Ao redor de 50 gandeiros de vacún de Galicia reuníronse hoxe, en Vilalba (Lugo), para coñecer os resultados do programa CILAE (Entrepinares polo Ciclo Lácteo Eficiente) no que participan activamente.
O obxectivo de Queserías Entrepinares, a través de CILAE, é asegurar a sustentabilidade das gandarías leiteiras e garantir á industria a subministración de leite da mellor calidade para ofrecer aos consumidores produtos seguros ao mellor prezo. Entrepinares traballa, a través de CILAE, con 14 granxas de vacún en Galicia e con 20 granxas de ovino, 10 de caprino e 3 de vacún en Castela e León, Castela A Mancha e a Comunidade de Madrid.
Alicia Hernansanz, Técnico de CILAE, explicou a importancia da recollida de datos nas granxas para contar con rexistros fiables que permitan unha análise dos mesmos e fixar obxectivos co fin de mellorar a eficiencia e garantir a súa sustentabilidade.
A materia pendente é mellorar na recría
Hernansanz incidiu na importancia de medir os custos da alimentación xa que estes supoñen o 50-60% dos custos totais das granxas. O benestar animal é outro dos factores a analizar xa que, canto maior sexa, maior produtividade terán as vacas. Finalmente, a técnica de CILAE resaltou que os datos das granxas coas que traballan “son moi bos? aínda que a “materia pendente é a recría”.
A continuación, Arnau Álvarez, asesor de gandarías leiteiras, explicou a correlación dos datos obtidos a través de CILAE nas granxas de vacún galegas. Factores como unha alimentación eficiente, a idade de parto das xovencas, a media de lactacións ou a frecuencia de muxidos, entre outros, inflúen na produtividade e sustentabilidade das granxas.
Para finalizar a xornada Xabier Bermúdez, veterinario de Farmvet, explicou as vantaxes e inconvenientes da implantación dos robots de muxido.