robot_muxido_delaval

Así será o novo robot de muxido da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Este outono prevese que estea plenamente operativa a Granxa Experimental de Vacún de Leite tanto para o alumnado de Veterinaria como para o resto do estudantado do Campus Terra de Lugo.

A instalación sitúase en Castro Ribeiras de Lea, ao carón da Granxa Gayoso Castro, e está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado pola Deputación de Lugo, administración que financia as obras.

Entre as novidades que incorporará este centro de investigación gandeira estará un robot de muxido para vacas en pastoreo, que se combinará coa sala de muxido clásica para poder obter información e realizar estudos cos dous sistemas.

Trátase dun VMS300 de DeLaval, que ven equipado cunha serie de extras como un contador de células somáticas, un sistema de control de tempos de ruminación e descanso, tanque de leite, silo de alimentación ou sistema de videovixilancia.

“A adquisición do robot realizouse por licitación pública, nun sistema que valoraba con criterios obxectivos a equipación que acompañaba ao propio robot”, explica Pedro Fiz Rocha Correa, técnico do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, a institución que sufragou a compra do robot.

O custo do VMS300 de DeLaval foi de 130.000 €, tal e como se recollía na licitación, incluíndo todo o equipamento, e a previsión é que estea en funcionamento durante esta primavera.

Robot de muxido en pastoreo

¿Por que , ademais da sala de muxido, a Universidade de Santiago optou por instalar un robot de muxido na súa Granxa Experimental? “O robot de muxido presenta unha clara aposta pola innovación, permitindo a recollida dun amplo abanico de datos dentro do enfoque de Smart farming ou agricultura intelixente”, apuntan Pedro Fiz Rocha Correa. E é que os numerosos datos que aportará o robot poderán ser empregados polo estudantado de Veterinaria ou de Enxeñería Agrónoma, entre outros, para realizar as súas investigacións.

Ademais, ao instalarse a Granxa Experimental dentro dos terreos da finca Gaioso Castro, propiedade da Deputación de Lugo, poderase realizar pastoreo co rabaño. “Deste xeito, poderemos combinar o sistema automático co pastoreo, un modelo ben estendido noutros países punteiros como Holanda ou Irlanda e que presenta unha boa oportunidade de desenvolvemento en Galicia e incluso a nivel do estado”, destacan dende o Campus Terra da USC.

O proxecto da Granxa Experimental no seu conxunto alíñase co concepto de vida sostible do Campus Terra, nunha clara aposta  pola sustentabilidade ambiental, o benestar animal e a agricultura de precisión. Neste sentido, os responsables universitarios explican que “o robot de muxido encaixa ben cos tres enfoques, permitindo a recollida dun amplo rango de datos ao tempo que permite ás vacas que sexan elas mesmas as que decidan cando e canto se moxen, todo combinado cunha carga gandeira baixa e con libre acceso aos pastos, o que garante un nivel alto de benestar animal, favorecendo, ademais, o secuestro de carbono e a mitigación do cambio climático”.

logo copcisa amplo

Ubicación do robot dentro da granxa

O equipo instalarase “na cabeza” do establo, entre a zona destinada a parideiras e a zona de separación, por diante da oficina, ocupando unha superficie de 23,5 m2. Deste xeito, o persoal poderá comprobar o funcionamento do robot desde a propia oficina, vixiando o correcto funcionamento do mesmo e atendendo ás posibles alarmas que poidan saltar no programa informático de xestión do robot. Desde a oficina mantense contacto visual total co equipo, pois ambos se comunican por medio dunha ventá.

Esta disposición do robot, dentro do espazo habitual do animal e á vista do resto,  permite que non senta illado durante o muxido, o que favorece que os animais pasen con maior facilidade e sufran menos estrés, xa que é coñecido que unha das situacións máis estresantes para unha vaca é o illamento do resto do rabaño.

As vacas poden acceder a el desde calquera dos corredores de exercicio e por vontade propia. A súa disposición permite, que unha vez efectuado o muxido e en caso de detectar que un animal ten ou pode presentar problemas (de mamite, nº elevado de células somáticas…), a separación do animal do resto do gando, enviándoo automaticamente mediante un sistema de portas cara á zona de separación, lugar onde posteriormente será revisado e diagnosticado, ben polo persoal da explotación ou polo persoal da universidade que estean a efectuar prácticas na granxa experimental. No suposto caso de que a vaca non sexa enviada a separación, a saída do robot de muxido está orientada cara ao corredor de alimentación.

O robot de muxido instalarase a nivel do chan da zona de oficina, vestiarios, etc, aínda que se deberá executar un pequeno foso na súa sala, o cal facilita os labores de atención e observación dos animais en caso de ser necesario, e que á súa vez pode ser de gran utilidade para o desenvolvemento das clases.  Con respecto a corredor de circulación, o robot irá elevado uns 10 cm para mellorar a protección da sucidade.