Unións esixe que se faga efectivo o anticipo da PAC 2016

Andalucía, Castela A Mancha ou Castela e León xa están realizando o anticipo da PAC, que a Comisión Europea permite efectuar dende o pasado 15 de outubro. Unións advirte de que “as dificultades económicas que viven as explotacións non admiten demora”

Unións esixe que se faga efectivo o anticipo da PAC 2016

As ganderías de vacún de leite son das máis necesitadas do adianto da PAC

O sindicato Unións Agrarias esixe á Consellería de Medio Rural que se liquiden o anticipo das axudas europeas da PAC correspondentes ao exercicio de 2016, dada a “situación de extremada debilidade económica na que se atopan sobre todo as explotacións de leite de Galicia”.

A organización agraria lembra que once comunidades autónomas españolas xa se ten iniciado ese desembolso económico ou van a inicialo nesta primeira semana de novembro, co fin de paliar os efectos das caídas de renda agraria que está provocando o afundimento dos prezos en orixe das distintas producións. “Porén en Galicia aínda non hai noticias de cando se vai a iniciar o pago a pesar das incertezas polas que atravesa o sector”, advirten dende o sindicato.

A este respecto, Unións lembra que “a propia Comisión Europea xa ten autorizado desde o pasado 16 de outubro a liquidación das cantidades correspondentes ao exercicio do 2016”.

En Galicia o adianto das axudas da PAC supón para os arredor de 20.000 agricultores e gandeiros que teñen feita a solicitude, unha entrada de fondos arredor 69.7 millóns de euros que lles permite ter unha mínima liquidez para afrontar os pagos máis urxentes, sobre todo nas explotación de leite.

Consellería: “Traballamos para realizar o ingreso o antes posible”

Fontes da Consellería do Medio Rural informan de que “estase traballando para realizar o adianto o antes posible”. En todo caso, confían en que non se demorará tanto como o pago da PAC do 2015, que se prolongou ata o mes de maio, “grazas a que se solventaron boa parte dos problemas coa nova aplicación informática para a xestión das PAC”.

Andalucía, Castela a Mancha ou Castela e León xa realizaron o adianto da PAC

Unha das Comunidades máis adiantadas no ingreso do anticipo da PAC 2016 é Andalucía, que o 17 de outubro xa adiantou 648 millóns de euros, sobre todo das axudas asociadas vinculadas á produción. Esta mesma semana a Junta de Andalucía comezou a ordenar o ingreso da segunda quenda de pagos correspondentes ao anticipo das axudas directas da PAC, por importe de 108 millóns de euros. Estes abonos comprenden incentivos das liñas do réxime de pequenos agricultores e axudas asociadas aos cultivos proteicos, as legumes de calidade e as explotacións de vacún de leite. Tamén inclúen pagamentos relativos a subvencións ao vacún de leite con dereitos especiais en 2014 sen hectáreas admisibles para o réxime de pagamento básico.

En Castela A Mancha o goberno rexional tamén ingresou a axuda anticipada do 70% do pago básico e do pago verde para uns 40.000 pequenos agricultores, aqueles que reciben menos de 1.250 euros de axudas da PAC.

Na comunidade veciña de Castela e León o seu goberno autonómico tamén anunciou a súa intención de ingresar o anticipo das axudas da PAC a comezos deste mes de novembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información