Xa hai 102 animais inscritos no concurso e poxa de gando frisón Feiradeza 2017

Xa hai 102 animais inscritos no concurso e poxa de gando frisón Feiradeza 2017

Presentación de Feiradeza este luns en Lalín

Este luns presentouse en Lalín en rolda de prensa Feiradeza 2017, que se celebra os días 8 e 9 de xullo no mercado de gando, acollendo o XXIII concurso e poxa da raza frisona. No acto participaron o alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Actividade Agraria, José Manuel Hermida, o presidente de Africor Pontevedra, Rafael Méndez e o xerente da mesma asociación, José Rodríguez.

Para o goberno local -apuntou o alcalde, “a aposta por Feiradeza debe ser firme e decidida tendo en conta que Lalín presume de ser un concello rural”. Nesta liña indicou que “vendo a crise na que está inmerso o rural e o sector lácteo, un evento como Feiradeza contribúe á súa visualización e, polo tanto, é absolutamente fundamental”. “Esta é a liña que imos seguir os próximos anos” -engadiu- “de modo que trataremos incluso de reforzar Feiradeza porque o consideramos un certame imprescindible no noso calendario de actos”. Para rematar Rafael Cuíña animou a toda a cidadanía a asistir a Feiradeza 2017 e a “desfrutar do rural e da magnífica calidade da nosa cabana gandeira”.

Pola súa banda, o concelleiro de Actividade Agraria explicou que entre os cambios introducidos este ano se encontra a substitución da sección de gran campioa provincial pola de mellor criador de xovencas, xa que a vaca vencedora provincial acababa sendo a gañadora de Feiradeza e deste xeito non se superpoñerán premios. O cartel tamén foi creado especialmente para esta edición e o modelo de sorteo cambiouse co obxectivo de axilizalo, debendo os presentes depositar as papeletas nunha urna previamente colocada no mercado.

Hermida agradeceu a colaboración de diferentes entidades con este evento (Caixa Geral, Reny Picot, Leite Celta, Dona Cobiña Queixos e Xuncoga).

Xa hai 102 animais inscritos

O xerente de Africor Pontevedra, José Rodríguez, informou de que nestes momentos hai inscritos 102 animais pertencentes a 20 gandarías diferentes das comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes, aínda que a cifra pode aumentar nos próximos días. Así mesmo, a Deputación doou 2 animais para a poxa, que este ano superan os 80 puntos de cualificación e os 8.500 kg de produción, e un para o sorteo entre os presentes. Así mesmo, Feiradeza 2017 acollerá o XVIII concurso de xóvenes manexadores organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, que traballa para que participen no mesmo un número importante de persoas.

Feiradeza é un evento gandeiro de referencia en Galicia que este ano contará co xuíz internacional de Conafe, Santiago García Souto, para xulgar os concursos. O Concello conta con 31.000 euros para organizalo, dos que 10.000 van destinados a premios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información