lactalis xulgado estandar

Unións ratifica no xulgado a denuncia contra Lactalis – Puleva

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, mantén que existe unha apropiación indebida de máis de 2,5 millóns de euros por parte da industria. As cadeas de distribución confirman os pagos a maiores á empresa

O proceso contra Lactalis – Puleva continúa segundo o guión previsto. Tras a comparecencia no xulgado dun representante da industria semanas atrás, agora tocoulle o turno ó secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que pasou polo xulgado de Santiago para ratificar a denuncia contra a industria por suposta apropiación indebida de 2,5 millóns de euros.

García lembrou no xulgado o acordo pactado en decembro de 2015 coa maioría das grandes cadeas de supermercados, logo dos bloqueos realizados polos gandeiros. As cadeas de distribución comprometéranse daquela a subirlle ás industrias 2 céntimos os pagos polo leite de marca branca, na idea de que eses cartos lle fosen trasladados ás granxas.

Ese traspaso dos cartos ás explotacións, sinala García, produciuse en tódolos casos salvo no de Lactalis. “Desde decembro do 2015, todas as industrias pagaron relixiosamente, polo que non se entende por que Lactalis se quedou cos cartos”, cuestiona o secretario xeral de Unións.

Na xornada de onte, compareceu tamén no xulgado a cadea de supermercados Dia, que confirmou que lle está pagando a Lactalis – Puleva 2 céntimos máis por litro desde decembro do 2015, unha cantidade que se consigna por separado nas ordes de pago, a maiores do prezo negociado con Lactalis.