Vídeo: Así se instala na Limia o regadío por goteo para o millo

Vídeo: Así se instala na Limia o regadío por goteo para o millo

Millo na Limia estes días

Estes días o agricultor Luís Carlos Fernández está a instalar na Limia un sistema de regadío por goteo para as case 90 hectáreas de millo que cultivará este ano, unhas 45 para forraxe e outras 40 para grao.

“Co regadío logro unha media de 75 toneladas de materia húmida por hectárea, cun 34% de amidón e un 38% de materia seca”, comenta. Uns rendementos impensables en cultivo en secaño e que lle compensan con creces o gasto que ten que realizar tanto no equipo como na tarifa da auga.

Carlos explica que empezou a interesarse en aplicar o regadío por goteo ao millo hai catro anos: “Xunto con outro agricultor de Cortegada fun a Badajoz a aprender como cultivan alí o millo en regadío e comecei a aplicalo nas miñas parcelas na Limia”, explica.

Os custos por hectárea roldan no seu caso os 500 euros: As mangueiras por goteo son dun só uso e sáenlle nuns 200 euros por hectárea. Exténdenas cun aparello deseñado polo propio Carlos cando o millo acada os 40 centímetros e unha vez colleitado o millo volven recollelas cunha cultivador que pasan co tractor de través. Sen embargo, a medio prazo este agricultor ten previsto probar con mangueiras de maior duración.

En canto ao custo da auga, sáelle nuns 300 euros a hectárea. A rega está totalmente automatizada e programada e no futuro ten previsto controlala dende o teléfono mobil. O maior investimento son os filtros de limpeza da auga-emprega 1 por cada 10 hectáreas de terreo- que lle saen nuns 3.000 euros, e nos reguladores, sobre 180 euros cada un, e as mangueiras de arrastre que levan a auga ata as gomas de goteo. En todo caso, a vida útil deste equipo, que lle adquire á empresa galega Azul y Verde, é de varios anos.

Carlos sementou o millo entre o 4 e o 15 de maio e se todo vai segundo o previsto colleitará o destinado a forraxe entre o 10 e o 15 de setembro e o de grao entre o 10 e 15 de outubro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información