Xuízo entre Feiraco e unha granxa socia que deixou de entregarlle leite

Unha explotación de Padrón que cambiou de industria hai tres anos reclámalle á cooperativa arredor de 20.000 euros en leite impagado. Feiraco, que renunciou a opinar sobre o caso, entende que o gandeiro non cumpriu co correspondente prazo de preaviso para abandonar a sociedade

Xuízo entre Feiraco e unha granxa socia que deixou de entregarlle leite

Imaxe da última asemblea de Feiraco. / Arquivo.

Unha granxa de Padrón enfróntase este mes en xuízo a Feiraco para reclamarlle á cooperativa o pago de arredor de 20.000 euros, correspondentes ó último mes no que a explotación lle entregou a súa produción á cooperativa, en xuño do 2013. A gandería, denominada Isaura Rivas-Javier Villaverde SC, cambiou de industria recolledora o 1 de xullo do 2013 e atopouse con que Feiraco deixou de pagarlle o último mes, unha situación que considera “abusiva”.

Feiraco, que renunciou a realizar valoracións a Campo Galego sobre o caso, está a argumentar no proceso xudicial que a granxa non trasladou por escrito o preaviso de cambio coa suficiente antelación, un argumento que o afectado califica de “peregrino”.

“Falamos tempo antes co director Agropecuario e con persoas do Consello Reitor da cooperativa e sempre se nos deu a entender que se queriamos irnos, tiñamos as portas abertas. Daba a sensación de que sobrabamos” -rememora Javier Villaverde-. “É certo que o aviso por escrito non o trasladei coa antelación suficiente, pero houbo moitas outras granxas na mesma situación e a ningunha se lle fixo a retención do último mes do leite. Só se lles aplicaba unha sanción de 700 euros”, sostén.

Desencontros
A explotación de Isaura Rivas e Javier Villaverde tiña unha tradición de décadas como socia da cooperativa. “Comezaron os meus avós e sempre estivemos comprometidos 100% con Feiraco”, lembra Javier. Os motivos do desencontro coa sociedade iniciáronse a raíz das compras de penso: “O último ano e medio que estivemos en Feiraco, estabamos comprándolle á cooperativa só a metade do penso porque estaba moito máis barato noutras casas comerciais. Igual que nós, facían a maioría dos socios”, defende Javier.

“Daquela, un comercial de Feiraco veu visitarnos e díxonos que se non mercabamos todo o concentrado na cooperativa, tiñan que baixarnos o leite 1,5 céntimos. A cooperativa tomou a decisión de obrigar ós socios a adquirirlle todo o penso e eu non estiven de acordo con esa decisión”, conclúe.

Tras manter conversas con Feiraco ao respecto, a explotación optou por deixar de entregarlle o leite á cooperativa. Liquidaron coa sociedade os consumos do mes anterior, un trailer de alfalfa, 45 toneladas de caliza e 3.000 litros de gasoil, pero esperaron en van a que a cooperativa lles pagara a súa vez o leite do último mes, valorado en arredor de 20.000 euros.

O asunto resolverase nun xuízo que terá lugar o día 27 deste mes na Coruña. O afectado agarda a recuperación dos cartos no proceso xudicial e aspira a manterse tamén como socio de Feiraco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información