Xornada en Lugo sobre novas tecnoloxías na sementeira de millo forraxeiro

Publicidade
Data inicio: 02/04/2019
Data fin: 02/04/2019
Lugar: Granja Gayoso Castro, Castro, Ribeiras de Lea, España

O CETAL, en colaboración coa entidade financeira ABANCA, pon en marcha a realización dun ciclo de Xornadas Agroalimentarias nas que se realizarán demostracións prácticas en condicións reais de actividades de transferencia tecnolóxica ao sector agroalimentario.

A primeira destas xornadas, titulada “Novas Tecnoloxías en Sementeira de Millo Forraxeiro”, terá lugar o vindeiro martes, 2 de abril, nas instalacións da granxa Gayoso Castro que a Deputación de Lugo posúe na localidade de Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei.

Para a organización da demostración en campo, ademais da colaboración de ABANCA e a Deputación de Lugo, o CETAL contará na xornada coa participación de catro empresas: Dekalb España, Agrícola Noroeste, The Climate Corporation e John Deere.

A xornada dará comezo ás 11:30 da mañá coa exposición, de man de Dekalb España, de temáticas innovadoras en sementeira de millo forraxeiro, como a adaptación da densidade de sementeira ao híbrido de millo e ao potencial produtivo do solo. Tamén se mostrará a forma de realizar as prescricións de sementeira para programar doses variables en función das distintas zonas da parcela

A continuación, a compañía The Climate Corporation presentará a ferramenta informática Climate FieldView para xestionar toda a información que se utiliza para planificar a sementeira, así como para realizar o seu seguimento en tempo real e analizar os datos obtidos.

Agrícola Noroeste e John Deere presentarán a nova sementadora de millo 1725 NT de oito corpos, que permite sementar a alta velocidade (até 16 km/h), con dose variable e realizando control de tramos para optimizar a superficie sementada. Tras a explicación das principais características da sementadora e o tractor no que se engancha, pasarase á demostración en campo, onde se poderán ver na práctica todos os aspectos explicados previamente polas empresas participantes.

Estas novas tecnoloxías permiten realizar a sementeira do millo cunha maior eficiencia e optimizar, por tanto, o potencial produtivo tanto das variedades de millo utilizadas como das condicións de chan e clima da parcela na que se implanta o cultivo.

A asistencia á xornada é gratuíta e está aberta a agricultores, gandeiros, cooperativas, empresas de servizo, técnicos e resto de axentes interesados nas novas tecnoloxías dispoñibles no mercado para a sementeira de millo forraxeiro.

CETAL SEMENTEIRA MILLO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información