A Xunta aproba 582 plans de mellora e 618 incorporacións das 2.378 solicitudes presentadas

A conselleira do Medio Rural anuncia que para a convocatoria de 2017 aumentará a partida para plans de mellora e que os que xa teñen presentada a solicitude e cumpren os requisitos non terán que volver presentar toda a documentación

A Xunta aproba 582 plans de mellora e 618 incorporacións das 2.378 solicitudes presentadas

A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, en rolda de prensa

A Consellería do Medio Rural achegará entre este ano 2016 e o vindeiro máis de 125 millóns de euros en axudas para mellorar as explotacións agrogandeiras e fomentar a remuda xeracional neste eido. Así o explicou esta mañá en rolda de prensa a titular do departamento, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A conselleira explicou que estes fondos distribúense entre tres liñas de axuda: unha para plans de mellora das explotacións, dotada este ano con 36 millóns de euros este ano e outros 40 para 2017; outra para fomentar a incorporación de agricultores mozos, cunha achega de 24,3 millóns en 2016 e 20 millóns nos orzamentos de 2017 e unha terceira para investimentos en pequenas explotacións, cunha axuda aprobada este ano de medio millón de euros e unha previsión orzamentaria de 5 millóns para o vindeiro exercicio.

Ángeles Vázquez sinalou que neste 2016 aprobáronse un total de 1.232 expedientes nas tres liñas de axuda, coa seguinte distribución: 582 corresponden a plans de mellora, 618 a incorporación de mozos e os 32 restantes foron para pequenas explotacións. Estes días os solicitantes están recibindo as confirmacións de que lle foron aprobadas as axudas.

En total presentáronse 2.378 solicitudes, unha cifra récord habida conta de que é o primeiro ano de aplicación do novo Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020 despois de dous anos de demora. As axudas de incorporación da convocatoria de 2016 aprobáronse todas, pero para os plans de mellora a porcentaxe de solicitudes aprobadas estivo por debaixo do 50%.

Convocatoria de 2017: máis axudas para plans de mellora e non haberá que presentar de novo toda a documentación

De cara ao inmediato futuro, a conselleira remarcou que a Xunta reforza a aposta orzamentaria por estas achegas, destinando en 2017 un total de 40 millóns de euros para plans de mellora, outros 20 para incorporación de mozos e 5 millóns de euros para pequenas explotacións.

A conselleira recoñeceu que “este ano quedaron sen aprobar un número importante de solicitudes de plans de mellora para explotacións gandeiras, que non pudemos atender polas limitacións orzamentaria”. Neste sentido, confiou en que o incremento en 4 millóns de euros na partida para esta liña de axudas na convocatoria de 2017 permita atender esta demanda.

Ademais, adiantou que “as persoas que xa presentaron as solicitudes para plans de mellora e non foron aprobadas este ano, se queren presentarse ás axudas de 2017 non terán que presentar toda a documentación se cumpre xa os requisitos, co obxectivo de reducir burocracia”.

Esta previsto que a convocatoria de axudas de incorporación e de plans de mellora para o 2017 se publique nas próximas semanas.

Lugo, a provincia galega que recibe máis axudas para plans de mellora e incorporacións

Por provincias, a de Lugo foi a que recibiu un maior número de axudas, tanto para plans de mellora como para incorporación de mozos, mentres que a da Coruña foi a primeira no que atinxe a pequenas explotacións. En concreto, en plans de mellora en Lugo aprobáronse 280 expedientes por un importe de 16,2 millóns; na Coruña foron 142 por un importe de 8,9 millóns; en Pontevedra 79 solicitudes aprobadas e 6,5 millóns e en Ourense 77 e 4,1 millóns de euros en axudas. En canto ás axudas de incorporación, o reparto provincial é o seguinte: Lugo 268 incorporacións aprobadas e 9,8 millóns de euros; A Coruña 164 expedientes aprobados, Ourense 109 incorporacións e 4,9 millóns e Pontevedra 77 solicitudes aprobadas e 3,4 millóns de euros.

A titular de Medio Rural destacou que nos plans de mellora, o 2016 foi o ano coa maior contía de axuda por explotación (preto de 62.000 euros, case o triplo que a media do período 1999-2016). No que atinxe á incorporación de mozos, esta foi a anualidade coa maior contía desde que se tramitan estas axudas (desde 1999) e tamén por explotación (preto de 40.000 euros de media, case o dobre que en todo o período).

Ángeles Vázquez destacou tamén que, por orientacións produtivas, tanto nos plans de mellora como nas achegas para agricultores mozos a maior parte dos expedientes corresponden a vacas de leite, xa que representan o 56% nos plans de mellora e o 38% no de agricultores mozos. Séguenlle, en porcentaxe, as explotacións de vacún de carne, que supoñen arredor do 20% en ambos casos e o sector porcino e as aves de carne (representan sobre un 6% do total).

grafico_plans_mellora

Asociacionismo

A conselleira debullou tamén os datos por sexo e por tipo de beneficiario, para concluír que nos plans de mellora sobresaen as axudas para sociedades, que representan máis da metade do total. Así, o 61% dos expedientes aprobados (un total de 357) corresponden a esta figura, algo que Ángeles Vázquez puxo en valor, como mostra da crecente aposta polo asociacionismo do sector. Do resto, 152 son homes (o 26%) e as 73 restantes mulleres (o 13%).

Nas incorporacións de mozos, o número de beneficiarios homes é superior ao de mulleres (379 fronte a 239), pero no caso das pequenas explotacións é á inversa (o 85% das beneficiarias son mulleres, 27 fronte a 2 homes. As 3 restantes corresponden a sociedades agrarias).

 “O 61% dos plans de mellora aprobados son de SAT”

Ángeles Vázquez rematou a súa explicación resumindo os obxectivos destas axudas, que se centran, dixo, en mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas, incrementar a súa competitividade e mellorar a calidade de vida das persoas que residen no rural e, nomeadamente, dos agricultores e gandeiros. Tamén perseguen fomentar o rexuvenecemento da poboación activa agraria, promovendo a remuda xeracional, o emprego no sector agrogandeiro (con especial consideración cara as mulleres) e contribuír ao mantemento da poboación no medio rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información