A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Armónico e Clever, de Xenética Fontao, sitúanse como os mellores touros de España

Armónico consegue situarse como novo líder nas probas xenéticas de Conafe de novembro, logrando 3.965 puntos de Gico. Clever sitúase no número 1 con 4.875 puntos de Gico, cifra nunca vista ata o momento nun touro xenómico español.

Armónico e Clever, de Xenética Fontao, sitúanse como os mellores touros de España

Armónico, mellor touro probado español. Foto: Mauricio de los Santos

Armónico, descendente de Snowman x Bolton, da familia “Mark Prudence”, logrou situarse como o novo número uno dos touros probados españois nas probas xenéticas de Conafe do mes de novembro. Este touro, pertencente ao centro público galego Xenética Fontao, mellorou as expectativas que a xenómica lle outorgaba, logrando 3.965 puntos de Gico, fronte aos 3.592 da avaliación de xuño.

O que fose xa un touro xenómico destacado desde un comezo revélase como o mellor dos fillos de Snowman presentes no TOP 50 español de touros probados. Destaca polas altas cifras na produción das fillas deste touro (1.717 kg de leite e +0,13% proteína). A súa proba confirma tamén a súa calidade morfolóxica xeral e de ubres e patas en particular.

Polos demais, a hexemonía de Xenética Fontao a nivel nacional é moi clara. De novo os touros galegos copan os primeiros postos dos ránkings tanto de touros probados como de touros xenómicos. Así, 6 touros do centro público galego aparecen no TOP 10 no primeiro caso e 9 no segundo, onde é evidente o dominio entre os touros novos con prometedoras xenéticas.

Torrel mantense un ano máis como o segundo mellor touro probado de España

Outra fazaña relevante é Torrel (Bolton x Allen), o que xa foi líder da lista dos mellores touros probados españois en varias avaliacións anteriores mantense no segundo posto na devandita listaxe tras a incorporación de miles de fillas de segundo grupo que o converten no mellor touro probado español de alta fiabilidade (99%). As súas fillas ten un gran potencial de produción que reflicte ben a súa cifra de 2.077 kg en leite sen perder apenas terreo nas proba de tipo cun 2,49 en IGT (nº 1 en tipo do TOP 50 GICO), 1,70 en ICU e 2,46 en IPP (número 2 neste trazo do TOP 50 GICO)

No número 3 dos touros probados, e completando o podio, atópase Falco (Snowman x Goldwyn), tamén de Xenética Fontao, que tras a incorporación de novas fillas sobe en kg de leite e proteína, así como no índice de patas e pés, e convértese no cuarto mellor touro probado español para este rasgo. Outra peculiaridade de Falco é que é un dos mellores fillos de Snowman para os trazos de saúde: RCS, Lonxevidade e Días abertos, nos tres mostra datos positivos, por encima da media.

Polo demais, Xenética Fontao mantén o seu dominio nos touros probados, de alta fiabilidade, españois con 31 dos seus touros no Top 50 e 50 animais no Top 100.

conafe_novembro_16_touros_probados_espanois

Dominancia absoluta no top xenómico cos 4.875 puntos de Gico de Clever

En canto aos touros xenómicos, os de Xenética Fontao tamén se situaron nos mellores postos do ránking publicado recentemente por Conafe. Os 7 primeiros touros da devandito listaxe son touros deste centro, contando con 9 dos do Top 10 xenómico, 32 do Top 50 e 46 dos 100 mellores.

Como vén sendo habitual nas últimas probas, un touro novo de Xenética Fontao lidera a lista dos mellores touros xenómicos españois. Trátase de Clever que responde ao moderno pedigrí de Chevalier x Altaoak da familia das “Classy”, cunha proba con alta produción (máis de 2.300 kg de leite con % positivos de graxa e proteína), unha correcta proba de tipo e moi bos números para os rasgos de saúde máis destacados. Estes datos convérteno no número 1 con 4.875 puntos de Gico, cifra nunca vista ata o momento nun touro xenómico español.

No número 2 da listaxe aparece Supertoro (Supershot x Meridian, da familia “Mark Prudence”, a mesma que Armónico, o touro probado número 1) que mantén o seu status de touro xenómico de extrema calidade co que debutou como número 1 nas anteriores probas. No número 3 atopamos a Mellor (Missouri x Supersire), seguido de Arion (Missouri x Mogul) no número 4, Sanxurxo (Supershot x Shaw) no número 5, Suprem no posto 7º e o seu temperán fillo Sorte (Suprem x Gillespy) no número 10, confirmando xa o gran poder de transmisión de Suprem, tanto vía femia ( é o pai da tenreira xenómica nº 1 actualmente: Teixeiro Suprem Suba FIV ET) como vía macho. No número 9 da listaxe incorpórase un destacado fillo de Missouri: Misione (Missouri x Meridian, familia “Rita”) cunha excelente proba de produción, tipo e de rasgos de saúde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *