A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Vantaxes do sistema de cruces de Procross para vacún de leite

Stéphane Fitamant, responsable de Procross a nivel internacional (Global Genetics en España) explica as vantaxes que supón para o gandeiro o programa de cruces de Procross para vacún de leite.

Vantaxes do sistema de cruces de Procross para vacún de leite

Vacas de cruce Procross

Maior facilidade de parto, mellor saúde, máis lonxevidade e unha produción anual de leite similar á Raza Holstein. Estas son algunhas das vantaxes do programa de cruces de Procross, testado con éxito desde hai anos en gandarías de toda Europa e de Norteamérica e que agora se está introducindo en España como unha forma de incrementar a rendibilidade das gandarías de vacún de leite.

Stéphane Fitamant, responsable de Procross explicou recentemente en Galicia en que consiste este programa na xornada de Campoastur -Ecofeed sobre produción de leite en ecolóxico celebrada en Santiago de Compostela.

1) Que razas se cruzan no programa de Procross?

O programa de Procross é un programa de cruces dirixido e planificado para manter o vigor híbrido. É dicir, a mellora xeral no estado de saúde dun animal descendente de 2 razas puras distintas no tempo e aproveitar as mellores cualidades das 3 razas que utiliza:

-Holstein: A raza predominante na produción de leite en Europa e en Norteamérica. Coñecida pola súa alta produción, aínda que a forte selección xenética que se realizou nas últimas décadas levou a incrementar o nivel de consanguinidade e tamén os problemas reprodutivos.

Achega ao cruce produción e boa capacidade de ubre.

-Montbeliarde: Unha raza robusta e adaptada ao pastoreo, orixinaria das montañas do Leste de Francia, cunha selección xenética importante para producir leite con Kappa Caseina BB, con maior rendemento queixeiro. A súa produción media é de 8.500 litros, cunha media de 3,9 de graxa e 3,4 de proteína.

Achega ao cruzamento boa condición corporal, boa fertilidade e sólidos.

-Roxa Sueca (Viking Red): Procedente de Escandinavia, seleccionouse ao longo dos anos para producir leite -unha media de 9.000 litros por lactación- pero con maiores calidades en sólidos: 4,33 de graxa e 3,46 de proteína.

Desde hai 30 anos os programas de mellora xenética de Dinamarca, Suecia e Finlancia foron seleccionando esta raza, quedándose cos exemplares que presentan menos mastite, máis saúde de patas e cascos e maior facilidade de parto.

Achega ao cruce facilidade de parto, boa cantidade de sólidos en leite, trazos positivos de saúde e un tamaño mediano.

“Son razas distintas pero que se complementan moi ben e dan lugar a vacas máis resistentes, lonxevas, que empreñan mellor e cunha produción similar á Holstein”, destaca Stéphane Fitamant.

2) Que vantaxes achega o cruzamento?

-Vigor híbrido:
“Cruzar é algo común en gandaría e unha das súas grandes vantaxes é o vigor híbrido ou heterose. Estudos proban que a heterose aumenta realmente características como a vitalidade, a fertilidade, a saúde e a supervivencia permitindo así unha produción máis importante que a produción media dos proxenitores. É dicir, que se teño dúas razas de vacas, unha que produce 30 litros e a outra que produce 33, o normal é que o cruzamento produza entre un 5% e 10% máis que a media das dúas razas, é dicir máis de 33 litros”, explica Stéphane Fitamant.

¿Por que utilizar tres razas e non dúas, como realizan en Nova Zelandia co Kiwi Cros? Porque ao utilizar 2 razas o vigor híbrido medio en tres xeracións é do 67%, pero con tres razas suba ao 86%, unha vantaxe para conseguir de maneira sustentable o efecto híbrido pleno.

-Evitar os problemas de consanguinidade e mellorar a rendibilidade:
A crecente presión de selección xenética, centrada nunhas poucas familias de vacas, incrementouse coa extensión da xenómica. Así, a consanguinidade na cabana Holstein de Estados Unidos pasou, segundo advertiu Stéphane Fitamant, “do 1% no ano 1982 ao 8% no 2012 e hoxe coa xenómica xa se chegou ao 11%, cando o límite máximo aconsellado polos xenetistas é do 6,25%”, advirte. Isto repercute en peores caracteres de fertilidade e de saúde.

PROCROSS_Cadro_0

-Vacas máis lonxevas:
Stéphane Fitamant mostrou os resultados dun estudo realizado na Universidade de Minnesota (Estados Unidos) no que se comparou a porcentaxe de vacas que chegaban ao 4º parto en seis rabaños onde se mesturaban vacas de raza Holstein Puro, cruzamento entre Holstein e Montbeliarde e cruzamento entre Holstein e Roxa Sueca. “A porcentaxe foi do 29%, 55% e do 50%, respectivamente. Pero o que é máis importante, a rendibilidade global destas vacas ao longo da súa vida foi de 4.457 euros; 6.503 e 6.272 euros, respectivamente”, destacou o representante de Procross.

PROCROSS_Cadro_1

-Produción similar á Holstein pero con máis sólidos:
Ademais, os resultados preliminares de dous novos estudos realizados por esta universidade mostran, segundo Fitamant, que “a produción nas Holstein puras e as cruces con Montbeliarde e Roxa Sueca (VikingRed) mantense similar :10.900, 10.900 e 10.500 litros. O segundo estudo mostra tamén de maneira preliminar en datos de primeira lactación un incremento do 4% máis de sólidos nos cruces, consumindo un 4% menos de materia seca”.

-Mellora da fertilidade e menor custo veterinario:
Por último, Stéphane Fitamant destacou que “este mesmo estudo da Universidade de Minnesota conclúe de forma preliminar que, grazas a que os cruces producen vacas con mellores rasgos de saúde, unha mellor fertilidade e maior facilidade de parto, o custo veterinario medio anual seria dos 80 euros fronte aos 136 euros da Holstein pura; é dicir, un 41% menos”.

Pero, ¿Cales son as desvantaxes do programa Procross? O único “inconveniente” segundo o representante de Procross é que “o rabaño non é tan homoxéneo como cunha raza pura, e desta forma pode ter vacas de distintas cores e tamén de distinto tamaño, aínda que con Procross este é un problema menor porque non utilizamos a raza Jersei e no canto dela empregamos a Roxa Sueca (VikingRed), que baixa algo o tamaño, pero moito menos”.

3) Como funciona o sistema de cruces de Procross?

-O programa Procross baséase na rotación dos cruces na seguinte orde: primeiro crúzase a vaca Holstein cun touro Montbeliarde, despois esa filla cruzarase cun touro de raza Roxa Sueca (VikingRed) e a terceira xeración acoplarase cun touro de Holstein de novo, e volta a empezar co seu descendente.

-Este sistema permite aproveitar o vigor híbrido de forma indefinida.

-Progreso xenético: ao utilizar touros puros de cada unha deste tres razas e cun alto valor xenético, non só se logra reducir os efectos negativos da consanguinidade, senón mellorar a xenética xeral do rabaño.

PROCROSS_CRUCE_3

Máis información:

http://www.procross.info/
noel@globalgenetics.es

Enlace al estudio de la Universidad de Minnesota:
https://www.ansci.umn.edu/sites/ansci.umn.edu/files/procross_final_f1_first_lactation-kg.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *