Vantaxes das leguminosas anuais para a produción de leite en Galicia

Resumo do relatorio “Rotacións con leguminosas anuais para a produción de leite en Galicia” presentado polo investigador do CIAM, Gonzalo Flores Calvete, no último congreso da Sociedad Española para el Estudio de los Pastos.

Vantaxes das leguminosas anuais para a produción de leite en Galicia

Traballos de ensilado de leguminosas anuais nun dos ensaios realizados na finca de Mabegondo do CIAM

No relatorio presentáronse os principais resultados obtidos no CIAM no marco dos proxectos PGDIT -09MRU012E (1) e INIA RTA2012-0065-C05-02 (2) . Os ensaios estaban dirixidos á mellora do sistema de produción agrícola das explotacións lácteas galegas. Orientábanse á produción de ensilados de elevada calidade nutricional para a alimentación do gando vacún de leite incorporando novas especies de leguminosas anuais en cultivo monofito ou en mesturas con raigrases como cultivo invernal en rotacións de dous cultivo por ano con millo como cultivo de verán.

As especies avaliadas foron trevo alejandrino (Trifolium alexandrinum L.), trevo encarnado (T. incarnatum L.); trevo migueliano (T. michelianum Savi.); trevo persa (T. resupinatum L.) ssp. resupinatum e ssp. majus, trevo vesiculoso (T. vesiculosum Savi.) e serradella (Ornithopus sativus Brot.) e os raigrases utilizados nas mesturas foron raigrás italiano (Lolium multiflorum L.) e raigrás híbrido (Lolium x boucheanum K.).

Contexto dos estudos

a) Interese pola recuperación do cultivo de leguminosas nos sistemas de produción de leite. A atención acerca da recuperación do cultivo de leguminosas forraxeiras en Europa ven en parte obrigado pola necesidade que teñen os agricultores de adaptar o seu modelo de manexo ás novas condicións económicas e políticas que recollen as demandas dos axentes sociais relativos ao desenvolvemento dunha agricultura produtora de alimentos de calidade, seguros, a prezos alcanzables e con modelos de produción de impacto reducido sobre o medio ambiente.

A iso non é alleo o sector produtor de leite, cuxo futuro se ve gravemente comprometido nunha situación de baixos prezos do leite e de inputs caros e volátiles nun mercado cuxa produción xa non está continxentada.

b) En Galicia a produción de leite segue maioritariamente un modelo intensivo, dependente do cultivo do millo. Galicia produce aproximadamente o 40% do leite de vacún e concentra o 53% das explotacións leiteiras do total do Estado español en áreas climáticas de marcada influencia oceánica, con temperaturas en xeral suaves e precipitacións abundantes repartidas de forma irregular ao longo do ano, máis frecuentes no período outono-primavera e cun período de déficit hídrico centrado nos meses de verán. Este carácter de mediterraneidade, menos marcado na zona costeira, vaise acentuando até chegar ao clima de tipo mediterráneo-temperado do interior de Lugo.

Comparando a información obtida en enquisas realizadas no CIAM a explotacións leiteiras galegas nos anos 1996 e 2013 obsérvase que, no devandito período, o número de explotacións reduciuse a unha cuarta parte (de 47 mil a algo menos de 12 mil), a produción de leite total aumentara nun 68% (de 1.6 a 2.4 millóns de toneladas) e a produción por explotación multiplicouse por seis (de 35 mil a 201 mil kg de leite/explotación).

Estes cambios, en ausencia das dificultades para acomodar o incremento de tamaño das explotacións que permaneceron no sector co correspondente aumento da base territorial forraxeira motivaron un aumento da carga gandeira e da dependencia da subministración de concentrados.

En paralelo produciuse unha maior intensificación forraxeira da SAU dispoñible centrada nun incremento do cultivo do millo forraxeiro, o predominio dos ensilados sobre o consumo de forraxes frescas e unha diminución do uso de herba de pradaría, o cal se pon de manifesto sobre todo nas explotacións de maior dimensión. Para as granxas con máis de 300.000 kg de cota láctea, o cultivo de millo forraxeiro ocupaba de media en 1996 o 11% da SAU e achegaba o 22% da materia seca forraxeira producida, mentres que en 2013 estas porcentaxes elevábanse ao 44% da superficie e ao 63% da materia seca forraxeira obtida na explotación. A contribución da herba de pradeira ao total dos recursos forraxeiros destas explotacións reduciuse proporcionalmente desde o 78 ao 37% neste período.

A rotación máis popular é a de millo con raigrás italiano anual (60% das explotacións), pero case un 30% dos agricultores deixaban o terreo sen cultivar durante o inverno. Por outra banda, menos do 2% das granxas que cultivaban millo en rotación inclúen unha leguminosa na mesma. O raigrás italiano, manexado nun único corte, con frecuencia presenta contidos en proteína moi baixos e non é infrecuente o encamado.

Os estudos realizados até a data para atopar especies leguminosas que encaixen nas rotacións con millo, como vezas, chícharos e faballóns sinalaron diversos problemas relativos á variabilidade anual dos rendementos e calidade do cultivo invernal e á incidencia ocasional do encamado da colleita. Estes inconvenientes, xunto coa dificultade do manexo das mesturas destas leguminosas con cereal, fan que até o momento a súa incorporación ás explotacións non se realizase con éxito.

Resultados medios dos ensaios realizados en explotacións colaboradoras entre  2010 e 2014: 

FLORES_01

n: número de fincas (de aproximadamente 1 ha de superficie) sementadas nas explotacións

c) Faise preciso mellorar a rotación de cultivos forraxeiros predominante (raigrás italiano anual-millo) toda vez que, sendo de alta produtividade e alto valor enerxético, ten un baixo contido proteico, o que obriga a un alto uso de materias primas proteicas importadas para equilibrar a ración. Postúlase que a introdución das leguminosas forraxeiras chamadas “de segunda xeración” permitirían aumentar a produción de proteína na explotación e reducir o custo de produción. Estas leguminosas forraxeiras, aínda que melloradas moitas delas no hemisferio sur, proceden de área mediterránea europea e algunhas eran utilizadas non fai moito na agricultura galega, tendo hoxe desaparecido. Adaptadas a un amplo rango de climas e chans diversos foron obxecto de selección, entre outros atributos, en base á súa produtividade na primavera, a profundidade do seu sistema radicular, ampla estación de crecemento e asociación simbiótica adaptada a chans acedos. Até a data non existían estudos previos con información local acerca do seu comportamento produtivo nos sistemas forraxeiros intensivos da zona atlántica española, a calidade das súas ensilados nin tampouco da súa utilización nas dietas do gando vacún leiteiro.

Estrutura da exposición de resultados e conclusións dos estudos realizados

Os resultados que se expuxeron, estruturáronse en catro partes, relativas a:

1) Caracterización agronómica e nutricional de sementeiras monofitas de leguminosas anuais e as súas mesturas con raigrases aproveitadas para ensilar na primavera, realizada en pequena parcela

2) Extensión de resultados a explotacións colaboradoras

3) Produtividade das rotacións con millo, en gran parcela

4) Avaliación da resposta, en termos de produción e composición en acedos graxos do leite, á inclusión de ensilados de novas leguminosas forraxeiras anuais na dieta do gando vacún leiteiro.

Rendemento da rotación de dous cultivos por ano obtidos en gran parcela (8 ha), medias dos anos 2012 a 2014: 

FLORES_02

Gcal ENL: Xigacalorías de enerxía neta leite

Conclusións

-Os ensaios en pequena parcela evidenciaron a boa produtividade e apreciable valor nutricional do cultivo invernal de leguminosas anuais sementadas ou non en mestura con raigrás.

-As leguminosas anuais presentan unha alta produtividade e un elevado valor nutricional, adaptándose a un aproveitamento nun único corte para ensilar a finais de abril-comezos de maio, compatible cos labores de preparación do terreo e sementeira do millo.

-Os trevos migueliano e persa resupinatum para aproveitamentos máis precoces e o trevo encarnado nos máis tardíos parecen ser as especies de leguminosas anuais máis interesantes para rotar co millo como cultivo de verán nas explotacións leiteiras galegas.

-Recoméndase a asociación das leguminosas con raigrás italiano ou híbrido co fin de asegurar a implantación do cultivo e mellorar a ensilabilidade da mestura, que podería estar comprometida pola alta humidade das leguminosas no momento do corte.

-Os raigrases poden presentar valores moi baixos de proteína, polo que é esencial asegurar unha proporción adecuada de leguminosas na mestura, que como mínimo debería ser do 50% da materia seca (MS) total. A este respecto, a menor agresividade do raigrás híbrido faino preferible ao raigrás italiano cando a colleita se realiza a finais de abril-comezos de maio.

-Os resultados obtidos en explotacións colaboradoras mostran que as mesturas múltiples de leguminosas con raigrás híbrido son as máis equilibradas e produtivas, sendo a opción preferida polos agricultores.

Nestas condicións, son de esperar rendementos do cultivo invernal comparables aos do cultivo monofito de raigrás italiano, próximos a 5 t MS/ha, cun contido de proteína superior ao 12%.

-A inclusión de leguminosas anuais como cultivo de inverno mellora nun 30% o rendemento total de proteína bruta por hectárea da rotación con millo sen penalizar a produtividade de materia seca e de enerxía neta leite, comparadas coa rotación habitual raigrás italiano anual – millo. Pódense esperar, para o conxunto da rotación, producións de entre 18 e 20 t MS/ha, achegando o cultivo de inverno aproximadamente 1/3 do total e o de millo os 2/3 restantes.

-A estas vantaxes habería que sumar a redución do custo da fertilización nitroxenada no caso de utilizar mesturas de leguminosas anuais, comparadas co raigrás italiano. No caso de utilizar abonos sintéticos o aforro cífrase nun 10-12% do custo total do cultivo.

-Os resultados obtidos cos ensilados realizados en gran parcela mostran que é posible obter unha fermentación aceptable das mesturas de leguminosas soas ou con raigrás cando se realiza un presecado lixeiro, de 24 h con bo tempo, suficiente para alcanzar un nivel de materia seca do 27-30%. A adición dun inoculante a base de bacterias lácticas homofermentativas asegura a boa conservación dos ensilados.

-Os ensaios de alimentación realizados con vacas leiteiras evidencian a potencialidade das racións forraxeiras en base a ensilados de herba e de millo para producir leite con uso reducido de concentrados, na contorna de 160-190 g de penso/litro.

-A substitución de ensilados de raigrás por ensilados de leguminosas anuais permite reducir a proteína do concentrado e, en consecuencia, abaratar o custo da ración, sen que a inxestión voluntaria nin a produción de leite véxanse afectadas. A contía económica da redución dependerá da relación de prezo entre as materias primas proteicas e o cereal en cada momento, estimándose na actualidade ao redor dun 6% do custo da ración.

O perfil graso do leite é mellorado, desde o punto de vista da saúde humana por:

.A substitución de ensilados de raigrás polos de leguminosas anuais
.A utilización dun inoculante a base de bacterias lácticas homofermentativas con ensilados presecados lixeiramente,
.O corte directo fronte ao presecado

Resultados dos ensaios de alimentación de vacas de leite (2012 a 2014): 

FLORES_03

Composición da ración (sobre MS): 50% ensilado de raigrás ou de leguminosas, 25% ensilado de millo, 25% concentrado. Proporción de torta de soxa no concentrado: variábel segundo o contido en PB dos ensilados (media Raigrás: 7.4 %MS, media Leguminosas: 14.6 %MS) para lograr un 16% PB na ración unifeed. Ensaios realizados con vacas Holstein do rabaño experimental do CIAM de potencial medio (8.000-9.000 kg/lactación) entre os días 60 e 150 da lactación, cun 15-20% de primíparas en cada grupo.

Fronte ás vantaxes mencionadas da inclusión de leguminosas nos cultivos de inverno débense contrapor, entre outras:

-A delicada implantación das leguminosas esixe unha preparación do terreo moi coidadosa, que ás veces é dificultada polas choivas de outono

-A súa pouca agresividade no establecemento adoita requirir o uso de herbicidas

-Hai escaseza de materias activas autorizadas para este cultivo

-En aproveitamentos precoces os rendementos poden ser baixos, polo que é necesario esperar a finais de abril-comezos de maio para obter un rendemento adecuado

(1)Financiado pola Dirección Xeral de Investigación (Consellería de Economía, Xunta de Galicia)
(2)Proxecto coordinado entre os centros de investigación de Galicia (CIAM), Asturias (SERIDA), Cantabria (CIFA), País Vasco (NEIKER) e Navarra (INTIA), cuxo obxectivo central é mellorar a competitividade do sector produtor de leite nas comunidades da Cornixa Cantábrica e Galicia ligada á calidade, á seguridade alimentaria e á innovación dos sistemas de produción de leite con base forraxeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información