Vai ser posible no 2018 a negociación colectiva do prezo do leite?

Os cambios da normativa europea e española sobre as organizacións de produtores de leite clarificaranse antes de final de ano. A cuestión por aclarar é se as modificacións obrigarán ás industrias a negociar prezos e condicións

Vai ser posible no 2018 a negociación colectiva do prezo do leite?

Reunión do Ministerio co sector lácteo. / Arquivo.

A metade das explotacións lácteas galegas pertencen a dúas organizacións de produtores, Ulega e Aprolact, pero ningunha das dúas foi nunca capaz de negociar o leite dos seus socios coas industrias. As empresas transformadoras limítanse a asinar contratos individuais con cada granxa e eluden calquera intento de negociación colectiva. Pode cambiar esta situación de cara ó 2018?

A Comisión Europea quere modificar a normativa das organizacións de produtores de leite antes de fin de ano, previsiblemente a través do regulamento ómnibus. Un dos posibles cambios pasa por obrigar ás industrias a negociar os prezos do leite coas organizacións de produtores, se ben é unha cuestión que está no aire.

As decisións que tome Bruxelas sobre as organizacións de produtores de leite condicionarán a súa vez a revisión do paquete lácteo na que traballa o Ministerio de Agricultura. O obxectivo de Agricultura sitúase tamén en potenciar as organizacións de produtores (OPs). Nun primeiro borrador da reforma, o Ministerio propuxo que cada granxa asine un mandato sobre o volume de leite que quere negociar a través da súa organización de produtores (OP). Ese leite quedaría automaticamente excluído de calquera contrato individual que puidese asinar a granxa cunha industria.

Desde Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias, entenden esa proposta como insuficiente e pediron que se lle prohíba ás industrias negociar de xeito individual coas granxas asociadas a unha OP. Son conscientes, non obstante, de que as peticións e presións das industrias van en sentido contrario. Agricultura está agora á expectativa do que se decida na UE para tomar despois as súas decisións.

“As cooperativas poderían estar dispostas a reactivar a súa organización de produtores se hai garantías sobre a súa operatividade” (Higinio Mougán, Agaca)

Expectativas en Galicia
Os cambios da normativa xeran expectativas nas dúas organizacións de produtores galegas, Ulega, xestionada por Unións Agrarias, e Aprolact, polas cooperativas. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) celebrou a pasada semana unhas xornadas para valorar as perspectivas de futuro das organizacións de produtores, se ben non foi posible unha conclusión clara.

“Hai moitas cuestións no aire. É patente que a Comisión Europea quere potenciar as OPs e que hai que depurar o sistema para condicionar ás industrias a negociar coas organizacións de produtores, pero non sabemos aínda como vai quedar a normativa”, explica o director xerente de Agaca, Higinio Mougán. “As cooperativas poderían estar dispostas a reactivar a súa organización de produtores sempre que haxa unha certa seguridade do seu funcionamento e operatividade”, subliña.

O sector gandeiro agarda cambios que convirtan ás organizacións de produtores en instrumentos operativos. Desde Ulega advirten tamén da necesidade de que as granxas se conciencien sobre a importancia da negociación colectiva.

“Os produtores temos que tomar conciencia de que hai que negociar en conxunto e elixir ós gandeiros máis axeitados para que nos representen” (Román Santalla, Unións Agrarias)

“En tanto non sexa posible a negociación, insistir nas organizacións de produtores é como mallar en ferro frío” -valora Román Santalla, de Unións Agrarias-Upa.- “Agora ben, se hai un cambio normativo que posibilite as negociacións, os gandeiros temos que tomar conciencia de que hai que negociar, de que temos que elixir ós gandeiros máis axeitados para que nos representen nas negociacións e de que vai ser un proceso complicado”, apunta Santalla, que participa en reunións institucionais en Madrid e Bruxelas nas que se está a abordar o futuro das OPs.

Santalla considera que as organizacións de produtores poden contribuír a unha maior estabilidade para as granxas e considéraas o camiño de futuro, pois coa potenciación das organizacións de produtores, a Comisión Europea quere tamén contar con instrumentos que lle permitan ós gandeiros planificar a produción, decidindo cando aumentar ou reducir as entregas e mesmo xestionando os seus excedentes, unha cuestión que os gandeiros consideran excesiva.

Índices de indexación de contratos

No proceso de reforma do paquete lácteo en España, Unións Agrarias-Upa solicitoulle ó Ministerio un cambio normativo que impida o uso nos contratos lácteos de índices de indexación manipulables e unilaterais. Unións defende os índices aprobados conxuntamente por todo o sector na Interprofesional Láctea (Inlac). Eses índices de indexación establecen como deben evolucionar os prezos do leite en función de parámetros obxectivos de mercado.

Nunha recente visita a Lugo do presidente da Interprofesional Láctea, José Armando Tellado, Campo Galego preguntoulle precisamente polo escaso uso dos índices da Inlac nos contratos. A ese respecto, Tellado avogou por facer pedagoxía sobre a “bondade” que ten para toda a cadea a súa utilización.

“Tamén hai que destacar que a cadea remata no consumidor nun extremo e no gandeiro noutro. É importante que todos teñamos sensibilidade. En tanto haxa asimetrías na negociación entre gandeiro, industria e distribución, vai ser máis difícil resolver os índices” -valorou Tellado-. “Na Inlac estamos traballando para buscar un equilibrio na cadea de valor e que haxa índices que vaian desde o gandeiro ata a distribución”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información