A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Agaca presenta o seu programa de accións sociais

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias continuará no 2018 o seu plan de actividades dirixido á infancia, xuventude, muller e persoas maiores. Conta co patrocinio de Caixabank

Agaca presenta o seu programa de accións sociais

Presentación do programa de accións de Agaca coa Obra Social La Caixa.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) presentou o seu programa de accións dirixido a catro colectivos sociais: infancia, xuventude, muller e persoas maiores. O plan, que conta coa colaboración de Caixabank a través da Obra Social La Caixa, continúa o traballo xa realizado nos últimos anos.

O programa de accións 2018 presentouse esta mañá en Santiago nun acto no que participaron o director xerente de Agaca, Higinio Mougán, o presidente da Asociación, José Montes; o director territorial de Caixabank para Galicia, Emilio Barreiro, e Laura Lema, responsable de Agrobank, a liña de negocio da entidade financieira ligada ó agro.

O plan de actividades é o seguinte:

Atrévete Contigo Mesma
Consta de oito xornadas orientadas a empoderar e a motivar ás mulleres cooperativistas para que se incorporen aos órganos de decisión destas entidades. Durante a pasada campaña, interviñeron máis de 150 mulleres en 8 cooperativas.

Como novidade, comeza “Atrévete Contigo Mesma: emprendedora”. Higino Mougán, director-xerente de AGACA explicou: “A porcentaxe de mulleres que ocupan cargos en cooperativas (12%) non se corresponde coa porcentaxe das mulleres que son socias (49%)”, polo que a iniciativa busca “que se desenvolva algún proxecto concreto”, sexa de tipo empresarial, social ou mesmo de formación para acceder a cargos de responsabilidade.

“Coidar, coidarte”
“Coidar, coidarte” aspira a amosar xeitos de mellorar como envellecemos e dar pautas que axuden a mellorar a calidade de vida de quen teña ao seu cargo persoas maiores ou con dependencia. A atención de persoas maiores no fogar recae, segundo enquisas realizadas por AGACA, maioritariamente nas mulleres. Así, o programa prestará atención a concienciar a socios e socias das cooperativas en que esa función debe recaer por igual en homes e mulleres.

Durante a pasada campaña, asistiron 220 persoas en 8 cooperativas.

“Incorpórate!”
O programa “Incorpórate!” congregou na pasada campaña a 110 persoas nunha xornada para fomentar a incorporación de xente xove á actividade profesional no medio rural.

Nesta campaña, ademais, crearase a Comisión Xove Cooperativista, constituída por mozos e mozas que se reunirán periodicamente para escoitar e atender necesidades da mocidade que traballa no sector agroalimentario do medio rural, ademáis de informar sobre cuestións relacionadas coa incorporación profesional ao cooperativismo e ao sector agrogandeiro, así como aspectos relacionados co acceso a axudas públicas, o sistema impositivo ou a tributación.

Ana Oca preparou un almorzo san e sinxelo no acto.

Ana Oca preparou un almorzo san e sinxelo no acto.

“Almoz@ con Beizos Brancos”
En canto ás escolas, “Almoz@ con Beizos Brancos” amosa a importancia da alimentación sa na infancia, mediante unha charla e un almorzo nas aulas de primaria. Tamén lle aprende aos escolares o proceso de produción do leite.

Ana Oca, finalista de MasterChef Junior, presentou a actividade e, como exemplo de almorzo san, preparou un batido de plátano, leite e cacao. Oca epxlicou a importancia de “acostumar aos nenos a un almorzo san”.

Na campaña 2016/2017 repartíronse 944 almorzos sans en 19 colexios. Nesta campaña, como reforzo da actividade, organizarase un concurso de relatos curtos entre os colexios participantes. Así, segundo Mougán, volverán “a mirada cara o agro e o contorno rural e o que significan”.

Continuidade
Dende a campaña 2015/2016, cando se asinou o convenio entre AGACA e Obra Social “la Caixa”, máis de 2900 persoas se teñen beneficiado das 72 actividades que tiveron lugar. Emilio Barreiro, director territorial de grupo CaixaBank en Galicia, afirmou: “Os bos resultados colleitados por todas estas accións animáronnos non só a darlle continuidade senón tamén a aumentar orzamento. Hai tres anos comezamos cunha achega de 20.000 euros e hoxe en día a colaboración ascende a 44.500 euros.”

A colaboración vén tamén motivada polo compromiso de CaixaBank co medio rural: “O financeiro e o social están profundamente interrelacionados. Non hai oficina da nosa entidade na que non se colabore coas necesidades sociais da súa contorna”, segundo Barreiro.

José Montes, presidente de AGACA, valorou a vertente social da colaboración: “As cooperativas agroalimentarias somos sociedades de persoas, non de capital. Este programa vai dirixido ás persoas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *