José Armando Tellado.

Vista para sentencia a demanda de Casa Macán contra Capsa

A empresa láctea de Taboada reclámalle 6,6 millóns de euros a Corporación Alimentaria Peñasanta por incumprimento de contrato

O xulgado do Mercantil de Lugo acolleu hoxe o xuízo que enfrenta a Casa Macán con Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa). Casa Macán, unha empresa láctea de Taboada, chegara a un acordo a finais do 2015 para traballar para a industria asturiana. Ese acordo levou a que Macán acometera no 2016 unha serie de investimentos na súa planta, así como a ampliación do seu cadro de persoal, que de 28 persoas pasou a 63, pero no outono do 2016 Clas decidiu desvincularse unilateralmente, segundo a demanda presentada pola empresa de Taboada.

Casa Macán reclámalle a Capsa 6,6 millóns de euros por incumprimento de contrato. A firma de Taboada pide unha compensación polos investimentos realizados, así coma polo lucro cesante dos dez anos previstos no contrato coa firma asturiana, que comercializa os seus produtos coas marcas Clas e Larsa.

Por parte de Capsa, compareceu no xulgado do Mercantil de Lugo a maior parte do cadro directivo da firma asturiana, en respaldo o seu director xeral, José Armando Tellado, que argumentou no xuízo que non esixira ningún investimento de Casa Macán e que en realidade só tiña coa empresa galega un acordo marco de produción que contemplaba un periodo de proba.

“Capsa utilizou os argumentos que xa viña esgrimindo, que carecen do máis mínimo sentido común. Basicamente, veu a dicir que en Casa Macán fixemos os investimentos porque quixemos”, comentou á saída do xuízo o director xeral de Casa Macán, Eladio Rigueira. As partes presentarán agora as súas conclusións por escrito no xulgado e quedan á espera da sentencia.