“A vaca é aquí a que máis ordea”

Joao Eleuterio é un gandeiro das Azores cunha explotación en pastoreo caracterizada pola excelencia xenética. As súas reses producen unha media de 12.150 litros anuais, cunha ración alta en silo de millo e concentrado

“A vaca é aquí a que máis ordea”

Joao Eleuterio, nos pastos co seu rabaño.

Na gandería de Joao Eleuterio, na Illa Terceira (Azores, Portugal), as vacas teñen vida de marquesas. Pasan o día comendo ou tumbadas no prado, lévanlles alí a ración e tamén son muxidas nos propios pastos cunha sala móbil, que segue a rotación diaria de parcelas cos animais. “A vaca é aquí a que máis ordea” -resume un técnico da cooperativa Unicol, da que forma parte a granxa-. “Todo o manexo da vaca se fai no prado, co que se evitan grandes desprazamentos dos animais e redúcense os problemas de patas e o gasto enerxético”, analiza.

As vacas da gandería de Joao Eleuterio caracterízanse pola súa excelencia xenética. A granxa, que conta cunhas 100 vacas, mantén unhas producións medias de arredor de 12.150 litros por animal, con medias do 3,1 de graxa e 3,1-3,2 de proteína. Joao chegou a ter unha vaca cun pico de 20.000 litros de produción e conta na actualidade con outra res que chega a 18.000 litros e que xa está na súa sexta lactación.

En primeiro termo, vaca que produce 18.000 litros ó ano.

En primeiro termo, vaca que produce 18.000 litros ó ano.

O rabaño da explotación vive nos pastos os 365 días do ano día e noite, algo que é posible polo benigno clima das illas Azores, con temperaturas que se moven todo o ano no arco dos 10 ós 27 graos centígrados, sen grandes fríos no inverno nin vagas de calor extremas no verán. As vacas rotan de parcela dúas veces ó día e seguen un sistema de rotación fixo de fincas, de xeito que repiten parcela cada 30-40 días.

Ese é o manexo que seguen a práctica totalidade das ganderías das Azores, unhas illas que producen un terzo de todo o leite de Portugal. Dentro do sistema de pastoreo, conviven non obstante distintas tendencias. Desde explotacións que basean a alimentación das vacas nos pastos, con mínimas aportacións de concentrados e sen silo de millo, ata outras, como a de Joao Eleuterio, que empregan racións con altas cantidades de silo de millo e concentrado, homologables ás que dan en Galicia explotacións estabuladas.

Comedeiros nos pastos.

Comedeiros nos pastos.

No caso da gandería de Joao Eleuterio, a ración de concentrado sitúase nuns 10-11 quilos por animal e día, en tanto a ración de silo de millo ronda os 25 quilos diarios. A comida é aportada nos propios pastos, en comedeiros que se rotan de parcela acompañando ó rabaño.

Parque de alimentación da Gandería Costa.

Parque de alimentación da Gandería Costa.

Parques de alimentación
Unha parte das explotacións das Azores optou nos últimos anos por habilitar parques de alimentación cubertos, anexos a salas de muxido fixas. É unha alternativa que busca unha mellor conservación da comida, de xeito que non se vexa afectada pola chuvia ou polas propias pisadas dos animais, no caso das racións que se reparten sobre a herba.

Marcial, da Gandería Costa, nunha visita de gandeiros galegos.

Marcial, da Gandería Costa, nunha visita de gandeiros galegos.

Unha das explotacións que montou nos últimos anos un parque de alimentación é a gandería de Humberto Costa, unha granxa da illa Terceira duns 160 animais en muxido e que dispón de 110 hectáreas de terras, das que unhas 40 se adican ó cultivo de millo e o resto a pastos durante todo o ano.

A granxa, que se move en cifras de 23 litros díarios por vaca, cun 3,43 de proteína e un 3,88 de graxa, apórtalles comida ós animais dúas veces ó día, aproveitando o muxido. O concentrado, a razón dunha media de 6 quilos por animal, apórtase na propia sala da muxido, e no parque de alimentación distribúese unha ración diaria de 15 quilos de silo de millo e 9 de silo de herba por animal.

Gandería dos Irmáns Tavares, na Illa de San Miguel.

Gandería dos Irmáns Tavares, na Illa de San Miguel.

O maior inconvinte do sistema do parque de alimentación son os desprazamentos entre os pastos e o instalación dúas veces ó día. Outra gandería que segue ese mesmo sistema de pastos combinados con parque de alimentación e sala de muxido fixa é a dos irmáns Tavares, na illa de San Miguel. Para tratar de minimizar os desprazamentos, a granxa adica as fincas máis lonxanas ó cultivo de millo e ó pasto das xovencas e vacas secas, en tanto as máis próximas ó parque resérvanse para o pastoreo das vacas en muxido.

Durante a primavera, no periodo abril – xuño, a explotación dos irmáns Tavares alimenta ós animais exclusivamente con pastos e cunha pequena ración de concentrado, que ronda os 200 gramos por litro de leite producido. O resto do ano, apórtanlle ós animais unha ración de 10-15 quilos de silo de millo e de silo de herba. A gandería, que ten 120 vacas en muxido, dispón dunhas 65 hectáreas, un 80% delas dedicadas a pasto e o resto a millo. A súa produción media ronda os 8.000 litros por animal, con calidades dun 3,3 de proteína e un 4,4 de graxa.

Pedro Tavares.

Pedro Tavares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información