“A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido”

Entrevista a Giuseppe Beltramino, xuíz do XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga 2019 e do XXXV de Frisoa Gandagro 2019 celebrados na Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro, en Silleda

“A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido”

Giuseppe Beltramino con Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, Vaca Gran Campioa do autonómico e do Open Internacional de 2019.

O italiano Giuseppe Beltramino criouse nunha granxa de Turín dun centenar de vacas frisoas, unha explotación na que aínda segue involucrado xunto aos seus irmáns. Traballa como director de exportacións da firma italiana especializada en xenética de vacún Intermizoo e tamén ten colaborado con algúns dos mellores criadores europeos como instalador profesional.

Giuseppe é xuíz oficial da asociación nacional italiana da raza Frisoa (Anafi) desde hai doce anos e este pasado sábado foi o responsable de avaliar ás máis de 160 vacas inscritas no XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga 2019 e o XXXV de Frisoa Gandagro 2019, celebrados ambos no marco da Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro, en Silleda (Pontevedra).

¿Que calidades valoraches en Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, que foi a vaca Gran Campioa de Galicia, que tamén foi a vaca Gran Campioa do Concurso Internacional?
Realmente é unha vaca de nivel internacional, tal e como comentei xa no concurso e con algúns criadores. É unha vaca á que resulta difícil atoparlle defectos. É unha vaca para competir en Europa ou en todo o mundo.

Ten traxectoria de futuro?
Desde logo, é unha vaca con moito futuro. Antes de xulgar un concurso, un xuíz espera sempre atoparse este tipo de vaca, este tipo de perfección, xa que así é moito máis fácil facer o traballo.

“As vacas galegas teñen moito carácter leiteiro e calidade de óso. Nótase que hai un traballo xenético desde hai moitos anos”

Son realmente este tipo de vacas de concurso factibles nunha explotación?
Si, por suposto. É unha vaca grande, pero tampouco demasiado, e non fai falta tampouco que sexa máis grande xa que agora tentamos que a raza non sexa de maior tamaño. Nos últimos tempos estase a tentar controlar a estatura dos animais para que sexa máis fácil o seu manexo e coidado. Neste caso é realmente unha vaca moi correcta.

Que teñen as vacas galegas para chegar a ser campioas?
As vacas galegas teñen moito carácter leiteiro e moita calidade de óso. Nótase que hai un traballo de selección xenética desde hai moitos anos xa.

En que aspectos crees que se debería seguir mellorando en Galicia?
Simplemente hai que seguir, do mesmo xeito que estamos a facer no resto de sitios, axustando o tamaño para non ter exemplares de moita altura. Como en toda a raza Holstein, o futuro en Galicia pode estar nunha vaca cunha estatura un pouco menor.

Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia?
Paréceme que as vacas galegas son moi boas, non é a primeira vez que estou en Galicia e eu mesmo comprei xa en Galicia unha das vacas da miña explotación que é, ademais, á que máis cariño lle teño. É unha vaca que comprei no 2014 a Marcelino Pozo. Por iso, xa non me sorprende ver tan boas vacas en Galicia. Creo que se está facendo un moi bo traballo por parte dos gandeiros galegos.

“Como en toda a raza Holstein, o futuro en Galicia pode estar nunha vaca cunha estatura un pouco menor”

Precisamente esa vaca galega, criada en Lugo, e que se converteu na mellor desa edición en Cospeito e só un ano despois tamén validou o título como mellor frisoa produtora de leite en Italia, logrou máis títulos?
Despois diso foi dúas veces mención de honra no concurso Swiss Expo, en Suíza, un dos concursos europeos de maior nivel internacional. Tamén foi á confrontación europea en Francia en 2016. É unha vaca que gañou moitas veces na súa sección e é un animal que xoga un papel moi importante.

Segues téndoa na explotación?
Por suposto que segue na nosa gandaría e recentemente vendemos a Holanda unha filla, unha tenreira, que gañou en Swiss Expo xa a primeira sección, que é moi longa e difícil.

Que tipo de vacas che gusta ter na túa gandaría?
Busco para a miña gandaría o mesmo que cando exerzo de xuíz nos certames. Busco vacas correctas, de moito leite, vacas moi femininas, con calidade de óso. Procuro vacas que se muxan fácil e que teñan esa natureza leiteira.

Como xorde a túa vinculación cos concursos morfolóxicos?
Empecei a concursar co meu irmán cando tiña 15 anos e as primeiras veces que saímos da rexión normalmente quedabamos de últimos ou case nos derradeiros postos. Pero seguimos aguantando, traballando sen perder nunca o ánimo e agora a verdade é que imos tendo bos resultados, aínda que sempre se pode mellorar e seguimos traballando para iso. Aínda que para nós agora na explotación non é só un tema de gañar concursos senón de contar cun nivel alto cada ano, logo aínda que quedes terceiro non pasa nada se vas asegurando ano tras ano estar nese nivel. Hai moito nivel, criadores moi bos, polo que o importante é contar con vacas de alto nivel, que estean en boas condicións de saúde e benestar.

“Cando as gañadoras son vacas que producen moito leite todo o mundo debería de estar dacordo e recoñecer a súa calidade”

Nun momento en que a pureza da raza Holsteien e os concursos están no punto de mira, que lle replicarías?
Os concursos ás veces teñen razón á hora de elixir boas vacas, outras veces non. Cando as gañadoras son vacas que producen moito leite todo o mundo debería de estar dacordo e recoñecer a súa calidade . A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido. Se a vaca non saca moito leite, aínda que a morfoloxía sexa correcta non pode gañar.

Unha vaca gañadora ten que sacar moito leite e aguantar moito tempo na granxa. Logo é tamén un tema de ambiente, a vaca ten que estar nunhas condicións de benestar adecuado, hai que coidar tamén a súa alimentación. Se a vaca come ben, vive ben, traballa ben e saca boas producións e puntuacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información