A Xunta define como actuar ante incumprimentos graves en benestar animal

Os casos puntuais de ganderías en malas condicións que trascenderon nos últimos anos levaron á Administración a regular a posible incautación provisional de animais de produción en casos de graves riscos

A Xunta define como actuar ante incumprimentos graves en benestar animal

O sector industrial está desenvolvendo selos que certifican o benestar animal das súas ganderías.

A Administración autonómica decidiu regular unha serie de medidas en relación ó benestar dos animais de produción. Os casos illados de ganderías en malas condicións que trascenderon nos últimos anos levaron á Xunta a definir un protocolo de actuación para situacións de incumprimentos graves, sempre que supoñan un grave risco para a vida dos animais. O protocolo, que entra en vigor o 1 de xaneiro por medio da lei de medidas fiscais e administrativas, complementará a lexislación estatal de benestar animal (Ley 32/2007).

A Xunta establece que no caso de incumprimentos graves da normativa de benestar e protección dos animais, poderá actuar de oficio ou a instancias de parte, adoptando medidas provisionais para poñer fin á situación. Entre esas medidas, poderase decidir a incautación dos animais, podendo tamén optar pola eutanasia ‘in situ’ ou o sacrificio no matadoiro de ser preciso.

A medida provisional de incautación deberá ser confirmada, modificada ou levantada no acordo de iniciación do procedemento sancionador, que deberá efectuarse dentro dos 15 días seguintes. Os gastos derivados da incautación correrán a cargo da persoa ou persoas contra as que se siga o procedemento sancionador.

Resolución do procedemento sancionador
Unha vez que se resolva o expediente sancionador, este poderá acordar, no caso de infraccións graves ou moi graves, o comiso definitivo dos animais. De ser así, a resolución deberá determinar o destino definitivo dos animais, que será preferentemente a súa venda por subasta pública ou a súa cesión gratuita a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades relacionadas co benestar e protección dos animais.

De decidirse a venda dos animais, esta deberá ir precedida dunha valoración previa para determinar o seu prezo de mercado. A forma ordinaria de alleamento será por poxa pública, se ben tamén se poderá optar pola adxudicación directa cando se dean algunhas das condicións establecidas no artigo 77 da Lei 5/2011, como pode ser un valor de taxación do gando inferior a 6.000 euros, unha poxa previa declarada deserta ou a súa venda a unha entidade pública.

Por último, a Xunta acordou que os ingresos procedentes das multas impostas pola Administración en materia de benestar animal pasen a integrar un fondo cuxo destino será sufragar os gastos en que incorra a Administración para manter ós animais procedentes de incautacións ou comisos. Os cartos ingresados pola posible venda destes animais pasarán a ingresar o mesmo fondo.

Contexto
Cómpre lembrar que a inmensa maioría das explotacións galegas aproban en benestar animal, pois un 97,3% cumpren cos parámetros do sistema europeo ‘Welfare Quality’, segundo un recente estudo da Facultade de Veterinaria de Lugo. Entre as ganderías que suspenden, a maioría fano con incumprimentos leves e no sector produtor considérase que serán contados os casos extremos nos que se poderían chegar a aplicar os protocolos anteriores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información