A Xunta aproba axudas por 12,6 millóns para Queserías Entrepinares, Inleit e Corporación Alimentaria Peñasanta

A Xunta aproba axudas por 12,6 millóns para Queserías Entrepinares, Inleit e Corporación Alimentaria Peñasanta

Planta de Larsa

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de hoxe a concesión de tres axudas por parte da Consellería do Medio Rural a outras tantas industrias lácteas radicadas en Galicia por un importe total de 12,6 millóns de euros. Segundo a Xunta, estes fondos permitirán mobilizar un investimento global de case 38,5 millóns de euros.

As axudas son para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das súas instalacións, destinadas á transformación ou comercialización de produtos lácteos. Estas subvencións enmárcanse na convocatoria de 2018 de Medio Rural, na que en conxunto está prevista a aprobación de 97 solicitudes cun investimento subvencionable de 89,3 millóns de euros e unha axuda total a conceder de 30,3 millóns de euros. Dentro destas achegas, as destinadas ao sector lácteo representan o 58,7% da subvención total e benefician a 30 empresas.

Detalles dos tres proxectos

Inleit, empresa de recente constitución, está construíndo na actualidade unha planta industrial para a obtención de proteínas lácteas por técnicas de filtración no polígono de Curtis-Teixeiro (A Coruña). O proxecto obxecto desta axuda ten por finalidade a obtención dun produto (permeato en po) destinado á industria alimentaria para a elaboración de chocolates, pastelaría, sopas, salsas e outros produtos alimentaros.

Os investimentos que se realizarán para acadar eses obxectivos superan os 12,5 millóns de euros e recibirán unha subvención de 4,4 millóns.

No caso de Queserías Entrepinares, o proxecto pretende ampliar as liñas de fabricación das instalacións da empresa situadas en Vilalba (Lugo), introducindo novos formatos para o envasado e lascado de queixo e elaborando novos produtos. Para iso a empresa realizará investimentos en instalacións e maquinaria destinadas a ese fin por valor de 10,4 millóns de euros, recibindo unha achega de 3,6 millóns por parte da Xunta.

Con esta iniciativa, a empresa, que dá emprego a 97 traballadores, ten previsto incrementar nun 50% a súa produción de queixo.

Por último, o proxecto presentado por Corporación Alimentaria Peñasanta ten por obxecto a ampliación da súa industria láctea situada en Lugo, coa instalación dunha nova liña de envasado de leite UHT en botella de polietileno de alta densidade, co fin de mellorar a produtividade da planta e aumentar a súa versatilidade.

Esta liña permitirá adaptarse ás novas demandas do mercado de leite líquido, contribuíndo con iso a garantir a viabilidade da fábrica, aumentando o volume de leite recollido e mellorando o emprego na zona. O investimento subvencionable supera os 15,4 millóns de euros, cunha axuda de 4,6 millóns.

Nos tres casos, os investimentos iniciaranse neste ano e está previsto que rematen no 2020.

Estas axudas encádranse no Programa de desenvolvemento rural (PDR) para o período 2014-2020, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información