A Xunta solicitará este mes declarar a provincia de Pontevedra como libre de tuberculose bovina

A Xunta solicitará este mes declarar a provincia de Pontevedra como libre de tuberculose bovina

Ángeles Vázquez durante a súa visita á gandería Baltasar, en Dozón.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou este martes que o seu departamento solicitará á Unión Europea a declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina. “Esta catalogación outorgará un valor engadido á nosa cabana gandeira e ademais permitirá reducir o peso das campañas de saneamento sobre as explotacións”, declarou Ángeles Vázquez durante unha visita á gandaría Baltasar de Dozón.

Durante os seis últimos anos a porcentaxe de rabaños bovinos con infección confirmada de tuberculose en Pontevedra non superou o 0,1% e o 99,9% dos rabaños conseguiron o status de oficialmente indemnes de tuberculose. “Polo tanto, cúmprense sobradamente cos requisitos da normativa comunitaria, que só esixe tres anos para estas condicións”, salientan dende a Consellería.

Dende a Administración galega espérase que coas estritas medidas sanitarias que se veñen desenvolvendo, as restantes provincias acaden pronto o mesmo estado sanitario respecto a tuberculose bovina.

Galicia xa é unha rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa dende o ano 2013 e o pasado mes de outubro logrouse esta categoría para a cabana bovina. O mesmo sucede coa perineumonía contaxiosa e da leucose, ambas enfermidades bovinas para as que actualmente só se realiza un programa de vixilancia.

Garantir o futuro das granxas

A explotación que visitou este martes a conselleira está situada na parroquia de Saa, concello de Dozón. O fillo dos propietarios xa viña traballando nesta granxa á que agora se suma tamén a súa irmá polo que cobrará unha axuda de 25.000 euros pola súa incorporación. Así mesmo, tamén ten concedida unha subvención por valor de 115.304 euros para a construción dun cebadeiro e outras obras para mellorar a explotación, como pode ser unha plataforma ou un cercado, así como unha cisterna para o xurro.

Non é a primeira vez que esta gandaría, composta por un centenar de reses, recibe axudas desta consellería. No seu momento xa adquiriu un tractor, un tanque de refrixeración, unha segadora e empacadora a través dos plans de mellora que cada ano ofrece a Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información