A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Alltech logra que a Comisión Europea aprobe o uso de aditivos de zinc nos pensos

Alltech logra que a Comisión Europea aprobe o uso de aditivos de zinc nos pensos

A Comisión Europea publicou recentemente un Regulamento de execución sobre a nova autorización na Unión Europea dos compostos de zinc utilizados como aditivos para alimentación animal. O novo regulamento aproba o uso dos aditivos de zinc nos pensos durante un período de 10 anos e inclúe unha serie de cambios respecto da autorización anterior de comercialización dos compostos de zinc no mercado europeo.

O cambio máis importante incumbe á inclusión dunha nova clasificación do quelato de zinc denominada quelato de zinc de hidrolizados de proteínas. Esta nova clasificación establécese en resposta a unha solicitude de autorización de aditivos para alimentación animal recibida pola Comisión Europea dun subgrupo de cinco membros, sendo un deles Alltech, da Agrupación europea de interese económico Consorcio de oligoelementos (TREAC).

O consorcio TREAC solicitou á Comisión Europea a inclusión do termo “quelato de zinc de hidrolizados de proteínas” dado que describe adecuadamente o tipo de quelato de zinc que se forma entre o zinc soluble e as proteínas hidrolizadas de soia.

O Dr. Gerry Dillon, Director de rexistros para a UE de Alltech, recibiu con entusiasmo a noticia da nova clasificación aprobada pola Comisión Europea.

O quelato de zinc mellora a absorción deste mineral por parte do organismo dos animais

“A autorización do quelato de zinc de hidrolizados de proteínas é a culminación de moitísimo traballo e esforzo, e estamos ansiosos por poder contribuír ao mercado de aditivos con quelatos de zinc de calidade superior co aval da Comisión Europea”, sinalou o Dr. Dillon.

“Os compostos quelados achegan minerais orgánicos, como o zinc, nunha forma o máis parecida posible á que se atopa na natureza”, engadiu. “Estes compostos presentan unha maior biodisponibilidade nutricional e unha menor taxa de excreción dos minerais. De forma xeral, os produtos deste tipo posúen dous grupos doadores para cada ion metal, o que significa que os minerais quelados non teñen ningunha carga neta e son por tanto neutros desde o punto de vista electrostático.

“Grazas ao control rigoroso do proceso de hidrólise de fontes complexas de proteínas para obter hidrolizados optimizados de proteínas, pódese maximizar a forza da ligazón que se forma entre o mineral e as proteínas hidrolizadas”, explicou o Dr. Dillon. “Desta maneira lógrase que, durante o paso polo tracto gastrointestinal, as interaccións que se producen entre o mineral quelado e o resto de compostos do alimento sexan mínimas, o que aumenta a liberación do quelato aos lugares de absorción do intestino. En última instancia, conséguese así maximizar a biodisponibilidade do mineral orgánico”.

O consorcio TREAC desenvolveu un novo método analítico que permite determinar a cantidade exacta do quelato de zinc de hidrolizados de proteínas que se atopa en forma orgánica.

“A irrupción desta tecnoloxía innovadora, que utiliza a espectroscopía infravermella por transformada de Fourier (FTIR), permite determinar cuantitativamente por primeira vez a quelación nun aditivo para pensos”, precisou o Dr. Dillon. “Deste xeito, os fabricantes e os produtores teñen a garantía de que se demostrou analiticamente que o zinc que obteñen ao comprar quelatos de zinc de hidrolizados de proteínas está en forma quelada, e non en forma de zinc inorgánico sen unir mesturado con fariña de soia”.

Esta tecnoloxía permite diferenciar entre os minerais que están realmente en forma orgánica e os que están sen unir e mesturados con fariña de soia. Isto é de suma importancia para loitar contra a fraude no mercado e brinda aos fabricantes de penso e aos produtores a seguridade de estar a recibir un produto de calidade auténtica.

“A FTIR é unha técnica non destrutiva en estado sólido que ten a vantaxe respecto dos métodos tradicionais de que permite analizar directamente as mostras”, apuntou o Dr. Dillon. “Os métodos convencionais, que requiren unha extracción en fase líquida, poden arroxar resultados inexactos, xa que só pode analizarse a fracción soluble ou o quelato se disocia no medio líquido. A Comisión Europea e os Laboratorios de referencia da UE revisaron e aprobaron a metodoloxía FTIR e, en conclusión, utilizar esta técnica non só demostra a calidade dos quelatos de zinc, senón que tamén permite previr o uso involuntario de produtos fraudulentos que circulan no mercado de aditivos para penso da UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *