Vídeo: Así arrasan os xabaríns os cultivos dos agricultores en Galicia

Visitamos dúas explotacións gandeiras de A Estrada (Pontevedra) que padecen cada ano os ataques dos xabaríns aos cultivos. O Sindicato Labrego Galego leva o problema da fauna salvaxe á Valedora do Pobo ante o que considera “abandono de funcións por parte da Xunta”

O aumento das poboacións de xabarín nos últimos anos, xunto ao abandono da terra no rural, está provocando que os cada vez menos agricultores e gandeiros que quedan activos soporten eles sós os importantes estragos que produce esta fauna salvaxe.

Para ilustrar esta problemática e sensibilizar á opinión pública, o Sindicato Labrego Galego organizou este martes dúas visitas a granxas afectadas polos ataques do xabaril no concello da Estrada. A problemática repítese en toda Galicia, onde o aumento da fauna salvaxe (xabaríns, lobos e corzos) dificulta cada vez máis o traballo da xente que quere vivir do cultivo da terra e do pastoreo.

A primeira gandería que se visitou foi a de Xosé Manuel Gestoso, un gandeiro de Santeles que calcula que de momento das 30 hectáreas de millo que plantou, 3 xa foron arrasadas polas mandas de xabaríns. “Imos ter que abandonar as explotacións. Así, non damos vivido”, queixouse Xosé Manuel.

Como solución defende que diante dunha denuncia de ataques ou presenza de xabarís, “a Xunta debería actuar de oficio e con carácter de urxencia: permitir batidas, trasladalos de lugar, o que eles queiran, pero solucionar o problema, non mirar para outro lado”.

Preto de alí, na parroquia de Codeseda (A Estrada), a granxa de Rosa Basteiro sufriu danos semellantes, pero no seu caso ampliados aos prados de herba, nos que fozaron unha grande área xunto ás vivendas. En canto ao millo, de nada lle serviu ter as plantacións arrodeadas cun pastor eléctrico dobre: os xabarís accederon igual. A pesares dos estragos, este ano vai tendo sorte, pois en anteriores ocasións ten chegado a perder varias hectáreas de pasteiros coa herba lista para ensilar e mesmo leiras de patacas a carón da casa. “A Administración fai ouvidos xordos ás nosas queixas e sentímonos totalmente indefensos”, laiouse Rosa.

En canto ás axudas, Rosa solicitou compensacións da Xunta hai dous anos, cando o xabaril lle estragou a metade dunha finca. “Cumprimos todos os requisitos e rexistramos a solicitude en prazo pero, a día de hoxe, aínda non tivemos contestación”, denunciou.

O SLG leva o problema da fauna salvaxe á Valedora do Pobo diante do “abandono de funcións da Xunta”

Xosé Manuel Gestoso nunha das fincas estragadas polos xabaríns

Xosé Manuel Gestoso nunha das fincas estragadas polos xabaríns

O Sindicato Labrego Galego ven de iniciar unha campaña de denuncia en toda Galiza dos danos que está a provocar a fauna salvaxe a agricultores e gandeiros.

Neste sentido, a organización agraria enviou á Valedora do Pobo un escrito de queixa no que se denuncia que “os ataques da fauna salvaxe constitúen xa un problema case estrutural que, a causa do abandono da Xunta, está a ser custeado polas propias granxas atacadas”.

“E é que os labregos e as labregas, ademais de ser vítimas dos ataques, tamén acaban sendo vítimas do abandono da Xunta, asumindo os custes dos ataques normalmente na súa totalidade ou, se teñen sorte, cunha cativa indemnización tras superar un labirinto burocrático e unha espera de tres anos ou máis para cobrar unha mínima porcentaxe do perdido”, denuncian dende o SLG.

Tamén chaman a atención sobre a ameaza de que a fauna salvaxe estea a ser un foco de contaxio de enfermidades sobre o gando, como da tuberculose, no caso dos xabaríns.

Por último, o Sindicato Labrego defende que “a única solución posible é que a Xunta asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información