A xustiza obriga a Capsa a cumprir o contrato con Casa Macán

O xulgado do mercantil número 2 de Lugo ditou este luns unha providencia pola que obriga a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) a cumprir o contrato asinado con Casa Macán para a elaboración de queixos.

A xustiza obriga a Capsa a cumprir o contrato con Casa Macán

Planta de Larsa, propiedade de Capsa, en Vilagarcía de Arousa.

O xulgado do mercantil número 2 de Lugo ditou este luns unha providencia pola que obriga a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) a cumprir o contrato asinado con Casa Macán SL para a elaboración de queixos.

Capsa asinou en marzo de 2016 un contrato industrial cunha vixencia de 10 anos, e prorrogable por outros tres, para que a queixería de Taboada (Lugo) elaborase para Larsa, propiedade da cooperativa asturiana, os queixos tetilla, o San Simón da Costa, o queixo de bóla, un tipo de queixo do país e un queixo baby. Todos estes produtos elaborábanse na planta de Larsa en Vilagarcía, que segundo os plans de Capsa, centraríase unicamente na elaboración de queixo de barra, iogures e leite envasado.

Sen embargo, a oposición dos traballadores a este desvío da produción levou a Capsa a romper unilateralmente o acordo con Casa Macán en decembro de 2016.

Este incumprimento do contrato abocou á queixería de Taboada a unha situación económica moi delicada. E é que para afrontar o proxecto con Capsa, Casa Macán realizou investimentos por algo máis dun millón de euros, que supuxeron un notable incremento do seu pasivo. A decisión unilateral da compañía asturiana de desistir do contrato abocouna á presentación de preconcurso no mes de marzo de 2017 e o concurso o 1 de Xuño de 2017. Ademais, dúas cooperativas lucenses provedoras de leite a Casa Macán quedaron nunha situación moi comprometida debido á falta de pagamentos.

A queixería de Taboada xa viña atravesando por unha situación económica difícil, como consecuencia da perda como interproveedor de Mercadona, que se agravou coa ruptura do acordo con Capsa.

Porén, a providencia da xuíza Aurelia Belo Fernández obriga a Capsa a que “de inmediato proceda ao cumprimento das súas obrigacións contractuais asumidas coa concursada Lácteos Casa Macán Sl, en virtude do contrato subscrito en data do 1 de marzo de 2016, verificando a continuación da relación contractual no prazo de dez días a partir da notificación”.

Descarga aquí a providencia do Xulgado do Mercantil de Lugo.

En que consiste o acordo entre Capsa e Casa Macán?

O que CAPSA proxectou e prometeu realizar nas instalacións de Casa Macán en Taboada foi o seguinte:

-Proxecto 1: Proxecto de negocio compartido para a fabricación de leite fresco e queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida.

-Proxecto 2: Proxectos de manteiga industrial para a fabricación de manteiga cocida, queixo de barra e queixos loncheados.

-Proxecto 3: En función do resultado satisfactorio dos devanditos proxectos, tamén estudarán o desenvolvemento de novas referencias de produtos lácteos e a súa fabricación, valorando en cada momento as formas de colaboración máis convenientes.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información