A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Alumnado da Fundación Belarmino Fernández visita a DO Monterrei

Realizaron un percorrido que incluíu unha adega, o Consello Regulador e o Museo Claustro Mercedario de Verín, para coñecer a elaboración dos viños desta denominación

Alumnado da Fundación Belarmino Fernández visita a DO Monterrei

Estudantes e profesores da Fundación Belarmino Fernández durante a súa visita ó Consello Regulador.

Estudantes e profesores do ciclo superior de vitivinicultura da Fundación Belarmino Fernández Iglesias de Rosende (Sober-Lugo), visitaron o territorio da Denominación de Orixe Monterrei para coñecer de primeira man como se elaboran os seus viños.

O grupo foi recibido na sede do Consello Regulador pola presidenta do órgano, Lara Da Silva, para a continuación visitar a adega Gargalo, situada en Verín, na que coñeceron in situ os traballos de coidado do viñedo e os procesos de elaboración do viño. Logo, dirixíronse ó Museo Claustro Mercedario de Verín, donde realizaron un percorrido guiado pola historia e tradición vitivinícola en Monterrei, ademais de descubrir as características das variedades preferentes autorizadas, tanto de uva branca como en tinta, na denominación.

Para finalizar a xornada, regresaron á sede do Consello Regulador onde o persoal técnico lles presentou as peculiaridades da zona, as características edafoclimáticas e os viños de Monterrei. A sesión rematou cunha cata dos diferentes viños elaborados na denominación.

Esta é a segunda acción realizada no que vai de ano polo Consello Regulador destinada a centros educativos logo de que hai un par de semanas recibiran ó alumnado do CIFP Compostela. “Consideramos fundamental a promoción deste tipo de actividades, xa que nos permiten achegar o noso territorio e produtos a estudantes, que nun futuro serán os nosos mellores prescriptores”, destaca Da Silva. A presidenta subliñou tamén o valor destas actividades de cara ós mozos, xa que encarnan o relevo xeracional que se precisa no sector: “está nas nosas mans ofrecerlle a mellor formación posible que os axude a crear un produto con identidade e calidade propia”, defendeu Da Silva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *