Vías para aumentar a facturación dunha gandería sen producir máis leite

Combinar o uso de seme sexado e cruzamento industrial, cebar tenreiros e vacas ou vender costro son algunhas alternativas que para incrementar a facturación das ganderías de vacún de leite, sen ter que aumentar produción. Repasamos algunhas das propostas

Vías para aumentar a facturación dunha gandería sen producir máis leite

Gandería Patalarga (A Pastoriza), optou por producir máis calidades e pola venda de becerros de cruce

¿É posible que as ganderías de vacún de leite sigan crecendo e aumenten a súa facturación de forma notable sen incrementar a súa produción de leite, limitada nestes momentos pola industria? A resposta é afirmativa e os modos, diversos, aínda que non todos aplicables a todas as explotacións pero si a ter en conta cales se poden implementar. A situación do momento, as infraestruturas dispoñibles e as características das explotacións farán posible a aplicación de varias das medidas encamiñadas ao aumento da facturación.

Repasamos as recomendacións para incrementar a facturación que formulan Ángel Revilla e Carlos Romero -veterinario e consultor, respectivamente-, no seu relatorio “La gestión económica de la explotación lechera”. O artigo completo pódese ler no libro “El sector lácteo español en la encrucijada”, editado por Cajamar (Grupo Caja Rural).

1)Producir máis sólidos

Co final do réxime das cotas xa non hai limitación neste apartado. Pode ser o momento de pedirlle ao noso nutrólogo que centre os seus esforzos en incrementar a graxa ou a proteína e en realizar unha valoración custo/beneficio da operación. A resposta ao esforzo virá devengada en función das táboas de pago da industria á que se fagan as entregas.

Se nos fiamos nos Estados Unidos, os expertos en nutrición traballan o seu sistema de racionamento en incrementar a graxa ou a proteína en leite en función dos pagos que se realizan polas mesmas, deixando nun segundo apartado a produción de leite. E isto nun país onde non hai limitación en canto á cantidade de leite producido.

Os números medios nos que nos podemos mover segundo contratos vixentes son diferentes dependendo das empresas e da orientación do produto terminado que elaboran e comercializan.

Os totais anuais nunha explotación de 100 vacas con 12.000 kg de produción serían:

Graxa: 2-3 euros/t 100 x 12.000 = 2.400 – 3.600 euros/décima/ano.
Proteína: 3-4,2 euros/t 100 x 12.000 = 3.600 – 5.040 euros/decima/ano.

2)Alcanzar a prima por calidade

É momento para poñer en valor a dobre vía de beneficios que nos achega conseguir AA. Son moitos os traballos publicados relacionando unha boa saúde do ubre con máis produción e por tanto con máis rendibilidade, pero é hora de exporse que ademais dese claro beneficio, necesitamos de maneira inmediata a prima por calidade: dobre A = máis ingresos.

Todos os gandeiros saben que a calidade nos achega unha prima económica sobre o total de litros entregados. Ingresos que son agora indispensables, que non teñen un custo maior, que afectan positivamente ao rabaño, que diminúen o número de tratamentos, que diminúen o risco de positivo a inhibidores e sobre todo proporcionándolle ao gandeiro algo fundamental: tranquilidade.

¿Que supón a dobre AA nunha granxa de 100 vacas de 12.000 l ao ano?
6 – 15 euros/t x 100 vacas x 12.000 l = 7.200 – 18.000 euros/ano.

3)Venda de costro

Ser capaz de producir un costro de alta calidade complementado cun programa vacinal esixente pode darnos unha vía de negocio non explorada ata o día de hoxe.

Un plan vacinal completo, un manexo do pre parto e a obtención dun costro de primeira calidade pode permitir xerar un mercado de costro conxelado que pode ser interesante. Realmente os custos de implantación do proceso para a súa obtención están xa practicamente cubertos por un funcionamento normal nas explotacións de primeiro nivel e tan só quedaría por engadir o envasado, a conxelación e o transporte do produto. Podemos pensar en que pode ser unha solución para desenvolver.

4)Combinación adecuada de seme sexado e cruzamento industrial

O cruzamento industrial sempre foi un mecanismo de incremento do valor dos tenreiros vendidos utilizado polos produtores de leite. Cada explotación estaba limitada pola súa eficacia en reprodución e pola taxa de reposición á hora de utilizar o cruzamento industrial.

Hoxe en día co seme sexado, a porcentaxe de animais potencialmente dispoñibles para o uso do cruzamento industrial é moito maior.

É cuestión de prever a necesidade de xovencas que ten a explotación para, a partir destes números, decidir cantas vacas incluímos no cruzamento industrial.

Un exemplo práctico:

Escenario de explotación de 100 vacas e 50 xovencas (25 % de reposición):
– Granxa 1. I. A. seme frisón no 70 % vacas e no 100 % das xovencas; fronte a
– Granxa 2. I. A. seme cruce no 100 % vacas e sexado no 100 % das xovencas.

O diferencial de ingresos Granxa 1 e 2 por venda dos tenreiros; supera os 15.000 euros.

Son números realizados sen contemplar as baixas e con:
-Prezos estimados de seme de 4, 10 e 45 euros (carne, leite e sexado).
-Número de I. A. de 3-4 e 1,5-2 en vacas e xovencas (normal-sexado).
-Valor de tenreiros a prezo mercado (50, 50, 300 e 250 euros as machos e femias de leite e, machos e femias de carne).

Os números fixos pódense realizar con detalle para cada explotación para concretar o diferencial de ingresos alcanzable.

Unha vez tomada a decisión, o produtor vai ter dúas opcións:
– Venda dos tenreiros nos primeiros días, cun diferencial de prezo moi importante fronte aos tenreiros de actitude láctea.
– Proceder ao cebo dos xatos, cun importante diferencial de facturación tamén ao final do proceso.

Un maior uso de seme sexado tamén nos dá a opción de poder complementar a actividade da granxa coa venda de tenreiras para vida ou mesmo a súa recría para a venda posterior.

5)Venda de tenreiras

A venda de tenreiras destetadas ou con máis idade pode ser unha especialización que nos xere un incremento de ingresos. Se se produce un animal destetado correctamente e cun bo desenvolvemento non debería ser difícil ter mercado.

Non é descartable que gandeiros que abandonen a produción poidan aproveitar as súas instalacións para producir xovencas como actividade alternativa á produción de leite.

6)Venda de xatos destetados

O incremento do valor de facturación dos animais ao vendelos destetados é realmente importante e unha solución de negocio a estudar. Xa hai especialistas neste sistema de produción e os clientes, os cebadeiros, valoran economicamente este tipo de produto.

Adaptarse a destetar os machos é un proceso que non é novo nunha explotación leiteira xa que se realiza normalmente coas femias. O que si é importante é facelo de maneira adecuada, minimizando as baixas e aproveitando ao máximo os recursos dispoñibles. Así, a utilización de leite de vaca pode ser unha opción moi rendible. Estamos a pensar no leite con elevado RCS, con antibióticos ou mesmo a producida en exceso e paga a prezo moi baixo por algunhas industrias.

7)Recriar na propia granxa, externalizar a actividade ou non recriar

Son alternativas que teñen que ser valoradas por cada produtor. Podemos recriar xovencas para cubrir as necesidades de reposición da propia explotación ou recriar xovencas por encima das necesidades e xestionar a súa venda en calquera momento do seu desenvolvemento. Esta actividade non debe descartarse e pode ser tamén un negocio importante se somos capaces de alcanzar os parámetros produtivos adecuados e nos amoldamos a un custo de produción competitivo.

Se os custos que nos supón na explotación e/ou a dispoñibilidade de instalacións é unha limitación e non se ten opcións de ser razoablemente eficaz, as solucións para adoptar poden ir en dúas vías:
– Recriar fóra da explotación as tenreiras.
– Inseminar todo con cruzamento industrial e comprar xovencas preñadas.

Pode parecer que damos opcións contraditorias. Realmente o obxectivo é que as explotacións avalíen as súas capacidades para desenvolver as diferentes opcións que se expoñen para conseguir o obxectivo de viabilidade.

8)Venda de sementais

Quizais unha opción só reservada a explotacións puntuais con alto nivel xenético pero tamén a considerar como fonte de ingresos extraordinaria, aínda que con limitado percorrido.

9)Cebar os becerros

Unha práctica que hai anos era utilizada polos gandeiros pasou a ser unha actividade case residual. Pero non cabe dúbida que o cebar os animais producidos en casa vai xerar un aumento importante da facturación da explotación.

Ademais, se estamos a falar de animais de aptitude láctea, o valor inicial é tan baixo polo prezo de mercado que teñen, que non supoñen unha diminución de ingresos que puidese afectar o fluxo de caixa da explotación.

Evidentemente, débense de ter en conta factores determinantes para aplicar esta solución e entre eles está fundamentalmente o dispoñer de instalacións para levar a cabo o proceso sen comprometer ás vacas en produción e á recría se a hai. Haberá que determinar se hai naves gandeiras dispoñibles e a un custo razoable. Hai que facer o exercicio tamén coa man de obra. Pode exporse mesmo a organización dun cebadeiro comunitario entre dous ou máis produtores, etc.

O cebo pode realizarse con base forraxeira, se hai dispoñible, coa utilización do carro mesturador ou tamén con base penso e palla. Atopamos fabricantes de penso e cooperativas no mercado que facilitan este proceso, ademais de proporcionar un plan de financiamento especial e, o máis importante, encargándose da certificación e comercialización da carne, factor este que podería ser un dos maiores hándicaps á hora de exporse esta solución.

10) Cebar as vacas de desvelle

O valor residual dunha vaca de leite cando se decide a súa saída a matadoiro adoita ser baixo. Doutra banda, este valor residual é moi importante pola súa influencia no custo do gando, é dicir, canto menos vale unha vaca de desvelle máis nos custa a amortización do gando.

Pode parecer que estamos a falar dun punto de difícil actuación, pero se estudamos números reais de explotacións podemos darnos conta que as diferenzas son importantes.

Datos do programa de eficiencia produtiva de Calidad Pascual móstrannos unhas diferenzas moi importantes entre explotacións (n = 85):

Vacas de desvelle:
– Prezo mínimo: 396 euros.
– Prezo medio: 641 euros.
– Prezo máximo: 891 euros.

Estamos a falar dun diferencial do prezo máximo de:
– 39 % máis de facturación fronte ao prezo medio das vacas de desvelle.
– 125 % máis de facturación fronte ao prezo mínimo.

Se realmente o produtor exponse cebar e rematar as vacas de desvelle o incremento do valor de recuperación vai ser moi importante. É certo que este proceso necesita unha avaliación dos animais para determinar cal non vai se é posible rematar, cuestión que debe de estar avaliada polo veterinario xunto co gandeiro en base ao histórico sanitario e produtivo así como o estado actual do animal.

Os incrementos de facturación nunha explotación tipo de 100 vacas cunha taxa de eliminación do 25 %, descartando un 5 % do proceso serían:

– 20 vacas x 641 euros = 12.820 euros x 39 % = 5.000 euros.
– 20 vacas x 396 euros = 7.920 euros x 125 % = 17.820 euros.

Cebar as vacas de desvelle permítenos ademais optimizar o manexo e os custos de alimentación pois podemos racionar aos animais en produción cun 5 % de exceso, por exemplo, e recoller as sobras como parte da alimentación das mesmas.

Para terminar, recomendar a posta en común cos asesores da explotación as vías de actuación comentadas para poder valorar cos datos reais de cada explotación a súa viabilidade e capacidade de aplicación para a mellora dos datos económicos da mesma.

A publicación “O sector lácteo español na encrucillada” pode descargarse de maneira gratuíta en: http://www.publicacionescajamar.es/series-tematicas/economia/

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información