Veterinaria advirte dos riscos polo parasito ‘Cryptosporidium’ nas granxas galegas de ruminantes

Unha pioneira tese presentada na Facultade de Veterinaria de Lugo pon o foco sobre a presenza xeneralizada deste parásito en granxas de vacún, caprino e ovino sen antecedentes de diarrea neonatal en Galicia

Veterinaria advirte dos riscos polo parasito ‘Cryptosporidium’ nas granxas galegas de ruminantes

A autora da tese, Esther Navarro, co equipo da Facultade de Veterinaria que dirixiu o traballo.

A presenza xeneralizada do protozoo parasito Cryptosporidium nos ruminantes domésticos aparentemente sans da maioría das granxas galegas de gando vacún, ovino e caprino pode constituír unha fonte de infección e contaxio de procesos diarreicos entre os animais máis novos, á par que supón un risco para a saúde humana. Así o recolle unha pioneira tese desenvolvida pola bióloga Esther Navarro González na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, en Lugo.

O Cryptosporidium spp. é un protozoo parasito que con frecuencia se asocia a procesos diarreicos en animais e que tamén pode afectar a persoas, especialmente en individuos novos ou inmunocomprometidos. Outra das singularidades do ‘Cryptosporidium’ é que tamén pode aparecer en individuos aparentemente sans.

Baixo o título ‘Caracterización molecular e potencial zoonótico de illados de Cryptosporidium en ruminantes domésticos e a súa relación coa idade’, este traballo achega luz sobre o papel que xogan no contaxio e difusión desta enfermidade parasitaria os rumiantes de diferentes idades que non presentan diarrea.

Elevada prevalencia en Galicia
Estudos previos xa constataran unha elevada prevalencia do Cryptosporidium en rumiantes domésticos sen destetar con diarrea. Este axente afecta ó 32% dos tenreiros e ó 63% dos cordeiros e cabritos. Porén, este traballo, que inclúe arredor de 1.200 mostras de gando vacún, ovino e caprino, demostrou que o Cryptosporidium spp. tamén está presente en granxas de rumiantes de Galicia sen antecedentes de diarrea neonatal. O 41,6% dos animais das explotacións de vacún contaban con este axente, mentres que a taxa de animais afectados en explotacións de ovino e caprino se sitúa no 47% e o 50% respectivamente.

Os animais adultos sen diarrea poden actuar como reservorio, contribuindo a contaminar o medio

De feito, o estudio incide en que esta presenza do parásito leva a pensar que precisamente os animais adultos sen diarrea poden actuar como reservorios, contribuindo a contaminar o medio e incrementando o risco de infección dos animais máis novos, que son os máis propensos a padecer episodios de diarreas neonatais.

A clave está en extremar a hixiene
No 70% das diarreas neonatais, o causante non é so este protozoo parásito senon que adoita ir asociado con outros parásitos, así como bacterias ou virus. Por iso, será o diagnóstico, coa remisión das mostras a un laboratorio especializado, o que poida revelar as causas da diarrea. A presenza do Cryptosporidium non se pode atallar polo de agora cun tratamento farmacolóxico eficaz, así que a clave para reducir a súa incidencia nas explotacións pasa por extremar as medidas de hixiene, tal e como recolle esta tese.

A fin de evitar brotes de diarrea neonatal, unha práctica aconsellada é manter os neonatos en cubículos individuais e separados dos animais adultos. O cambio regular de camas e o control tanto da alimentación como da auga que inxiren os animais é outra das prácticas recomendadas para evitar o contaxio.

Risco para as persoas
Ademais, nas 3 especies de ruminantes obxecto da investigación detectáronse os subtipos IIaA15G2R1 e IIaA16G3R1 de C. parvum, sendo o primeiro un dos principais subtipos responsables de criptosporidiosis humana. Isto confirma que en Galicia o gando vacún, ovino e caprino, aínda que non presente diarrea, pode constituír unha fonte de infección para as persoas, polo que especialmente os gandeiros deben extremar as medidas hixiénicas no manexo destes animais. Aínda que só suporía un risco potencial para aqueles individuos máis novos ou inmunocomprometidos.

Unha tese pioneira en Europa
A tese realizada por esta investigadora do Grupo de Referencia Competitiva (GR2015/003) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia é unha investigación dirixida polos profesores doutores do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Pablo Díaz Fernández, Mª Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños. O traballo constitúe un detallado estudo sobre o ‘Cryptosporidium spp.’, sendo pioneiro en Europa. Os datos sobre a asociación entre a idade e as especies de ‘Cryptosporidium’ no gando ovino e cabrún son os primeiros obtidos en Europa e a investigación representa o cuarto estudo a nivel mundial, logo dos realizados en China.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información