Unións denuncia que a un bo número de mozos que se incorporaron non se lles aprobou o plan de mellora

A organización agraria critica que un bó numero de mozos aos que se lle aprobou a incorporación, quedaron sen axudas para plans de mellora. Pide que a Xunta resolva as axudas de 2017 antes do verán. A consellería anuncia que a convocatoria publicarase en febreiro

Unións denuncia que a un bo número de mozos que se incorporaron non se lles aprobou o plan de mellora

Silos de Gandería Sar SC, construídos grazas a un plan de mellora

O sindicato Unións Agrarias pide á Consellería do Medio Rural a apertura inmediata dunha nova convocatoria de Plans de Mellora “para dar saída aos máis de 1.500 expedientes de solicitude de axudas para as granxas que quedaron fora no última exercicio”.

Na convocatoria de 2016, a primeira que se fai coas axudas do novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, das 2.378 solicitudes presentadas o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez aprobou un total de 1.232 expedientes nas tres liñas de axuda, coa seguinte distribución: 582 corresponden a plans de mellora, 618 a incorporación de mozos e os 32 restantes foron para pequenas explotacións.

Neste sentido, dende Unións consideran “un contrasentido que a Consellería presuma da incorporación de máis de 600 mozos ás explotacións agrarias cando a moitos deles se lles negou as axudas dos plans de mellora para construír ou modernizar as instalacións nas que van desenvolver a súa actividade agrogandeira”.

Unións pide que se habilite o antes posible unha nova convocatoria na que se asuman todos os expedientes que quedaron fóra

Ante esta situación, a organización agraria pide que “se habilite o antes posible unha convocatoria e que se asuman todos os expedientes que quedaron fóra na anterior sen necesidade de nova tramitación”. “Só así -subliñan- aprobando e resolvendo as axudas se poderían comezar as obras nas granxas no verán e así ter resoltas as modificacións no menor tempo posible”.

A Consellería asegura que a convocatoria das axudas 2017 sairá en febreiro

Dende a Consellería do Medio Rural aseguran que a vindeira convocatoria sairá para o mes de febreiro no Diario Oficial de Galicia, cun orzamento total de 65 millóns de euros. Para as axudas de plans de mellora a contía será de 40 millóns -4 millóns máis que na convocatoria de 2016-, para incorporación de mozos será de 20 millóns e para pequenas explotacións de 5 millóns de euros.

Na presentación o pasado mes de decembro das axudas aprobadas en 2016, a conselleira recoñeceu que “este ano quedaron sen aprobar un número importante de solicitudes de plans de mellora para explotacións gandeiras, que non pudemos atender polas limitacións orzamentaria”. Neste sentido, confiou en que o incremento en 4 millóns de euros na partida para esta liña de axudas na convocatoria de 2017 permita atender esta demanda.

Ademais, adiantou que “as persoas que xa presentaron as solicitudes para plans de mellora e non foron aprobadas este ano, se queren presentarse ás axudas de 2017 non terán que presentar toda a documentación se cumpre xa os requisitos, co obxectivo de reducir burocracia”.

Tributación das axudas

Por outra parte, Unións espera que “se actúe desde a Xunta contra a política recadatoria do Ministerio de Hacienda que insiste en facer caixa grazas ás axudas recibidas de Medio Rural naquelas explotacións que rexistraron incorporación de persoas mozas á actividade agrogandeira”. Deste xeito, as declaracións da renda dos produtores novos están sendo modificadas pola Axencia Tributaria co argumento de que os ingresos percibidos de man da Xunta de Galicia deben tributar como subvención corrente e non como axuda de capital polo que pasan directamente a liquidación de impostos do Irpf de ese ano.

Finalmente a organización agraria solicita que se abran novos centros no que se poidan realizar os curso de formación para os mozos que se incorporan ás granxas, “dado que tratándose dun programa de 250 horas, supón un custo importante que non deben asumir os futuros produtores desprazándose a estes centros”. “Para iso -aseguran- é necesario habilitar centros de proximidade que complementen a oferta existente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información