e chegar a acadar as 70 vacas en muxido.

“Os animais de vacún de leite que temos na Granxa Gayoso Castro son os que van pasar para a nova Granxa Experimental do Campus Terra, mellorando moito en benestar animal e deixando libres as instalacións actuais para ampliar e mellorar o rabaño de Rubia Galega que criamos en virtude do convenio con Acruga”, explica Miguel Ángel Fernández López, director da Granxa Gayoso Castro, un centro dependente e financiado pola Deputación de Lugo.

Actualmente, este rabaño está formado por uns 90 animais, dos que 45 son neste momento vacas en muxido, polo que prevén aumentar a recría de forma progresiva ata chegar ás 70 vacas en muxido.

logo copcisa amplo

Un dos primeiros rabaños Holstein seleccionados de España

As orixes deste rabaño remóntanse ás primeiras importacións de España de gando seleccionado de raza Holstein. “Na Granxa Gayoso Castro temos este rabaño dende hai uns 60 anos, cando se realizaron as primeiras importacións de gando holstein seleccionado procedente de Canadá, e posteriormente tamén se importaron algúns animais de Italia. Fomos conservando e mellorando a xenética con acoplamentos de touros de Xenética Fontao”, explica Miguel Ángel Fernández López.

“De feito -subliña- entre os gandeiros os animais de vacún de leite do rabaño da Granxa Gayoso Castro sempre foron moi ben valorados nas poxas organizadas por Africor Lugo”.

Actualmente, estes animais están en estabulación libre con cubículos e as vacas secas e as xovencas saen a pastoreo en determinadas épocas do ano. “As instalacións que temos na Granxa Gayoso Castro para o noso rabaño de vacún de leite son moi antigas, polo que cando sexan trasladadas á Granxa Experimental vai supor unha mellora de benestar animal moi importante”, destaca Miguel Ángel Fernández López.

Rabaño da Granxa Gayoso Castro. As novas instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra mellorarán notablemente o seu benestar animal

Rabaño da Granxa Gayoso Castro. As novas instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra mellorarán notablemente o seu benestar animal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *