Unións pide máis implicación da Xunta e dos cazadores para reducir os estragos do xabarín na sementeira do millo

Unións pide máis  implicación da Xunta e dos cazadores para reducir os estragos do xabarín na sementeira do millo

Estragos dos xabaríns nun prado do Deza

Unións Agrarias ven de remitir unha carta ao Xefe Territorial da Consellería do Medio Ambiente da provincia de Pontevedra, instando a que se tomen medidas para garantir unha axeitada campaña de sementeira do millo, que comenzará nos próximos meses de abril e maio. Trátase de evitar que se repitan os estragos dos últimos anos, que mesmo obrigaron aos gandeiros nalgúns casos a resementar as leiras.

No caso concreto dos gandeiros do Deza, xa están preocupados “ante os danos nos prados e pastos nestas semanas, o que permite augurar a repetición de graves problemas durante a campaña de sementeira do millo”. Non hai que esquecer que Galicia é a Comunidade onde se cultiva máis millo forraxeiro, con máis de 65.000 hectáreas, e que a comarca do Deza destaca con máis de 22.000 ha de cultivos forraxeiros, dos que máis de 4.000 ha se destinarán a millo nos próximos meses.

Os gandeiros están preocupados ante os danos nos prados e pastos estas semanas

Dende Unións lembran que “a sementeira do millo coincide coa veda da caza do xabarín, co cal a única forma de actuar ante danos nos cultivos é mediante a autorización de medidas excepcionais de caza, sexan batidas ou esperas nocturnas”, unhas medidas que, sen embargo, non poden solicitar directamente os gandeiros afectados, senón que teñen que ser os cazadores os que as soliciten, e Medio Ambiente quen as autorice. De feito, nos últimos anos púxose en marcha un protocolo de colaboración mediante o cal os afectados poden trasladar os danos á Administración directamente ou a través das organizacións agrarias.

Sen embargo, dende o sindicato agrario advirten de que “o ano pasado houbo na comarca un malestar xeral ante a pouca implicación de Medio Ambiente e os TECOR para actuar con dilixencia cando se lles trasladaba a existencia de danos”.

“Os gandeiros botan en falta máis implicación dos Tecor e da Consellería de Medio Ambiente”

Por todo elo, na misiva de Unións Agrarias se insta a Medio Ambiente a actuar para evitar “o desastre económico para moitos produtores, pedimos desta Xefatura Territorial que se continúe coas batidas e a presión sobre estas poboacións de xabaríns sobredimensionadas, incompatibles coa actividade produtiva nunha zona agraria como a nosa, e que se autoricen cantas batidas sexan precisas para garantir un normal desenvolvemento da campaña do millo”.

Asemade piden que se desenvolva un Regulamento da Lei de caza (actualmente en redacción 3 anos despóis da aprobación da Lei 13/2013 de caza de Galicia), onde se teña en conta as demandas do sector agrario para facilitar o control das poboacións de xabarín e evitar danos na agricultura. Do mesmo modo, demandan que se desenvolva o Fondo de Corresponsabilidade que figura na propia Lei de Caza de Galicia, a fin de pagar os danos e medidas de prevención.

Unións Agrarias lembra que “neste ano, a diferencia do ano pasado, non existe unha partida orzamentaria da Xunta para o pago dos danos do xabarín, o que fai aínda máis perentoria a necesidade de ir por diante, e non por detrás do problema da repetición dos estragos nas colleitas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información