A Xunta defende ante o Ministerio que se obrigue á industria a indicar a orixe do leite

A Xunta defende ante o Ministerio que se obrigue á industria a indicar a orixe do leite

Valado publicitario do selo de Galega 100%

A Consellería do Medio Rural trasladaralle ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) un informe do Consello Galego da Competencia que xustifica a necesidade de seguir adiante coa tramitación do real decreto que regula a obriga por parte da industria de identificar a orixe do leite.

Outros países do noso entorno, como Francia, Portugal ou Italia xa o fixeron. Sen embargo, esta semana a Comisión Nacional de Competencia, órgano dependente do Ministerio de Economía, emitiu un informe desfavorable ao decreto sobre a identificación da orixe do leite, alegando que poida ter un “efecto proteccionista da industria nacional”, (…) “constituíndo unha restricción á libre circulación de mercancías (entre países)”.

A postura de Competencia enfada ó sector gandeiro, que lle pediu ao Ministerio que faga oídos xordos ó informe de Competencia e aprobe a norma, como xa fixo co decreto que obrigou ás industrias a informar ao Ministerio de Agricultura do prezo de venda do seu leite ás cadeas de supermercados.

Medio Rural: “O informe de Competencia non é vinculante e a identificación da orixe do leite é un dos compromisos do Acordo Lácteo”

Na mesma liña sitúase tamén a Consellería de Medio Rural que “reafirma o seu compromiso coa regulación da identificación da orixe do leite, porque representa un apoio fundamental para os gandeiros galegos e supón tamén unha defensa do dereito dos consumidores a dispoñer de información veraz sobre os produtos que adquiren no mercado”.

Medio Rural non comparte o criterio desta Comisión ao respecto e lembra ademais que “o seu ditame non é vinculante”, polo que considera que “existen razóns dabondo para que o Mapama continúe avanzando na mesma dirección, empezando polo establecido, tamén, no Acordo lácteo asinado polos axentes do sector en setembro de 2015”.

Neste documento as industrias e a distribución comprometíanse a “promover a identificación da orixe do leite e os produtos lácteos, co fin de mellorar a información que se facilita ao consumidor mediante a inclusión, por parte das empresas, de forma claramente visible, destes datos en folletos de promoción, publicidade, carteis, así como nos propios lineais”.

Así, o Goberno galego insiste en que “a medida regulada polo real decreto está plenamente xustificada, pois dar información veraz ao consumidor sobre a orixe dun produto, como o leite e os seus derivados, favorece a propia competencia”.

Galega 100%

Neste mesmo eido da identificación da orixe, a Xunta recorda tamén que Galicia xa conta cunha ferramenta moi importante, como é a marca “Galega 100%”, que ademais de asegurar a orixe galega do leite garante tamén a súa calidade superior e a súa rastrexabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información