desbroce_roza 1

Así se reforza este ano en Galicia a loita e prevención dos incendios

Novas tecnoloxías que permitirán ter vixiado en tempo real máis da metade da superficie de Galicia, un novo teléfono de denuncias anónimas ou persoal mellor formado e equipado son algunhas das novidades dos dispositivo para loitar este ano contra os lumes forestais. Estes son os cambios...

Este ano mantense en Galicia o esforzo na loita contra os incendios forestais. No que atinxe á súa extinción, nesta campaña de alto risco está despregado sobre o territorio galego un dispositivo moi semellante ao de anos anteriores, pero con melloras, especialmente de carácter técnico.

Así, entre as novidades destacadas atópase o emprego de drons para apoiar tanto as tarefas de vixilancia e detección como de apoio na extinción e investigación dos incendios. Estes aparellos non tripulados incorporan cámaras de vídeo e térmicas, estas últimas pensadas sobre todo para actuar de noite. Mellórase deste xeito a vixilancia móbil no monte, reforzando especialmente as zonas de alta actividade incendiaria.

Así mesmo, estes vehículos aéreos úsanse tamén para vixiar o cumprimento das obrigas canto a xestión da biomasa nas franxas. Deste xeito, refórzase a aplicación práctica do convenio de protección das aldeas, cunha maior eficacia nos labores de replanteo e planificación das faixas secundarias que se están a limpar grazas ao sistema público de xestión de biomasa. Este acordo, que constitúe un avance e unha novidade importante no eido da prevención dos lumes, foi asinado entre a Consellería do Medio Rural, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Obxectivo: Máis de 200 concellos co seu propio plan municipal de prevención e defensa contra os incendios

Desta forma, as tres entidades traballan da man para mellorar un eido clave para a seguridade das persoas e dos bens. Fano a través de diferentes vías. Para iso é imprescindible a adhesión dos municipios ao sistema, algo que facilita e axiliza os labores de xestión da biomasa.

Unha liña de actuación que vén dada pola obriga que teñen as corporacións locais de dotarse de cadanseu plan municipal de prevención e defensa. Neste aspecto, a Xunta, consciente das dificultades técnicas que tiñan os concellos para elaborar estes plans, tomou a dianteira e xa lles facilitou o Plan a un total de 97 concellos. O obxectivo é que a final de ano estean entregados os plans de máis de 200 municipios sumados ao convenio.

Outro piar é a priorización de parroquias pola súa historia en canto a actividade incendiaria e risco dos lumes para a poboación. Así, priorizáronse 70 parroquias nas que se limpará a biomasa no 100% das faixas secundarias de xeito voluntario a través da adhesión dos propietarios ao convenio, ou subsidiariamente.

Un terceiro piar do convenio é o referido ás chamadas “aldeas-modelo”. Trátase de fomentar a posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas en determinados núcleos, que funcionarán como exemplo para todo o territorio. Desta forma crearase unha devasa natural fronte o lume, xa que desenvolvendo actividade económica nas franxas non será preciso rozar todos os anos.

Dispositivo: Máis de 7.000 persoas implicadas no operativo

En canto ao persoal e aos medios de loita contra o lume, o Goberno galego mantén o esforzo de anos anteriores, cun dispositivo moi semellante ao das últimas campañas, malia que con maior presenza no tempo dos efectivos sobre o territorio (así, o persoal fixo descontinuo permanecerá despregado ao longo de cinco meses, en lugar de catro, como foi o caso do ano pasado).

En total, son máis de 7.000 as persoas implicadas no operativo, contabilizando as da propia Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiadas por unha trintena de medios aéreos e por 360 motobombas, entre outros medios.

Teléfono de denuncias anónimas: o 900.815.085

No eido da sensibilización social e do fomento da colaboración cidadá contra a actividade incendiaria, unha mellora introducida este ano pola Administración autonómica é a posta en marcha dun teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas, o 900.815.085. Desta forma, a poboación pode denunciar calquera actividade delituosa cando teña coñecemento dela, ben a través deste servizo ou directamente comunicando este tipo de accións ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Por outra banda, mellorouse tamén a vixilancia fixa, coa incorporación de 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa instaladas na Rede de videovixilancia forestal, polo que se disporá dun total de 118. Con elas cubriranse 200.000 hectáreas máis de territorio galego, a maiores dos 1,6 millóns de hectáreas xa abarcadas. Polo tanto, máis da metade da superficie da nosa comunidade estará vixiada por estas cámaras.

Máis da metade da superficie de Galicia estará vixiada por cámaras

Neste eido tecnolóxico outra mellora será o desenvolvemento dun proxecto piloto para contar con alertas temperás en puntos estratéxicos do territorio que recollan observacións meteorolóxicas fiables. Trátase de dispor de datos permanentemente actualizados da contorna na que se poida estar a producir un incendio forestal, avaliando variables como a dirección e velocidade do vento, a temperatura, a humidade ou a pluviometría.

Así, a Xunta aplicará a tecnoloxía IOT (Internet of Things) e técnicas de Big Data á Rede de Videovixilancia dos Espazos Forestais de Galicia. Tratarase de despregar dispositivos IOT nun mínimo de tres centros de telecomunicacións da Rede para detectar, analizar e enviar datos relativos a parámetros atmosféricos que teñen incidencia nos incendios forestais como a humidade, pluviometría, temperatura, dirección e forza do vento. A aplicación de técnicas de Big Data a esta información permitirá obter patróns de comportamento, que contribuirán a mellorar a predición e coordinación da extinción dos incendios forestais.

Por outra parte, axustouse o número de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), de acordo coa evolución da cifra de lumes rexistrados e a súa virulencia nos últimos anos nestas zonas. Como consecuencia, diminuíu en seis o número de PAAI con respecto ao pasado ano, pasando a ser 71 no conxunto de Galicia. Nestas parroquias faise un seguimento especial da actividade incendiaria e da súa incidencia sobre o territorio, aplicando as correspondentes medidas paliativas, tanto no eido da prevención como da extinción, a vixilancia ou a disuasión.

Formación do persoal para máis de 7.000 persoas

Estase a desenvolver tamén o plan de formación 2019 do persoal; é dicir, dos profesionais que se encargan da prevención e extinción de incendios forestais. Tal e como contempla o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), trátase de 15 cursos diferentes adaptados e enfocados a cada posto laboral. Na maioría dos casos haberá varias edicións destes cursos para chegar a todos os especialistas. Serán un total de 272 accións formativas para 7.142 alumnos (a maioría do persoal recibirá dous cursos). Das accións previstas, xa se impartiron 173 correspondentes a 8 cursos distintos. Nelas participaron 5.100 alumnos.

Algún dos cursos é xenérico no seu contido e, polo tanto, dirixido a varias ou a todas as categorías profesionais, pero o plan está fundamentalmente estruturado e diferenciado segundo as categorías do persoal. Así, hai cursos específicos dirixidos a bombeiros forestais condutores de motobomba, emisoristas, bombeiros forestais xefes de brigada, directores técnicos de extinción, etc.

Mediante o plan de formación do persoal búscase actualizar a formación en materia de prevención de riscos laborais e en materia de procedementos de seguridade en incendios, así como formar ao persoal de recente ou inmediata incorporación, coa finalidade de contar cun servizo o máis profesionalizado posible.

Renovación do material

Realízase un seguemento en tempo real dos lumes e dos medios de extinción

Realízase un seguemento en tempo real dos lumes e dos medios de extinción

No que atinxe á renovación e mellora do material e dos medios de extinción, renováronse este ano ata 22 motobombas do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif). Isto confirma a aposta que está a facer a Xunta pola profesionalización deste servizo público, único e versátil. O custo de cada unha destas motobombas supera os 217.000 euros, polo que só nestes vehículos renovados investiuse preto de 5 millóns de euros.

Así mesmo, cómpre destacar que desde 2013 renováronse 77 motobombas, é dicir, preto do 50% das que ten o servizo, que está estruturado en 19 distritos forestais. Destes cambios tamén se benefician os concellos, xa que se lles van cedendo gradualmente aquelas motobombas en bo estado para que sexan utilizadas polas brigadas municipais. Este ano entregáronse seis vehículos motobomba de segunda man a varios municipios, co fin de mellorar o traballo que se realiza desde as brigadas municipais e contribuír deste xeito a renovar o seu parque móbil.

En definitiva, tanto no que atinxe ao persoal como aos medios materiais, compróbase que se está a intensificar as medidas de mellora do dispositivo fronte o lume. Mantense a consideración de que este é un labor estratéxico e de país, en defensa das persoas e dos seus bens, como principal prioridade, e, por extensión, da riqueza forestal de Galicia.